Xoves. 25.04.2024
El tiempo
10:06
12/11/12

As cartas do Avó Pascasio: Un fogar común na esquina de Belgrano e Pasco

As cartas do Avó Pascasio: Un fogar común na esquina de Belgrano e Pasco

Moi querida neta Cristina:

Teño que transmitirche que dentro da agrupación "Cristina da Fonsagrada" constituíuse unha Comisión Especial de Seguimento da intervención xudicial do Centro Galego de Bos Aires. Como podes comprender estamos moi preocupados sobre o futuro da máis importante entidade galega da Arxentina. A comisión está composta polos presidentes e secretarios que están acá arriba e que en diferentes épocas tiveron responsabilidades na institución. Reuniranse todas as semanas ata que cese a intervención comandada por Carlos A Blunda.

Mirá, Cristina, non podemos negar que o golpe é moi duro para nós, honrados albaneis que edificamos con amor un fogar común na esquina de Belgrano e Pasco. Somos conscientes de que non é ningún capricho ---os gobernos serios non se moven por calenturas pasaxeiras--- pero, ollo! ten que ser transitoria. A situación foise complicando. Unhas contas que non pechan ao entrarche mil pesos e gastar dous mil. Así, vas caendo nun pozo do que non saídes sen que che suban cunha corda. Na comisión falouse de erros e de fallos pero deixando claro que a culpabilidade repártese entre varios actores.

O que os meus compañeiros puxeron sobre a mesa na reunión é que os problemas non empezaron onte coa xestión de Carlos Alberto Vello. Analizaron sucesivas etapas ata chegar ao factor que inoculou o virus que nos levou a ser intervidos. Sorprendeume que fose Sánchez Miles o que puxese o dedo na chaga ---dígoo porque era amigo persoal do presidente Fraga--- ao manifestar con total convición que a cousa torceuse no mesmo momento en que se acepta a primeiro axuda da Xunta de Galicia.

O amigo Eduardo desenvolveu o seguinte pensamento que che reduzo e traduzo: "Nós viñemos á Arxentina para mellorar a nivel persoal e para axudar ás nosas familias que quedaban na aldea. Os emigrantes estamos programados para loitar e dar apoio. Cando don Manuel con toda a boa intención do mundo aproba unha axuda para o Centro Galego é, aí mesmo, cando empezou a nosa crise.Quedámonos tranquilos coa guita que viña da nosa terra e durmímonos nos loureiros".

Bueno, querida neta, se cadra che parece que os galegos divagamos. Dígoche que ten moito sentido o que expresou Eduardo. Trátase de utilizar mal ou non valorar o que che cae de arriba. A guita da Xunta tiña a finalidade de subvencionar a atención médica dos socios nacidos en Galicia. Moi ben pensado; así se aliviaban os gastos xerais. Pero a prata foi para bancar a un grupo de enchufados que non cumprían labor algún dentro dun invento chamado Fundación Galicia Saúde. O destino principal do que viña de Galicia ía para pagar bos salarios de empregados administrativos que non eran necesarios e que non melloraban o servizo de asistencia sanitaria.

Créase na nosa vella institución unha caste de privilexiados bancados desde Galicia. Os sucesivos cambios na Xunta repercutiron na Fundación ao ter que irse os "ñoquis" que perderon as eleccións. Estarás sorprendida, Cristina, ao decatarche de técelos e manexes no Centro Galego. Fómonos afundindo sen aproveitar para unha racionalización dos servizos, renovación tecnolóxica e bolsas de formación. Agora, todo son queixumes. Todos víñano vir pero ninguén fixo nada. Non é xusto botarlle a culpa á Blunda; en todo caso, é un mal necesario para que o noso querido centro recupérese logo da tormenta. Avísoche que seguirás informada porque unha carta é insuficiente para resumir máis dun século de traxectoria.

Recibí un forte abrazo do avó que non te esquece.

  • Pascasio Fernández Gómez.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios