Xoves. 28.03.2024
El tiempo
08:00
08/11/11

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (IX): As tensións de mediados do s. XV: A xurisdicción de Corcubión e as guerras do século XV 

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (IX): As tensións de mediados do s. XV: A xurisdicción de Corcubión e as guerras do século XV 

A xurisdicción de Corcubión e a de Vimianzo tiveron un acentuado protagonismo no século XV, primeiro como bens en pugna -feito que xa quedou exposto- e despois debido ó papel xogado polos seus titulares, os Moscoso, no arcebispado de Santiago.

Era ademais previsible que os Moscoso tentasen dende a formidable plataforma que representaban as xurisdiccións de Corcubión e Vimianzo incrementa-lo seu patrimonio  estendendo os seus tentáculos sobre as terras veciñas, especialmente as vilas. Sen dúbida este proceso expansionista está en íntima relación cos acontecementos políticos que tiveron lugar no reino de Castela a partir da caída en desgracia e a morte de don Álvaro de Luna, privado do monarca Xoán II, en 1453. Estes acontecementos precipitaron a ruptura do precario equilibrio habido entre os arcebispos de Santiago, os cabaleiros feudatarios, o titular do condado de Trastámara e os concellos das vilas máis puxantes. Non pode desligarse tampouco do desenvolvemento que alcanzaron as vilas de Cee, Fisterra, Muxía e Malpica no século XV. Este desenvolvemento fixo delas presas codiciadas e coloca en primeiro plano o papel xogado polos seus concellos. Por último, o modus vivendi da nobreza galega no século XV e a escalada militar provocan unha necesidade elevada de recursos económicos non sempre acadada dun xeito lexítimo ou razoable: de aí os malos usos, as usurpacións, rescates, etc. 

  • a) O saqueo de Corcubión

Unha noite de xullo de 1457 catorce ou quince barcos e pinazas aparecen no horizonte da vila de Corcubión. Aproveitando a escuridade, os homes que as pilotaban desembarcaron na vila. Entre eles figuraba García de Caamaño, alcaide da fortaleza da Barreira, Martín Becerra, o seu irmán, Xan Fernández de Torres, alcaide do castelo de Lobeira, e moitos outros criados e vasalos do arcebispo de Santiago, don Rodrigo de Luna. É facilmente imaxinable a escena que tivo lugar a continuación: pánico, berros, espadas desenvaiñadas, sangue e lume...

O procurador de dona Xoana de Castro denunciará tempo despois o que aquela noite aconteceu:

... e pospuesto el temor de Dios e del señor rey e de su justiçia .. . los sobredichos reos salieran de los dichos nauios en que yban e entraron en el dicho lugar poderosamente e por fuerça de armas e contra la voluntad de la dicha dona Juana e de los vesinos e moradores del dicho lugar de Corcavion entraron en el e lo pusieron a saca mano e robaron quanto fallaron asy dineros como oro e plata e panas e ropa de cama e axuares de casa asy lo que fallaron en la posada de la dicha dona Juana como en todas las otras casas ... e sacaron sangre de muchos omes e mataron a Gomes de Rioboo, criado del dicho Rodrigo de Moscoso, ... vytuperosamente enjuriaron a la dicha dona Juana seyendo dueña de honor e de noble Iynaje e muger de honbre muy honrrado cavallero de grande estado ... desiendole e IIamandole muchas feas e desonestas palabras ...

A queixa de dona Xoana chegou ó rei que dou orden ó correxidor de que averiguase os feitos e fixese xusticia. A condena foi a morte tanto para os capitáns como para os outros participantes da expedición. 

  • b) A ocupación de Fisterra, Muxía e Malpica

No contexto posterior ás guerras irmandiñas debe situarse a ocupación manu militari de Fisterra, Malpica e Muxía, e a asunción do título de vizconde de Fisterra por Lope Sánchez de Moscoso. Lope Sanchez de Moscoso, fillo de dona Inés -irmá dos anteriores- e don Vasco López de Ulloa, fixo uso do título de vizconde de Fisterra ata 1475 aproximadamente, momento no que pasa a intitularse conde de Altamira. Coincide esta data co pacto ó que chega con don Alonso de Fonseca materializado no dote de Aldonza de Acevedo.

En 1475 os Reis Católicos conminan a Lope Sánchez a que reintegre os portos de Malpica e Muxía ó arcebispo, ó tempo que o arcebispo lanzaba ás súas cartas de excomunión contra todos aqueles que ocupaban las nuestras villas, puertos e lugares y tierras llanas: Vigo e Redondela, Reys e Cedeira y la puente Sant Payo, e Malpica, Mugia, Cee e Finisterra. Esto foi un premio real á pronta adscrición a partida isabelina por parte de Fonseca. Así, a monarca condena a ocupación da catedral, das fortalezas de Rocha Branca, Cira e Pico Sacro e de varias vilas arcebispais que mantiñan ocupadas os seus inimigos, especialmente Lope Sánchez de Moscoso e Pedro Madruga, ao que lle negaba os títulos de Vizconde de Tui e Mariscal de Baiona  e as rendas sobre Pontevdra, Redondela e Vigo.

Posteriormente, a maior firmeza demostrada polos novos monarcas e a pacificación consecuente, levou consigo a volta progresiva á normalidade dentro da zona. Contra 1480 os Reis Católicos inician a "pacificación" do Reino de Galicia e logran somete-los nobres máis indómitos. En 1486 viaxan a Galicia e ordenan que algúns nobres galegos marchen con eles para Castela, entre eles o conde de Altamira. 

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

 


Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios