Venres. 19.04.2024
El tiempo
Alberto Pose
09:55
04/05/12

Alberto Pose: Dous ascensos decididos e moito por decidir e reflexionar

Alberto Pose: Dous ascensos decididos e moito por decidir e reflexionar

Houbo que esperar a antepenúltima xornada de liga para coñecer aos ascendidos directos á Liga da Costa. Iso di moito da igualdade da competición este ano. Carnota e Outes lograron o obxectivo, o premio, que tanto desexaban e que no caso do Carnota tamén case que se lle esixía por ser un recén descendido, por plantel e pola persoa que se sentaba no banco para dirixir a nave. No caso do Outes, xa expresei a miña admiración pola forma de traballar que están a ter, polo que o resultado cabíase esperar. Foi o equipo máis regular da liga, manténdose entre os tres primeiros postos durante case toda a competición. Non teño máis que dicir, tan só felicitalos de novo polo ascenso.

Tamén felicitar ao Carnota, que dende o principio da competición o puxen como candidato ao ascenso, polo que dixen anteriormente. E non fallaron, os Manoliño, Casti, Rodrigo, Joselu e compañía fixeron unha campaña espectacular. Comezaron algo tituveantes, pero fóronse asentando pouco a pouco na categoría e acabaron cunha solidez impresionante. Teñen un números que o din todo. 84 puntos, con tan só 3 partidos perdidos (Alcaián, Coristanco e Independiente foron os seus verdugos) e dende a xornada 18 non coñecen a derrota. Gustaríame destacar que gran parte do éxito do Carnota ten que ver coa figura de Alfredo Cambeiro, míster con moita experiencia e que seguro estaría todos os días que se vía cos seus xogadores motivándoos para que a relaxación non os levara a perder a concertación.

Hai que resaltar que a falta de 2 xornadas aínda queda por decidirse os equipos que disputarán a fase de ascenso e semella que ata a última xornada non estarán configuradas as eliminatorias do playoff. O Cabana ten asegurada a súa participación, pero vén nunha tendencia moi perigosa para afrontar os playoff. Agora acórdome das palabras do seu míster dicindo que a falta de adestramentos ía pasar factura, e así foi, descolgáronse do segundo posto e quedaron en terra de ninguén, ao mellor iso tamén influíu en que baixaran o ritmo.

Por detrás veñen empatados a puntos, os meus veciños de Cerqueda e o equipo revelación, Volantes de Baño. Si eu fora míster de calquera dos equipos que xogaran a fase querería evitalos. O Volantes, máis baseado en xogadores de gran calidade da medular para adiante, e o Cerqueda, cun xogo en bloque moi asfixiante para o contrario, de clasificarse pode ser os máis perigosos dos catro.
O que está a facer o Volantes ten moito mérito, arrastra moita xente por todos os campos a onde vai e no seu primeiro ano estar loitando por ascender di moito deles. Por todos é sabido que conta con xente que de primeiro nivel como Piti, Seluco e Brais, pero un equipo de fútbol é máis que tres xogadores. A falta de porteiro no arraque de liga acarreoulle a perda de moitos puntos que souberon recuperar.

O Montelouro pecha agora mesmo a porta dos playoff, empatado a puntos co Coristanco, pero este cun partido máis. Posiblemente nesta xornada o Montelouro dera un paso de xigantes, pois non só sacou os tres puntos fronte ao Coristanco, senón que tamén igualou o golaverage particular, pero no xeral ten mellor diferenza de goles. Os dous equipos baixaron moito o ritmo con respecto ao comezo da liga. No caso do Coristanco a baixa do goleador e alma, Toniño, foi clave, ademais de faltaren goles falta un líder no campo.

O último en poñerse na loita foi o Porteño, os pupilos de Gerpe están a facer un final de liga fantástico e semella que en ningún momento perderon a fé por entrar na loita. Pode que lle pasara factura ter que xogar fóra da súa casa, pois a Grixa toda a vida foi un fortín.

Ao Coristanco quédalle o Volantes na casa e a este recibir ao Atl. Pereiriña na última xornada; o Montelouro visitar ao Atl Pereiriña e recibir ao Muxía, o Cerqueda ir a Lira e recibir ao Carnota, mentres que ao Porteño o derbi co Xaviña, no que ata fai pouco foi o seu campo de locatorio e logo na Grixa o Laxe. Fagan as súas quinielas, pero danse moitas combinacións posibles, máis para min os que están agora clasificados teñen bastante vantaxe.

Agora que está a piques de finalizar a liga é momento de facer unha reflexión sobre o novo sistema de competición instaurado na Terceira. Semella que lle deu un toque de competitividade, aínda que igual temos que esperar algunha tempada máis para valoralo en profundidade, pois esta tempada é un pouco atípica, pois o número de ascensos é incerto e semella que ata cinco poderán ascender. O que si é un pouco penoso é que se coñeza o sistema de ascenso a pouco para finais da liga.

Tamén temos que reflexionar sobre o calendario, estas xornadas de dobre partido, liga e copa, non axudan a competitivade das ligas. Hai cousas que mellorar, pero non se pode esperar a que veñan os problemas para buscar solucións, hai que tentar previr.

Máis artigos de Alberto Pose

Máis información

Crónicas da semana

Máis novas

Fonte

Comentarios