Xoves. 02.04.2020
El tiempo
07:15
11/10/11

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (VI) – A nobreza: Os condes de Trastámara

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (VI) – A nobreza: Os condes de Trastámara

López Ferreiro sinala que Alfonso XI restableceu o título de conde de Trastámara en 1325. O obxectivo do monarca sería crear en Galicia un poder que, no político, contrarrestase a autoridade e influencia dos arcebispos de Santiago. Resulta indubidable que a provisión do condado era unha decisión de gran calado político a xulgar pola relevancia dos personaxes que foron agraciados con tal mercede e as circunstancias nas que se producía; abonda sinalar que o propio Enrique II foi titular do condado de Trastámara o mesmo que don Pedro Enríquez de Castro, o seu sobriño, por designación do primeiro.

Á marxe dos valanceos políticos que fixeron que este título recaera en distintos personaxes, resulta indiscutible que tivo que implicar necesariamente o gozo dun patrimonio aínda que o seu volume é difícil de precisar. É ilustrativo a este respecto que Xoán II recompensara en 1445 a don Pedro Álvarez Osorio, señor de Villalobos, co título de conde de Trastámara e con las tierras de Trastámara e Trava, que son del condado de Trastámara, en el dicho Reyno de Calicia, según tovieron las dichas tierras los otros condes que el dicho condado tovieron ... , con el titulo de condado, excepto lo que yo he dado e he hecho merced e gracia. Con esta pequena mención: tierras de Trastámara e Trava o monarca facía referencia a unha realidade coñecida polos coetáneos e que polo tanto non precisaba de maiores explicacións pero que hoxe dificulta a reconstrucción histórica. Estas palabras resumen un conxunto de bens heteroxéneos integrados posiblemente por dúas xurisdiccións -Trastamara e Traba- e diversas propiedades territoriais.

Na teoría estes bens, ó seren donadío do rei segundo a terminoloxía da época, tiñan un carácter diferente ó dos patrimoniais. O seu alleamento ou traspaso requiría da autorización rexia e podían reverterlle ó monarca en calquera momento conforme á súa vontade.

Eran herdables en tanto en canto o titular do condado de Trastámara gozase do favor real. Don Pedro Enríquez de Castro tomou os bens de Roi Soga a título de fianza. Na carta de Xoán I de 1383, o monarca amosa as súas sospeitas de que quizais o conde non ten a intención de devolve-los bens de Roi Soga porque ordena que se don Pedro Enríquez se negara a entregalos a frai Paio Mariño, entón, que don Pedro Ruiz Sarmiento os poña en almoneda na cidade de Santiago e da Coruña. O mesmo que o arcebispo García Manrique, tamén don Pedro tiña os ollos postos neste contioso lote de bens. A prolongación do seu patrimonio e da súa influencia estaba en xogo.

A poxa tivo lugar en xuño de 1384. Lembramos que en marzo o arcebispo García Manrique chegara a compra-los devanditos bens pero a poxa supón a súa anulación. Na poxa entraron en competencia Roi Sordo das Mariñas en nome de Pedro Ruiz Sarmiento e o procurador do cabido de Santiago. Finalmente, o procurador do adiantado maior ofreceu 213.000 mrs co que Ile foron adxudicados boa parte dos bens dos que se excluían o castelo de Peñafiel, Fisterra, Duio e certas casas sitas en Santiago porque son donadío del rey.

Entre os que si foron mercados atopábanse as freguesías de San Estevo de Lires, San Xiao de Pereiriña, San Adrián de Toba e Santa Baia de Brens xunto con outras do arciprestado de Nemancos e de Soneira. Engadíanse as encomendas dos mosteiros de Moraime e de Baíñas. A relación destes bens permite decatarse da hexemonía que exercía Roi Soga en ambos arciprestados. É certo que esta relación espida non proporciona practicamente información acerca da natureza destes bens. É de supoñer que esta enumeración de freguesías constitue a extensión do seu dominio xurisdiccional no que ademais se atoparían bens diversos pero non é posible saber qué porción era patrimonial, qué parte fora usurpada, cal obtida lexitimamente, qué rendas tiña dereito, de qué xeito se administraba, etc, etc. Por outros documentos dedúcese que algúns destes bens tiñan unha procedencia fraudulenta como a encomenda do mosteiro de Moraime ou San Xoán de Borneiro.

J. García Oro sinala que a morte de Pedro Ruiz Sarmiento uns meses despois interrompeu todo o proceso de traspaso dos bens de Roi Soga porque deixaba un herdeiro de corta idade: Diego Pérez Sarmiento. Durante a súa minoría, Gómez Manrique, sobriño do arcebispo e adiantado maior de Castela, fíxose cargo deles. En febreiro de 1391 Diego Pérez Sarmiento e García Manrique acordan a súa compravenda por 175.000 mrs. Nunca se verificaría. En 1398 o arcebispo dá marcha atrás e fai desleixo de tódolos dereitos que puidera ter sobre estes bens. Quedaban pois en mans dos Sarmiento de Rivadavia estas arredadas posesións situadas no finisterre galaico.

En 1402 don Diego procede á súa venda a don Fadrique Enríquez de Castro, fillo de don Pedro Enríquez e conde de Trastamara, o mesmo que o seu pai, por 250.000 marabedís. O fiador é Bernaldeáns do Campo. 

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

 


Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

comentarios