![]()
Halloween ou Samaín? En Ponteceso téleno claro! E este ano van celebralo por todo o alto cunha gran festa infantil á que están convidados/as todos os nenos e nenas do municipio. Nin os/as peques nin os/as maiores se van poder resistir o vindeiro día 31 á celebración que xa ten preparada a Asociación de Empresarios de Ponteceso, Cabana e Laxe, en colaboración co Concello de Ponteceso, para gozar do Samaín máis divertido e terrorífico dos últimos tempos.
O Campo da Feira da Trabe converterase nun gran espazo de ocio e diversión onde os peques da casa pasarano de medo entre xogos, obradoiros, disfraces e concursos. De 18:00 a 21:00 horas haberá un feixe de actividades para todos os gustos e idades coas que os participantes non poderán non deixar de rir e pasalo ben nin un segundo. Inchables, talleres pinta-caras, obradoiros con globos e un concurso de disfraces, previsto para as 20 h, son algunhas das propostas máis atractivas para o público miúdo.
Ademais de premiarse a orixinalidade dos disfraces, con premios aos tres primeiros clasificados/as, todos os e as participantes ao evento recibirán un agasallo a modo de recordo.
A entrada será libre e de balde. Así que, xa sabes, se tes nenos/as, anota na axenda a cita da vindeira semana co Samaín de Ponteceso. Van tremer de risa!