Luns. 18.11.2019
El tiempo
07:36
11/10/12

As cartas do avó Pascasio: A nosa moeda son os pesos arxentinos

As cartas do avó Pascasio: A nosa moeda son os pesos arxentinos

Moi querida neta Cristina:

Escríboche para contarche que na última reunión no "Recuncho Galego Riopratense" saíu á palestra o tema das pensións e xubilacións que perciben na Arxentina os emigrantes españois. Creo conocés que o asunto ten bastante quentes a moitos beneficiarios que protestan pola conversión dos euros a pesos. No noso debate participaron varios compañeiros de ambas as beiras do Prata con opinións a favor e en contra da conversión. Eu non abrín a boca pero me interesa mencionarche a intervención do meu vello amigo montevideano Vázquez Valiño. O emigrante de Noia [A Coruña] foi un activo dirixente da colectividade, presidente do Centro Coruñés entre outros cargos. Contounos que recibía unha pequena pensión da Seguridade Social española polos anos cotizados antes de emigrar ao Uruguai. Asegurounos que nunca lle entregaron pesetas porque o banco no que tiña a súa conta encargábase de converter as pesetas en pesos uruguaios. Na súa opinión, é o normal xa que debe de primar a moeda do país de residencia e ademais o pretender cobrar en moeda estranxeira non é patriótico.

Logo da reunión escoitei as noticias. Sorprendeume que os comentaristas che criticasen argumentando que estabas afanando aos xubilados españois ao quedarche coa diferenza de cambio entre a cotización oficial de divísalas e a real. Sei que dirás que non debo sorprenderme, pero os avós galegos sufrimos cando acusan inxustamente a alguén do noso sangue. O que comprobo con tristeza é que na miña querida Arxentina calquera indocumentado exerce de xornalista. Sen ruborizarse escriben falsidades ou deforman a realidade. Aos meus anos, entenderás que son compresivo cos raparigos da prensa porque o morfe é o primeiro. Están obrigados a seguir fielmente o guión que lles marca o patrón ao ritmo do clarín. Agora ben, aceptando que as chauchas ou os garavanzos son importantes, iso non impide que se poida redactar con estilo. Hai cen formas mellores de criticar o decreto sobre medidas cambiarias sen entrar ao trapo do puteo persoal.

Mirá, Cristina, non me quenta que che critiquen. Están no seu dereito. O que non é construtivo é a mala educación e a falta total de respecto. Na nosa Arxentina perdéronse as formas e é moi negativo o caer no exabrupto constante e ilimitado. Vaise directamente ao impacto para buscar o enfrontamento mediante ofensas en lugar de confrontar ideas dentro da ampla marxe de acción que nos permite a vida en democracia. A colección de palabrotas en contra túa demostra carencia de ideas e sobre todo escasa consideración cara aos cidadáns. Os chamuyadores baratos teñen en mínima estima ao votante que queren manexar como a un neno que se desafoga gritando e pataleando. Mentres sigan coas súas fondas propostas non tenés que preocuparche. Acá van tres exemplos: a) Esta mina está tola!; b) É moito peor que Menem; c) Os peronistas son flor de chorros. Céntranse en atacar e esquécense de defender as súas propostas. Se falan con Menotti diralles que o fútbol actual non se concibe sen unha boa defensa. Non todos os cadros poden contar co virtuosismo do gran Maradona.

Cando un electorado faise adulto, o seu voto busca a mellora e a corrección de erros. Acá, lamentablemente, hai demasiado voto infantil que é aquel que soamente persegue o foderche a vos. Non se analiza se o país avanzou ou se hai menos pobres. Hai que darche na cabeza para que vaias ao sur a xogar cos teus netos. A vida política enriquecerase cando os partidos opositores presenten un programa político. Vouche pór un exemplo ---se mo permitides--- referido ao cambio a pesos das xubilacións españolas e ás restricións establecidas nas viaxes ao exterior. Como as palabras as leva o pampero os candidatos á Casa Rosada deberían de editar un folleto con todas as súas propostas de goberno, incluíndo os dous seguintes apartados: I) O diñeiro que reciban os inmigrantes estranxeiros residentes no país [sexan ou non cidadáns legais] provenientes de axudas sociais, pensións ou xubilacións poderá facerse efectivo na moeda que elixa o beneficiario; II) Os arxentinos que viaxen ao exterior non terán limitacións para adquirir divisas e beneficiaranse dun cambio especial por baixo da cotización oficial. Non se poderá saír do aeroporto de Eceiza sen levar no pasaporte o correspondente selo: A República Arxentina axuda á recuperación da economía mundial?

Bo, despídome, xa che rompín un pouco o mate. Fágoo porque me preocupa que volvan as vacas fracas ao país pero doutra banda estou máis que tranquilo ao saber de certo que nas próximas eleccións obterás un resultado histórico que andará cerquita do 60% dos votos emitidos.

Recibín un forte abrazo do avó galego que non che esquece.

  • Pascasio Fernández Gómez.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios