Evento
III Feira Mariñeira Artesá en Corme
28/xul./2018 a 28/xul./2018
11:00 h a 11:55 h
21:42 23/07/18
O venres 27 de xullo coincidirán dous grandes acontecementos: o eclipse de lúa máis longo do século e (salvando as distancias) a III feira Mariñeira Artesá de Corme. Pola nosa banda non podíamos permanecer alleos a esa coincidencia, polo que
apagaremos o alumeado público para que poidades ver con nós, nas mellores condicións de escuridade, o fenómeno coñecido popularmente coma “lúa de sangue”.
A concelleira de Turismo, Susana Toja, indica que o venres 27 xa non se acenderá o alumeado público, polo que Corme permanecerá a escuras ata, aproximadamente, as 02:00 horas do sábado 28. Só haberá unha excepción: o escenario da praza da Ribeira durante a actuación da cantante Andrea Pousa, que será a estrela convidada desta primeira xornada de festa da artesanía e da música galegas. Así mesmo, desde o seu departamento estase a convidar aos expositores, que serán arredor de medio centenar, a que acudan con candís para ambientar aínda máis todo o recinto da Feira Mariñeira Artesá.
A III Feira Mariñeira Artesá, un evento promovido desde a concellaría de Turismo para poñer en valor a cultura galega a través de manifestacións tan variadas coma a artesanía, a música ou a maxia, celebrarase durante toda a fin de semana. Este ano
volveremos a ter concurso de caracterización, con distintas categorías, e premios para incentivar as compras. E ademais teremos moita música.
A III Feira Mariñeira Artesá será inaugurada o venres 27 ás 19:30 horas. Despois do acto oficial empezará a soar a música co grupo My Way, que estará en Corme durante as tres xornadas para animar as rúas. Esta primeira xornada terá como broche a actuación estelar de Andrea Pousa a partir das 23:00 horas.
Tanto o sábado coma o domingo os postos de artesanía estarán abertos a partir das 11:00 horas e durante todo o día. O sábado durante todo o día haberá un photocall a disposición de todo o público. Pola mañá volveremos a ter pasarrúas, e ás 14:00 horas
chegará outro dos grandes espectáculos da Feira Mariñeira Artesá con Festicultores, un dos grupos de música galega máis animados e divertidos do momento. Este ano contamos ademais cun pregoeiro de excepción, o escritor e actor cormelán Suso Lista, ao que teremos ocasión de escoitar tamén o sábado ás 22:45 horas. E despois, máis música na Praza da Ribeira con De Vacas e Adhara&Ritman.
A programación do domingo está pensada para un público familiar, polo que as actividades intensifícanse para os nenos e nenas. Na sesión vermú das 14 horas actuarán Xosé Lois e Aliboria, e a partir das 18:00 os máis pequenos poderán gozar con obradoiros infantís e co espectáculo do Mago Álex.