Xoves. 28.03.2024
El tiempo
10:35
15/03/12

99 non é 100

99 non é 100
Das moitas ensinanzas do magnífico documental “Wasteland”, unha pasa pola frase que hoxe da título a este espacio. Esta cita que ten tanto contido (moito máis de feito) como todo o programa político do PP para a presente lexislatura, atribuese a un “Catador de produtos de reciclaxe do Jardim Gramacho”, Valter dos Santos, unha personaxe extraordinaria chea de sabedoría e que tiña por costume repetir esta cita, “99 non é 100”. Hai na web posibilidade de ver estractos deste filme documental que retrata unha historia humana para min extraordinaria. Se non sabedes do que falo buscádeo e veredes como as persoas, indeferentemente do seu entorno social, económico ou persoal son sempre por definición capaces de crear beleza máis alá do posible. Mesmo sacando esta do puro lixo e do maior dos oprobios. Pero volvendo á cita, en demasiadas ocasións esquecemos a simplicidade do que Valter afirmaba con rotundida para certificar que cando hai que recoller para a súa reciclaxe 100 botellas de plástico non vale con traer 99. Esto tan simple compedia na miña opinión o momento actual de constante incertidume e nula talla moral no que vivimos. Por exemplo. Poñer primeira pedra de algo non implica a súa construción. Ter concedida licencia, contar con tódolos informes, ter partida presupostaria dotada e contar con empresa a que se outorgaron os traballos non implica que algo se vaia construir. Non hai parador porque PP e PSOE nos levan tomando polo pito do sereno (sobre todo os primeiros) dende hai décadas. Así é e así vai seguir sendo porque nos faltan pelotas para exisir respeto. 99 non é 100 igual que 1800 non son 2000. Por iso a un individuo o poden desaloxar dunha alcaldía ou non. Porque 5 non son 6 e se foran seis o mellor a día de hoxe aínda gozabamos da marca do alcalde máis imputado de España. 99 non é 100 e por iso pedir perdón é unha cousa e ser xustos é outra. Falar de fraude e unha apreciación moral, non legal. As apreciacións legais se fan nos xulgados e as morais, por exemplo aquí. E nomear persoalmente a alguén e facelo con nomes e apelidos. O contrario son xeralidades e a bo entendedor poucas palabras bastan. Sospeitar que algo ou alguén fai unha cousa ilegal é unha apreciación. Sabelo e calalo é un delito, como mínimo, moral e ético. E non ter nin idea é pedir os demais que confirmen as nosas sospeitas e tirar a pedra e esconder a man. Deses, a Costa da Morte está chea. Dos que confunden que 99 non é 100. Sempre quedamos a medias. O teño dito en numerosas ocasións. Si, eu son o primeiro que non podo, porque carezo de recursos para impedir que me enterren en querelas, que moitas veces recúo, dou rodeos, insinuo, matizo e fuxo da posibilidade de que alguén poida demostrar diante dun xuiz que cando digo 99 en realidade quero dicir 100. Pero, aló menos, digo 99. Outros non fan nen iso e continúan a querer facer crer a propios e estranos que non sabían, que ignoraban que o Parador ía quedar sen facer, que a Costa da Morte ía seguir deprimida economicamente, á cola da cola da comunidade máis atrasada de España (co permiso de Andalucia e Extremadura, que aí lle andan) e sen visos de melloría a medio prazo. Seguimos ignorantes e espesos, sumerxidos na nosa propia vaidade, crendo que alguén nos coñece cando non é así, pensando que Neria, os GAC ou o GDR nos van sacar as castañas do lume cando nunca foi así, presos da economía do subsido, utilizado por algúns para lucrarse con cifras millonarias de cartos públicos en base a petición de subvencións que nunca se dedicaron ao que se pretendía, desenvolver por igual un territorio cheo de carraxe e vergoña. Esquecendo a diario e conscientemente que ter dereitos non implica que estes se cumpran se non vixiamos o seu cumprimento. Porque, a fin e o cabo, 99 nunca foi 100. Tampouco na Costa da Morte.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios