Venres. 29.03.2024
El tiempo
David Castro
10:25
23/10/14

Entrevista de David Castro co meta coristanqués de 1ª División, Rubén

Entrevista de David Castro co meta coristanqués de 1ª División, Rubén
Ruben e Postiga no ultimo Depor-Almeria-Foto-Carlos Pardellas

Rubén Iván Martínez Andrade, nado en Coristanco o 22 de xuño de 1984, é un gardameta profesional que actualmente milita na UD Almería, que adestra Francisco Rodríguez.

O coristanqués, que comezou a súa carreira no Bergantiños CF, fichou polo FC Barcelona procedente da SD Orillamar, cando estaba en idade infantil. Rubén pasou por todas as categorías do clube ata chegar á primeira plantilla na tempada 2004/2005 para ser o terceiro porteiro por detrás de Víctor Valdés e Albert Jorquera. Na tempada 2007/2008 é cedido ao Racing de Ferrol para firmar na seguinte polo FC Cartaxena, equipo co que consegue o ascenso a 2ª División do fútbol español e tras un gran ano na división de prata en terras murcianas firma polo Málaga CF e volta á máxima categoría do deporte rei en España. Tras dúas tempadas baixo as ordes de Manuel Pellegrini, no mellor Málaga da historia, foi cedido ao Rayo Vallecano, conxunto no que se gañou a confianza do míster, Paco Jémez, para convertirse no porteiro titular do clube de Vallecas.

Ao comezo desta tempada, decidiu cambiar de aires para fichar polo UD Almería no cal se está convertindo en indiscutible, ademais de ser neste momento o quinto porteiro menos batido da categoría.

- David Castro: Boas Rubén. Como foi para ti cambiar Coristanco por Barcelona?
- Rubén: Foi un paso con moita ilusión e foi unha recompensa a todo un traballo de entrenar moi duro. Sempre bromeábamos cando adestraba con Juan José de fichar polo Barcelona e ao final, pois mira cambiamos A Coruña por Barcelona e así unha broma pasou a ser realidade. Ao principio, foi duro porque te separas da familia, dos amigos, pero a verdade é que fun con moita ilusión.

Ruben con Valdes no Barca-Foto Pere Punti

- D.C.: Que tal é a experiencia de vivir na Masía?
- Rubén: É unha experiencia bonita de vivir, porque vas xogar a un dos dous clubes máis grandes de España, ou ao máis grande e que compartes con outros chavales pero que eso ao fin e ao cabo é como estar nun internado. Pero que co paso dos anos daste de conta de que é un esforzo que fas para poder vivir eso.

- D.C.: Que supuxo para ti compartir vestiario con Messi, Ronaldinho, Eto’o, Iniesta ou Xavi, entre outros?
- Rubén: Bueno no momento lévalo normal, aparte eles acolléronme moi ben no vestiario, como si fose un máis e así te sintes, como un máis. Pero claro, co paso do tempo daste de conta que compartiches vestiario co mellor xogador naquel momento e agora mesmo co que posiblemente o mellor da historia (Messi), xunto con Ronaldinho e con outros moitos xogadores dos mellores da historia e eso quedará sempre no recordo.

- D.C.: Que supuxo Frank Rijkaard na túa etapa no primeiro plantel do Barça?
- Rubén: Pois foi o que me dou a oportunidade de debutar co primeiro equipo, despois é difícil manterse aí arriba. Pero estou agradecido tanto a el, como ao clube, ao director deportivo e ao adestrador de porteiros, que naquel momento era Unzué, de darme esa oportunidade de xa non só debutar senón de poderme adestrar casi a diario con eles.

- D.C.: Cal foi o teu mellor momento como futbolista?
- Rubén: Hai moitos momentos relevantes e non me podo quedar con un só pero espero que o mellor aínda esté por chegar.

- D.C.: E o peor?
- Rubén: Gustaríame que houbese menos, pero vivín situacións difíciles que ao fin ao cabo forman parte da túa profesión, como as lesións, que sempre son complicadas.

- D.C.: Cal foi o adestrador que máis te marcou una túa carreira? Por que?
- Rubén: Non me podo quedar con un só. De todos aprendín algo ou polo menos intenteino. Co paso do tempo, volves atrás e volves a pensar este entrenador decía esto ou esto outro e de todos aprendes algo, máis ou menos, tamén depende de ti, do que fagas por aprender pero non me podo quedar con un só.

- D.C.: Como describirías o camiño que tiveches que percorrer para chegar ata o máis alto nesto do fútbol?
- Rubén: Describiríao como un camiño con moito traballo. A outros non sei se lle costará máis ou menos, pero a min costoume moito traballo. Non foi posto en bandexa, e ademáis cheguei e estiven no Barça, pero tiven que volver a baixar para poder voltar de novo á primeira. Eu definiríao un camiño de moito traballo.

- D.C.: Como foi a túa etapa como internacional nas categorías base da selección española?
- Rubén: Pois tamén vives experiencias moi bonitas. Tiven a sorte de ir a un Mundial, compartín casi un mes con toda aquela quinta que quedamos subcampións nos Emiratos Árabes e, bueno, son tamén experiencias bonitas de vivir. Gustaríame xogar ademáis de compartir esa experiencia con todos pero xa con vivir eso, xa che queda para sempre no recordo.

- D.C.: No encontro de hai unhas semanas ante o Deportivo foches decisivo con boas intervencións. Que sentiches ao vencer na casa e sendo protagonista?
- Rubén: Sempre que vou a Riazor, sempre que fun desde a primeira vez que o pisei coa Selección da Costa da Morte, pois sempre sintes algo especial. É o primeiro equipo que vin xogar, o primeiro que animei e sempre sintes algo especial porque vas xogar a casa, e ademais a familia estate vendo e sempre é especial.

- D.C.: Nalgún momento tiveches a oportunidade de fichar polo conxunto branquiazul?
- Rubén: No.

- D.C.: E gustaríache defender as cores do Deportivo antes de rematar a túa carreira como futbolista?
- Rubén: Eso nunca se sabe. Nesto do fútbol, moitas veces ti podes querer moitas cousas, pero non hai nada seguro e moitas veces teste que adaptar.

- D.C.: E xa para rematar, que supuxo Juan José Vila para ti?
- Rubén: Foi o que me ensinou as bases na portería. Doume unhas bases e uns cimentos. Basicamente púxome as ferramentas para desenvolverme. Púxome no camiño, despois eu tiven que andalo pero el foi o que me puxo no camiño para poder ser profesional do fútbol.

- D.C.: Moitas gracias Rubén.
- Rubén: Gracias a vós.

Outros artigos de David Castro

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios