Evento
Encontro Literario en Fisterra
17/set./2017 a 17/set./2017
10:00 h a 6:00 h
09:09 05/09/17
Os vindeiros días 15, 16 e 17 de setembro terá lugar en Fisterra o I encontro literario internacional que leva por título “Atlántico e Mediterráneo: Mares de Palabras”, organizado polo concello xunto co grupo editorial Sial Pigmalión, a asociación cultural Concilyarte e o centro galego de Valencia.
O encontro arranca o venres, día 15, ás 17 horas coa inauguración oficial do evento que terá lugar no salón de actos do concello de Fisterra no que intervirán José Marcote Suárez – alcalde de Fisterra -; Teresa Fernández Martínez – concelleira de Cultura de Fisterra -; Mila Villanueva – voceira de Cultura do Centro Gallego de Valencia -; César Gavela – presidente de honra de Conciliarte -; Branca Vilela – escritora – e Basilio Rodríguez Cañada – escritor e presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión -.
A continuación será a primeira mesa redonda na que se tratará sobre o “Atlántico e Mediterráneo: unidos pola literatura” e logo os participantes subirán ata o faro para desfrutar dun recital poético na terraza de O Semáforo. Sobre as 20:15 horas celebrarase un acto de purificación a cargo de Mila Villanueva e, a continuación, observarase a posta de sol. A primeira xornada cun concerto de canto gregoriano na igrexa de Santa María das Areas.
O sábado, día 16 de setembro, o encontro comeza ás 10 horas cunha mesa redonda sobre “Atlántico e Mediterráneo: mares de palabras” que será no salón de actos do concello de Fisterra. Unha hora máis tarde, no mesmo sitio, será a terceira mesa redonda do encontro que tratará sobre “ Literatura, imaxinación e palabra”. A continuación, os participantes visitarán o Museo de Pesca de Fisterra e o momumento a Camilo José Cela. Xa pola tarde, ás 16 horas, “Muller, mar e literatura” será a temática da cuarta mesa redonda que dará paso a dous recitais poéticos. Ás 19 horas terá lugar a presentación da antoloxía “Costa da Morte: territorio literario” e a continuación haberá un espectáculo de baile tradicional e iberoamericana no porto de Fisterra.
O encontro internacional continúa o domingo, 17 de setembro. Entre as 10 e as 11 horas terá lugar no salón de actos do concello a presentación da antoloxía Poemario; unha homenae ao poeta Nikos Kavadias. A continuación, celebrarase a quinta e última mesa redonda que leva por título “Fisterra, final do Camiño de Santiago”. E xa ás 12 horas, será a clausura do encontro e a entrega de diplomas.
Fonte