Evento
Teatro en Muros
04/xuño/2016 a 04/xuño/2016
21:30 h a 21:30 h
12:20 01/06/16
“SHAKESPEARE PARA IGNORANTE” DE MOFA E BEFA, SÁBADO 4 DE XUÑO NO CENTRO CULTURAL DE MUROS, AS 21:30
Día e hora: sábado 4 de xuño, ás 21:30 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – MOFA E BEFA. PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS: “Shakespeare para ignorantes”
O concello de Muros colabora coa compañía Producións teatrais Excéntricas, para programar o vindeiro sábado, día 4 o espectáculo “Shakespeare para ignorantes” do dúo cómico Mofa e Befa; co que agarda que todos o veciños de Muros gocen dunha tarde-noite de bo e cómico teatro.
Este espectáculo foi creado, e tamén posto en escena en Muros, no ano 2011, acadando grande éxito; e este ano, co gallo da celebración dos 400 anos de Shakespeare deciden facer unha nova xira, na que inclúen o noso auditorio, na que agardamos que teñan tamén unha boa acollida, por parte do público.
SHAKESPEARE foi un creador e produtor teatral de gran suceso no século XVII.
O aspecto inicial do espectáculo é o do produto didáctico en estado puro, recalcando a condición de colectivo do público, carente duns coñecementos concretos. Desde esta transparencia expositiva, o primeiro que se presenta en escena é a conferencia dun prestixioso profesor. O profesor reclamará, para facer máis deleitosa a instrución que pretende inocular nos circunstantes, o concurso de dous actores talentosísimos, pero temporalmente desempregados. Estos son MOFA&BEFA.
MOFA e BEFA irrompen na académica conferencia sobre o famoso autor para poñer en primeiro plano as escenas máis descoñecidas, por desidia o falta de oportunidades, polo público actual. A risa máis cruel, as intimidades máis vergoñentas, os actos máis deshonestos… serán amosados pola máquina cómica de MOFA e BEFA. Asasinos, mendigos, bufóns, conspiradores, cornudos, chulos…; todos os personaxes que nunca son protagonistas, terán agora a oportunidade de amosarse en primeiro plano.
Co termo “ignorante” só se refiren a un público falto de noticias, sobre Shakespeare, e que ansíe telas, para o seu uso persoal. O astuto e intelixente público de MOFA e BEFA poderá obter deste espectáculo valiosos recursos para resolver problemas da súa vida privada, laboral ou pública; di a compañía.
“Shakespeare para ignorantes”, é un espectáculo influído pola poética de Mosqueira, a pragmática de Calvo e a épica de Cadaval.
Elenco: Quico Cadaval, Evaristo Calvo y Víctor Mosqueira
MOFA & BEFA xorde como comando de comedia contemporánea no ano 1992.
Evaristo Calvo inicia a sua actividade como actor profesional no ano 1988. Desde entón compaxina os traballos de actor, no teatro, no cine e na televisión, cos de autor e director de escena no teatro, e os de guionista de televisión. Traballou nas teleseries Mareas vivas, Matalobos, Casa Manola, e nos programas de humor da TVG Máxima audiencia, Air Galicia…
Víctor Mosqueira, inicia a súa carreira como actor no teatro galego en 1978. Ten participado en compañías coma O Moucho Clerc, Centro Dramático Galego e Ollomoltranvia. Na actualidade o seu traballo está vencellado ao dúo cómico Mofa e Befa. Traballa ademais en cine e televisión, sendo os seus traballos máis coñecidos os realizados nas teleseries Un paso adelante (Antena3) e Mareas vivas, A Vida por diante, Padre Casares e Casa Manola, (TVG), e nos programas de humor Apaga a luz e Máxima audiencia (TVG).
Xa está aberta a venda anticipada de entradas do espectáculo nas oficinas do Centro Cultural. Prezo 5 €.