Xoves. 25.04.2024
El tiempo

De voitres, escorias e da necesidade de soltar malos fumes

De voitres, escorias e da necesidade de soltar malos fumes
Ferroatlantica non se vede "Solo se destruye lo que se sustituye" di o anarquista Enrico Malatesta, e ten razón, e diso saben ben os donos da nosos medios de produción, é dicer, os capitalistas. Eles non dubidan en vendernos como progreso a destrución total dun xeito de vida que dou de comer a milleiros de familias durante toda a vida: a agricultura, o gando, os oficios artesanais e todos os etc que lle queirades engadir. Tranquilos, non vou dar un sermón marxista nin anarquista. Non son ningún profeta que trate de iluminar ás ovellas descarriadas do camiño da verdade. Só quería falar de Ferroatlántica, mais non dende un punto de vista, xurídico (non son avogado) nin repetindo os mesmos argumentos que dende as diferentes organizacións xa nos levan dicendo unha e outra vez nos medios de comunicación. Senón, como sempre, dende unha visión particular porque cando chove móllome como todos os demais. Son de Corcubión. Dende cativo convivín coa imaxe da fábrica que observaba todos os días dende a galería da casa dos meus pais. De cote achegabámonos para ver se o vento viña de sul ou norte e así tentar predicer o tempo coa dirección que collía o fume da fábrica. Nunca imaxinei que aquela cousa monstruosa e horríbel, que tanto criticaba, xa máis maior, ía ter que estar nunha posición á defensiva. Cando a min, o que me gostaría, é que nunca estivera esa cousa tan fea e depredadora de recursos naturais. Tende por seguro que de ser hoxe en día cando se instalara unha fábrica desta categoría na nosa ría ía estar totalmente en contra e incluso trataría de moverme para evitalo. Quen me coñece sábeo, e aínda que son un ninguén, como agora, non adoito ficar nin calado nin neutral. Como ben dixo un día o poeta Lois Pereiro. Entón, porque o defendo? son contraditorio? Nado na ambigüidade? É posíbel... Respóndome a min mesmo porque estamos nunha ditadura de voitres con traxe e garabata. Os voitres con plumas, os de verdade, agardan no ceo agardando o cadáver para despois alimentarse e deixar só os osos. Os voitres con traxe e garabata (as veces non a levan, e até van de sport e todo) voan no ceo agardando o cadáver que eles axudaron a destruír para deixarnos só os galpóns, a miseria e a escoria Só que os voitres teñen unha función ecolóxica na cadea da vida e os voitres de traxe e garabata teñen unha función no sistema. Ganar máis a custe dos demais. Ese é, non outro, no verdadeiro móbil do sistema capitalista. Cando se queira destruír o sistema para substituílo por outro máis humano. Alí estarei, cóbado con cóbado. En primeira liña se fai falla. Mentres, vou defender dende a trincheira aos meus amigos e aos meus compañeiros contra os voitres de traxe e garabata. Aínda que a banca sempre gane. Aínda que as veces criticara á fábrica. Aínda que as veces saiba que estou a defender unha contradición ideolóxica. No medio seguirei a pensar individualmente. Actuar colectivamente. Tratando, aínda que soe pretensioso, de darlle a tabarra aos poderosos, aos meus compañeiros, aos meus amigos, alá onde faga falla, do necesario de ter alternativas de outro desenvolvemento ( "A riqueza nin se crea nin se destrúe. Só muda de man") que vaia cara un outro mundo... Xa non é que outro mundo é que sexa posíbel. Senón que é imprescindíbel. Un mundo onde nada sexa de ninguén e todo sexa de todos É unha cuestión de dignidade. As nosas centrais non serán nosas mais tampouco son vosas. Un saúdo a todo o Comité de Empresa e que a loita non decaia. Un saúdo a toda a Costa da Morte. Peguemos unha puñada na mesa. Fagámonos valer. O(s) povo(s) unido(s) xamáis será(n) vencido(s)!  
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
 

Artigos de Alex López Romero

Comentarios