Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Monólogo do Apalpador

Monólogo do Apalpador
O Apalpador vistou a Garderia de Corcubion O propio Álex é cada Nadal o Apalpador das escoliñas

Ui! cachis... teño que andar con ollo que xa non teño 15 anos e case me corto coa navalla…

Quedoume ben aquelado o cabaliño de xadrez de madeira para esa familia nova de... como se chamaba... Corbu... Corco... buff, miña memoria... ah, si! Corcubión! Mira ti, estiven tan esquecido durante tantos anos que case estaba acostumado.

Os tempos mudan, claro... a xente esquece as orixes e abrazan outras tradicións de fóra... que até o mesmo Papa Noel, como me dixo aquel día tomando uns viños, nin entende... hahahahaha... moito rin cando me dixo que estaba até a bola última do gorro de que o vistan de vermello... que el sempre ía de verde e que si; que el está encantado de levar brinquedos ás crianzas e todas esas cousas mais que cadaquén ten o seu papel e a súa historia e que aquí na Galiza sempre foi o Apalpador e ao César o que é do César... que carai! que calquer lle leva a contraria... é bon tipo, Noel... teño que lembrarme de mandarlle un wasap deses para felicitarlle, darlle folgos e quedar a tomarlle uns Ribeira Sacra ou un Monterrei ou un chocolate quente…

Certo é que agora após tantos anos grazas ás asociacións e xente boa e xenerosa que tratou de recuperarme volvo a ser recoñecido e o traballo vai medrando e gústame, abofé que me gusta...

Si, ando algo máis velliño e un pouco enferruxado; os tempos mudan moito…

Agora xa non só é levar castañas como antes ou un brinquedo pequeno... que mira ti, pobre País, todo invadido polos eucaliptos, coa de carballeiras e soutos tan fermosos que aquí habían... dabas unha patada e saían castañas até debaixo das pedras... ai non, non... por iso non paso, non vou caer no erro de levar calquer cousa que publiciten as grandes industrias de brinquedos... xa sei que moita culpa é dos pais... eles son os verdadeiros responsábeis de aprenderlle aos seus fillos o valor real das cousas... bon, mais eu non vou a xulgar a ninguén... que criar fillos é a cousa mais fermosa mais tamén a mais dura que hai na vida... bon, non sei, quizais non só sexa culpa das familias... é difícil non ficar atrapado nas telarañas invisíbeis do sistema.... moitas veces fanse as cousas sen decatarse un que as fai mal, pensando que as fai por ben... vaia, xa me saíu a vea filosófica esta de andar por casa... iso si! penso seguir como até agora, faltaría máis! levando larpeiradas, agochando os agasallos nas casas... mimá! e que casas... que casas! agora case todas están feitas cara arriba que non hai quen chegue as xanelas nin as chemineas nin a nada... que as veces teño que facer verdadeiras virguerías para poder entrar... menos mal que sempre teño familias que cren en min que me axudan, deixan todo aberto e espallan as cousas polos corredores da casa e…

Buff que tarde é, xa me perdín a película das 22:00h, Boh!

Bon... vou durmir e mañán almorzo ben e sigo dándolle á navalla e a madeira que non sei se me vai dar tempo…

Quedoume ben aquelado este peón , si señor, aínda non perdín a maña…

 
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
 

Novas do Apalpador

 

Artigos de Alex López Romero

  Fonte

Comentarios