Xoves. 28.03.2024
El tiempo
10:37
29/09/11

A Ensenada do Trece, un dos sistemas dunares da Costa da Morte de alto valor ambiental

A Ensenada do Trece, un dos sistemas dunares da Costa da Morte de alto valor ambiental

Despois destes meses estivais, agora é un bo momento para facer balance dunha das mellores tempadas de turismo do ano, onde puidemos observar a cantidade de visitantes que durante estes meses estivais pasados se achegaron as diferentes vilas da Costa da Morte. Son moitos os motivos das visitas á nosa terra pero cabe dicir que estamos nun momento no que está en auxe o turismo ambiental; e a Costa da Morte ten recursos máis que potentes para atraer este tipo de visitantes.

O gran potencial turístico da Costa da Morte é de todos coñecido; a gastronomía, as festas, a artesanía,… pero se por algo destaca este territorio é polos seus espazos naturais. Durante o mes de agosto pasado, o faro de Fisterra e o cabo Vilán rexistraron a súa maior marca de visitantes, e este foi un valor recoñecido no seu momento pola Xunta de Galicia con diversas figuras de protección que lle dan un atractivo engadido a estes recursos. Así, segundo se desprende da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, nesta zona existen as seguintes figuras de protección: LIC (Lugar de Importancia Comunitaria); ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).

O LIC Costa da Morte está formado por 152 km de litoral (depósitos areosos, augas mariñas, flora, fauna,…) que unen o cabo Fisterra coa praia de Alba, no concello de Arteixo. Desta forma, esta figura de protección abarca os concellos de Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee e Fisterra; comprendendo así as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e unha pequena sección de A Coruña.

Un 17% deste espazo protexido está formado polos depósitos areosos de praia-duna; o que supón un total de 26 quilómetros, onde predomina a area branca e o forte oleaxe. As distinguidas praias de Razo, Baldaio, Caión, Laxe, Estorde, O Ézaro, Quenxe, Boca do Río, Mar de Lira, son espazos de sobra coñecidos para os turistas que cada ano visitan a zona. Estes lugares esconden unha enorme riqueza ambiental baixo as súas augas mariñas, as cales supoñen o 38% do LIC Costa da Morte. Estas recoñecidas augas concéntranse principalmente no cabo Fisterra, en Arou e na ría de Corme e Laxe.

Toda esta riqueza veuse xa afectada en varias ocasións por diferentes factores degradantes como os vertidos de petróleo, a man do home,… A pesares disto, séguense destacando zonas que aínda conservan un gran valor grazas á diversa vexación e fauna que reside nelas, como por exemplo as lagoas de Traba e Baldaio. Outros dos elementos naturais a destacar son os sistemas dunares presentes en diferentes lugares da Costa da Morte: o monte Branco, as praias da Barra do Medio en Ponteceso a do Trece en Camariñas, que se elevan por riba dos cen metros de altura. Tamén están presentes nesta figura de protección as dunas colgadas, as praias de turbeiras fósiles, as praias de cantos rodados e as furnas. Todo este conxunto de elementos teñen unha forte interese xeolóxica, principalmente a lagoa de Baldaio, as rasas cuaternarias de cabo Santo Adrían (Malpica), a praia do Trece (Camariñas), as penas abaladoiras de Muxía e o coído de Cuño.

A vexetación e a flora presente na Costa da Morte converte a nosa zona nun dos espazos naturais más sobresaíntes do noroeste da península Ibérica, aínda que existen lugares ameazados como o cabo Vilán e a súa contorna, un dos lugares preferidos polos turistas.

Por outra banda tamén se atopan aquí especies en perigo de extinción como a coñecida herba de namorar (Armeria pubigera subsp. pubigera), entre outras.

As illas Sisargas, os illotes de Cabo Vilán e o tramo costeiro de Fisterra, son puntos especiais e de elevado interese pola súa avifauna. Nestas zonas pódense observar as únicas colonias de cría de toda España de arao común (especie que se fixo tristemente famosa polo Prestige xa que se temía pola supervivencia das súas colonias), gaivota tridáctila e gaivota escura.

Ademais desa fauna, na Costa da Morte están presentes outros vertebrados de especial interese como o reo, a anguía, o lagarto das silveiras ou a píntega rabilonga. Todas estas especies son as protagonistas en festas gastronómicas e tamén nos contos e refráns populares. Entre os mamíferos pódese observar a presenza de lontras, cetáceos como os arroaces, o golfiño común ou o caldeirón común. Nas zonas máis próximas a montaña tamén se pode detectar a presenza de lobos, unha especie en perigo de extinción.

Pero ademais desta, A Costa da Morte conta con outra figura de protección que foi recentemente declarada grazas ao movemento social xurdido despois da licenza obtida por unha empresa para a extracción desta pedra para o seu posterior trato comercial. Así, o 13 de xaneiro de 2009 os veciños por fin viron as súas peticións cumpridas xa que se publicou no Diario Oficial de Galicia a declaración de Paisaxe Protexida o conxunto de elevacións graníticas que forman os Penedos de Traba e Pasarela. Estas elevacións ocupan una superficie de 212 hectáreas situados nos concellos de Vimianzo e Laxe. En todo o conxunto rochoso distínguense formacións que indican os largos procesos tectónicos nos que foron fracturadas as rochas adquirindo formas semellantes ás feitas pola man do home; tales como as popularmente coñecidas como A Cachucha ou a Torre da Moa.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios