Xoves. 25.04.2024
El tiempo
14:01
06/06/13

A prórroga do orzamento municipal

A prórroga do orzamento municipal

Non descubrimos nada novo ao asegurar que as liñas mestras da política económica dun concello se conteñen no presuposto. Tampouco estraña, xa, o uso nalgúns dos nosos municipios de técnicas de planificación vangardistas, como o orzamento participativo, onde a poboación intervén directamente manifestando as súas prioridades. Pero, que non se respecte o prazo legal da aprobación do orzamento e deba prorrogarse o do exercicio anterior, segue, cando menos, sorprendendo.

O certo é que ningunha entidade da área de influencia de Que pasa na Costa aprobou o seu orzamento antes do prazo legal (31 de decembro de 2012), e os concellos de Camariñas, Carnota, Corcubión, Fisterra, Malpica e Vimianzo, a día de hoxe –insisto– a día de hoxe, continúan sen aprobalo definitivamente.

Datas de aprobación definitiva e da entrada en vigor dos presupostos municipais dos nosos concellos:

CONCELLOS APROBACIÓN ORZAMENTO
DEFINITIVA ENTRADA EN VIGOR
CABANA 16/01/2013 22/01/2013
CAMARIÑAS ----- -----
CARNOTA ----- -----
CEE 25/01/2013 02/02/2013
CORCUBIÓN ----- -----
DUMBRÍA 04/01/2013 15/01/2013
FISTERRA ----- -----
LAXE 22/03/2013 05/04/2013
MALPICA ----- -----
MAZARICOS 04/03/2013 14/03/2013
MUROS 07/02/2013 23/02/2013
MUXÍA 09/01/2013 17/01/2013
PONTECESO 15/05/2013 28/05/2013
VIMIANZO ----- -----
ZAS 26/02/2013 02/03/2013
Fonte: Boletín Oficial da Provincia de A Coruña. Elaboración propia. ----- Significa que aínda non se aprobou definitivamente o orzamento e, polo tanto, non se publicou e non entrou en vigor.

En definitiva, a entrada en vigor do orzamento (unha vez publicado no BOP), formalízase tarde. Avanzado o exercicio. Porén, esta realidade que se repite sistematicamente, ano tras ano, e vulnera o principio básico de anualidade orzamentaria, provoca significativas consecuencias que procedería evitar.

Porque, o orzamento, cando se aproba fóra de prazo, desvirtúa a súa natureza e función programadora, prexudica a consecución e outorgamento de subvencións. Afecta á execución de investimentos e, en xeral, debilita a actividade economico-financeira da entidade. Cuestións, todas elas, o suficientemente importantes como para que os nosos alcaldes prescindan da prórroga orzamentaria, actuando con máis rigor.

Trátase doutra asignatura pendente do municipalismo galego, non a máis importante, seguro, pero é unha incidencia que, estarán de acordo comigo, debe superarse para dignificar a institución municipal.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios