Venres. 29.03.2024
El tiempo
Alberto Pose
21:04
28/04/14

O Corme bate nas portas do Paraíso

O Corme bate nas portas do Paraíso
O Corme mira a 1-Foto-Jorge Parri

Aproximadamente ás 16:00 horas do pasado domingo, unha vila con preto de 1.200 habitantes asistía a como as súas rúas quedaban baleiras. O corazón de Corme, ese pequeno recuncho da Costa da Morte onde o Faro Roncudo inicia cada mañá unha nova batalla co Océano Atlántico, desprazábase por un día ó Campo do Cairo, un camiño costa arriba dunha distancia dun quilómetro e medio que paga a pena percorrer tanto polo fútbol alí practicado como polas fermosas panorámicas da ría.

O Cairo é un campo de fútbol que ten moito de escocés, sobre todo cando sopra o nordés, pero tamén polas cores dos afeccionados e o seu carácter. O Cairo é un campo especial. Esa é a conclusión á que chegaría todo cormelán, pero o certo é que a súa situación, a medio camiño da aldea de Roncudo, tamén agrada ós turistas que visitan a zona. Moitos deles non saben, sen embargo, que o verdadeiro tesouro da vila pisa o céspede aproximadamente cada dous domingos. E antonte, era un deles.

Mentres a maioría dos amantes do fútbol viraba a súa mirada ó duelo que enfrontaba a Liverpool e Chelsea en Anfield Road, a parabólica da comarca de Bergantiños facía o propio ó campo do Corme, onde, sen chegar a ser o encontro definitivo, xogábase un partido. Ese partido. Un Corme-Sofán. Unha análise previa ó choque nas redes sociais calibraba a importancia do mesmo, porque, para moitos, o fútbol modesto é o fútbol de verdade. O orixinal. Lonxe dos cartos e a loucura xeneralizada dun deporte que, a miúdo, esquece os seus principios básicos.

Nese fútbol modesto e, concretamente, na Liga da Costa, unha das figuras máis carismáticas das últimas décadas é a de Suso da Torriña. Non é home de titulares. Tampouco de saídas de ton. Fala pouco, pero cando o fai, faino ben. Que llo digan senón á Federación Galega. Aproximadamente unha semana antes do partido, Suso comentábame as súas impresións respecto á transcendencia do mesmo. Con dez días por diante, o actual delegado e coordinador do clube autotransmitíase cautela, a mesma que definiu a súa traxectoria: “Eles queren gañar, e eu tamén, pero trato de darlles a entender que o éxito xa está acadado”. Lonxe do conformismo, Suso minimizaba o impacto dunha hipotética derrota, porque sabía que o traballo do Corme foi unha extraordinaria mostra de convicción e cohesión durante toda a tempada.

O plantel, o de menor media de idade de toda a Liga da Costa, marcouse un único camiño: o do triunfo final e o posterior ascenso a Primeira Autonómica. O reto sempre foi acompañado dun compoñente romántico: a confluencia no equipo de dúas das mellores xeracións do fútbol cormelán. Cando Alejandro e Miguel gañaron a Copa da Costa na tempada 95/96 xunto a Lente –o actual técnico-, Sergio Sueiro non cumprira aínda medio ano de vida. Outros como Lucas, o xogador diferente deste Corme, xa comezaban a dar as súas primeiras patadas ó balón na rúa Nova a carón do seu primo Brais. Agora, case dezaoito anos despois, todos eles conviven no mesmo vestiario sen que a diferencia de idade sexa un factor a ter en conta. A gasolina e fame que aportan os novos son complementadas pola experiencia e galóns dos membros con máis partidos ás súas costas. A fórmula non é nova, e dáse en moitos equipos da Costa da Morte, pero hai varios motivos polos que esta tempada, por fin, facilitou ó Corme un salto cualitativo.

Fai apenas tres anos, o conxunto xuvenil do Corme gañaba a Liga Xuvenil Norte e a Copa da Costa nunha tempada 2010/2011 que adquire maior importancia se atendemos ó maior nivel económico e á capacidade de captación do seu principal rival por aquel entón: o Dumbría. O salto de gran parte daquel equipo á plantilla senior puxo en funcionamento unha maquinaria que, progresivamente, foi incorporando pezas formadas na propia casa, como Juan Chans e Adrián Doldán, xente que comprende ben a filosofía de xogo e non renuncia a nada. Ese chisco engadido de ilusión e ambición foi o berce dun proxecto que, lonxe de dilatarse no tempo, levou ó Corme a estar a só un punto do título no seu grupo da Segunda Autonómica. A súa derradeira derrota, que tivo lugar en Buño o pasado 17 de novembro, espoldrexou o ánimo dun equipo que, a falta de dúas xornadas para rematar a Liga, aínda non sabe o que é perder no seu feudo pese ós contratempos xurdidos ó longo do curso. As lesións de Alejo e Adolfo –entre outros- ou a ausencia de Jesús por motivos laborais foron contrarrestadas co retorno doutro veterano do fútbol comarcal formado no Corme como Toniño e unha filosofía de ir partido a partido para evitar o doce arrecendo que desprenden as contas feitas cunha calculadora antes do mesmo.

Aí radica o éxito do Corme. Ese éxito que ninguén lles quitará das mans aínda que as incertezas do fútbol levasen finalmente ó Sofán a ser o vencedor da categoría. Lonxe dos vicios do fútbol moderno, o conxunto dirixido por Lente non só compite por gañar, senón tamén porque comprende que unha vitoria é a súa resposta ó esforzo feito polos aficionados que os acompañan cada partido. Non só no Cairo. Tamén en Muros ou en Corcubión, entre outros moitos sitios. Non todos os equipos poden presumir desa fidelidade. Nin sequera no fútbol profesional, onde Suso da Torriña podería impartir un máster de ética, paciencia e sabedoría a moitos dos que enchen as gradas cada fin de semana. Aí radica o éxito do Corme. E iso non ten prezo.

Novas relacionadas

Outros artigos de Pablo Varela

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios