Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Gran Ditador

O Gran Ditador
Olá, Charles: Xa sei que che resultará estraño que che escreba. A conto de que, preguntaraches, quen demo é este que molesta meu descanso do personaxe do vagabundo? Bon, podes facer o que che pete con esta carta, mais levo un tempo pensando en ti, en escreberche, contarche algunhas cousas pendentes na memoria. O caso é que na cabeza leva un ruxe ruxe de días dunha escena que vin fai tempo dun biopic da túa vida. A escena, se non me traizoa a memoria, é, que ti xirabas a cabeza cara a pantalla para ver como en Alemaña ascendía o nazismo e ti dicías: "O mundo está en perigo e eu non estou dicindo nada" non sei se exactamente foi así mais para o caso ven a ser o mesmo. Porque ti decatácheste, adiviñaches cara onde ía dirixido a mensaxe populista e venenosa de Hitler e respondiches. E respondiches coa túa mellor arma, o humor, cun dos mellores filmes da historia do cinema: "O Gran Ditador." Ti xa puideches ver a megalomanía dun home que quería bailar co globo do mundo. Sometelo ao seu fanatismo. Eliminar todo aquelo que odiaba. Quizais porque odiábase a si mesmo, como adoita acontecer nestes casos. Ofrecíchesnos a Charlot para rirnos e preparanos para o teu enorme discurso final. Ese non que deixas de ser actor para falarnos como home, como Charles Spencer Chaplin, para advertirnos da importancia de respectarnos como seres humanos. Un berro ao mundo para que acordaran e actuaran. Corren malos tempo para a lírica, Charles, vivimos tempos na que a memoria semella estar soterrada en impulsos de consumo e felicidade de todo a 100. A xente é complicada e contraditoria, a mesma que é capaz de salvar vida, de facer xestos fermosos de solidariedade poñen en perigo a súa liberdade, incapaces de ser quen de salvar a sociedade, de protexerse, de salvarse a ela mesma. Corren malos tempos. O Fascismo nunca deixou de existir. Camuflados en falsos demócratas agardan pacientemente como un herpes que brota cando adiviña debilidade nas autodefensas. Sabes, levo unhas semanas percorrendo os teus filmes, e en todos vislumbro o mesmo. Ao vagabundo que se enfronta ao poder que implacábel quere someter todo. Búrlaste, agáchaste, esquivas os golpes, fasnos rir, empatizar co vagabundo. Porque no fondo todos somos vagabundos nesta vida onde nacemos sós. Sabes, unha vez, cando cativo disfrazáronme de Charlot, parvo de min, negueime porque quería ir de vaqueiro ou soldado ou de superheroe. Parvo de min porque cos anos da infancia non fun capaz de ver que naquela festa o único heroe de verdade era eu o que ía disfrazado de Charlot. Prometinme a min mesmo facelo algún ano. Para reivindicar ao vagabundo, ao pobo, e de paso sacar a espiña cravada. E quen sabe igual subo a unha tarima e dame por pronunciar o teu discurso, aínda que no fondo sempre o tiven en conta cando digo o que digo nos meus discursos de home corrente. Desculpa, Charles porque voume do fío da carta. Cousas da nostalxia. Dos nervos de escreber a alguén coma ti. O caso é que a xente segue crendo en falsos Tempos Modernos que nos deshumanizan. En Quimeras do ouro facéndonos egoístas. En Luces de Cidade que nos cegan. En Circos coa súa mentira de trapecistas domadores e equilibristas. A min gústaríame verme como a crianza que che acompaña a romper os cristais das ditaduras. Como o vagabundo bailando con boliños de pan vencendo a rutina como aquel que no final dos seus días poida mirarme aos ollos no espello pintándome no meu acto final de luces detrás do escenario. Mais sobre todo gústaríame de que a palabra non sexa en van. Que o discurso non fique no baleiro. Ser quen de contribuír a que algún día a xente abra os corazóns e os ollos e as orellas e os brazos de par en par para vencer co humor, coa solidariedade e co amor aos nosos inimigos. Remato coas túas palabras: "Aos que poidan oírme, dígolles: non desesperedes. A desdicha que padecemos non é máis que a pasaxeira cobiza e a amargura de homes que temen seguir o camiño do progreso humano. O odio dos homes pasará. E caerán os ditadores. E o poder que lle quitaron ao pobo, reintegraráselle ao pobo. E así, mentres o home exista, a liberdade non perecerá (...) Soldados, en nome da democracia, debemos unirnos todos!" Até sempre Charles Ate sempre Charlot Até sempre vagabundo Grazas. Por tanto...    
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).

Artigos de Alex López Romero

Fonte

Comentarios