martes. 12.11.2024
El tiempo

Evento

Solpor acústico en Lira

28/xul./2016 a 28/xul./2016
22:00 h a 22:00 h
Solpor acústico en Lira
Solpores acústicos web

Solpores Acústicos é o primeiro ciclo de música en directo proposto dende o Albergue de Lira, Portaventosa. Nel, as actuacións musicais, en pequeno formato, amenizarán o goce dun dos nosos principais valores, as postas de sol e a perspectiva do promontorio de Fisterra e Monte Pindo.

Os concertos terán lugar todos os xoves, dende o 28 de xullo ata o 25 de agosto, comezando ás 22.00 h, xusto despois de despedir o sol dende a nosa terraza. Tras as dúas primeiras actuacións do grupo coruñés La Dance, e os cantautores César de Centi e Tato López, é a quenda da agrupación carnotán Alma Animal que despedirán o sol da tarde con reggae e rock.

O encargado de abrir o mes de agosto, a ritmo de grandes clásicos, será o artista santiagués Mr. Cool.

O 11 de agosto será o tempo doutro grupo local. Dende Cee, chega The Mojo Queen, cos seus arranxos dos clásicos dos 80.

E do blues, pop e rock, irémonos ao jazz. O 18 de agosto será o momento de Grus Art Trío, liderado por un clásico galego, Fito Ares.

Pechará Solpores Acústicos 2016 o cantautor de Sada Paris Joel, acompañado na percusión por Tonu Leiro.

Esta iniciativa xurde tras a boa acollida, o pasado verán, do concerto ofrecido por Louredo Esemble. Daquela, os visitantes de todos os veráns, Chefa Alonso, Cova Villegas e Ildefonso Rodríguez, xunto con Javier Escaned e María Cameselle, formaron grupo co músico cubano Walfrido Domínguez, e ofreceron unha noite especial, interpretando boleros, son cubano, jazz e música improvisada, nunha jam session que quedará na lembranza de todos cantos tiveron a sorte de asistir. Logo dese precedente, este verán queremos que Portaventosa sexa de novo o espazo da música, agora cun programa pechado, aínda que isto non impide que poida haber algunha outra sorpresa, máis alá da programación do ciclo que anunciamos.

O programa de SolporesAcústicos ofrece un total de sete concertos, que, dependendo das condicións meteorolóxicas e baixo decisión dos artistas, poderán ter lugar dentro do bar ou na terraza. Todas as actuacións serán de entrada gratuíta, se ben, durante o horario dos concertos, as consumicións terán un custo adicional de 1 €.

Comentarios