Venres. 19.04.2024
El tiempo
09:00
04/10/11

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (V) - A nobreza: O fin da hexemonía dos Mariño 

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (V) - A nobreza: O fin da hexemonía dos Mariño 
Ó lado dos dominios monásticos ou de dignidades eclesiásticas como o arcediago, a terra de Nemancos vai continuar sendo unha terra fondamente nobiliar, sendo a principal familia da zona a dos Mariños. A liñaxe dos Mariño de Lobeira, medra sobre todo a partir dos últimos anos de séc. XIII á sombra dos arcebispos composteláns. Nun principio teñen unha implantación territorial na Terra de Santiago, concretamente na comarca da Maía; despois irían cara á costa occidental, pois o rei Sancho IV doara a Martín Eáns Mariño, contra 1297, as freguesías de Santa María de Fisterra e San Vicenzo de Duio. Durante todo o séc. XlV, ademais do couto de Fisterra, esta familia estenderá a súa influencia polas Terras de Nemancos e Soneira, e despois por Muros, Outes, Noia e toda a Terra de Santiago. A principios do séc. XIV a estirpe entronca cos Soga, fundíndose nunha única familia. Por estas datas un membro desta familia, Vasco Peres Mariño, será bispo de Ourense, e un irmán seu, Pedro Suárez, deán. Posteriormente, a finais do séc. XIV entroncarían en Santiago cos poderosos burgueses composteláns, os Do Campo, e cos Moscoso, fidalgos da Maía. A finais do séc. XIV os Mariño caerán en desgracia por conflictos de propiedades de terras co cabido da catedral de Ourense e co propio rei. Uns anos antes un novo Vasco Peres Mariño, sobriño do bispo de Ourense do mesmo nome, incumpre a encarga de seu tío de doar ó Cabido ourensán os coutos de Duio e Fisterra; agobiado por un preito familiar con Paio Mariño, vende estes bens pola súa conta e iso vai traer graves consecuencias para a súa familia. En 1378 Paio Mariño decide emancipa-lo seu fillo Rui Soga de Lobeira (ou Mariño de Lobeira) fixando nun documento o lote do seu morgado: os castelos de Penafiel - no monte do Pindo- e as casas fortes de Vimianzo e de Broño, así como as freguesías de Olveiroa, Olveira, Dumbría, O Ézaro, Serantes, Baíñas, Fisterra, etc. En 1380 o rei dicta a favor do Cabido ourensán e en contra dos Mariño de Lobeira, polo que estes terían que entregar aquelas propiedade comprometidas con anterioridade. Ó non obedecer a orde real, Rui Soga será preso e decapitado na vila de Noia. A pesar dos intentos sucesivos dos descendentes de Rui Soga, os Mariño xa nunca máis recuperarían o poderío de antano. Unicamente aparecerán como escudeiros, como Xoán Mariño de Lobeira, o alcaide que en 1472 pon o arcebispo Fonseca para defende-Ia reconstruída fortaleza de Vimianzo contra o que sería I conde de Altamira. Se ben a hexemonía dos Mariño no arciprestado de Nemancos débese ós esforzos de varias xeracións, o seu esmorecemento, como xa anticipamos, é atribuíble a un solo home: Roi Soga, quen morrerá axusticiado en Noia por orden do rei Xoán I. O monarca acusábao de tomar piezas de maravedis de las nuestras rentas e derechos del dicho regno de Galicia en los años pasados al tiempo quel dicho Lope Martinez era nuestro recabdador. Este feito, sen embargo, deixou tras de si un ronsel documental considerable que permite reconstruír con certo detalle os acontecementos que se seguiron. A morte de Roi Soga non abondou para expia-Ia súa falta. Nunha carta datada en outubro de 1383, Xoán I reclamáballe 213.000 marabedís ó seu pai Paio Mariño, daquela enclaustrado no mosteiro de Santo Domingo de Bonaval. Ademais, esixe que esta cantidade lIe sexa entregada a don Pedro Ruíz Sarmiento, adiantado maior de Galicia, a conta dos 500.000 marabedís que o propio monarca lIe debe nun prazo de seis meses. En caso de non satisface-la devandita cantidade, o monarca ordénalles a xuíces, alcaldes e outros oficiais do reino que prendan os bens de Roi Soga e que procedan a súa venda. Dada a contía e situación dos bens había poucas e previsibles candidatos a compradores: don Juan García Manrique, arcebispo de Santiago, e mailo cabido desta catedral e don Pedro Enríquez de Castro, conde de Trastámara. O 7 de marzo de 1384 frei Paio Mariño e súa muller, sor Sancha, denuncian as presións do arcebispo e o cabido para vendérlle-Ios bens e dese modo satisface- la débeda. A oposición a tal venda é rotunda. Pero poucos días despois, o 16, asinan o documento de venda no que se conteñen unhas prolixas e interesantes condicións. A compravenda foi ratificada polo papa Clemente, se ben dous meses despois os bens eran subastados por orde rexia. O obxectivo perseguido polo arcebispo estaba claro: incrementa-lo patrimonio da mesa arcebispal cuns bens que supoñían redondea-Io seu dominio xurisdiccional e territorial. Desta maneira o castelo de Vimianzo, que fora da familia Mariño, pasa a ser momentáneamente do arcebispado compostelán. Os arcebispos de Compostela desde sempre tiveran interese por domina-la zona costeira occidental galega, pois a algúns dos seus portos -Fisterra, Corcubión, etc.- arribaban naves que facían a ruta do mar do Norte ó Mediterráneo. E tamén estaban os negocios da sardiña e do sal.
  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios