Martes. 23.04.2024
El tiempo
10:32
28/09/12

As imaxes roubadas das igrexas de Nande e Traba (Laxe): hai interese por evitalo?

As imaxes roubadas das igrexas de Nande e Traba (Laxe): hai interese por evitalo?
Inmaculada de Nande - Foto X.M. Lema

Soubemos do roubo de nove imaxes barrocas nas igrexas de Nande e Traba (Laxe) o pasado día 18 de setembro. A historia repítese e unha das causas pode ser o abandono crecente das casas reitorais tras o falecemento dos párrocos vellos. Lembro que no período comprendido entre o falecemento do anterior párroco de Laxe e a toma de posesión do actual, alguén fixo desaparecer da sancristía unha imaxe dun san Xosé barroco de finais do séc. XVIII; o cura decatárase da falta porque estaba estudada na miña obra A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (1993); nin que dicir ten que na segunda edición deste traballo (1998) fixen constar esta circunstancia, pero da imaxe non volvín ter noticia.

Disque se sospeita que os ladróns atoparon copias de chaves das igrexas na agora deshabitada casa reitoral de Matío (Nande), o que lles permitiu un acceso doado ós templos. Non sei qué estará esperando o Arcebispado de Santiago para tomar dunha vez medidas para evitar o expolio do seu patrimonio relixioso, artístico e documental (¡cantos arquivos se levan perdido xa!). É incomprensible tanta neglixencia. Non entendo como se deixan arruinar as casas reitorais, de tan boa feitura -algunhas parecen pazos fidalgos-, podéndoas rehabilitar e aproveitar, por exemplo, para o turismo rural: a Igrexa tería uns bos ingresos para autofinanciarse e deixar de depender do Estado.

Non vexo que as autoridades civís e eclesiásticas fagan algo para evitaren os roubos, cada vez máis frecuentes, de imaxes das igrexas e santuarios rurais, moitas delas de moi boa feitura. ¡Que tristeza dá ver o retablo barroco de san Roque de Nande espido, sen imaxes! Retablo e imaxes de case 300 anos de antigüidade, obra dun anónimo artista compostelán –da escola de Mateo de Prado, o mellor escultor do séc. XVII galego- entre 1720 e 1726. As súas imaxes eran –son- do melloriño do estilo barroco de todo o arciprestado de Soneira; en particular, a figura de san Roque, que engaiolaba pola súa grande expresividade, co dedo ergueito cara á súa boca entreaberta que parece estar chamando a atención ó anxo regordete que camiña ós seus pés sinalando a ferida da súa coxa (lémbrese que san Roque era o avogado contra a peste). A Inmaculada –que segue a tipoloxía creada polo escultor andaluz Alonso Cano-, o san Xosé e o san Gregorio tamén son dunha feitura moi coidada; nas súas vestiduras chama a atención o seu rico cromatismo e as acartoadas dobras, case metálicas. Non estou a falar a touro pasado: entre as páxinas 352 e 358 do tomo III da obra citada xa destacaba a notable calidade destas figuras.

Algúns poden opinar que a publicación destes estudos poden ser boas pistas para os ladróns. Certo director xeral do Patrimonio, dicía, para xustificar a súa negativa a subvencionar escavacións arqueolóxicas, que “o mellor xacemento é o que non se escava”. Un inmobilismo que nos condenaría a seguir vivindo na Prehistoria. Pois eu coido que mesmo foi mágoa que non se tivesen feito postais das imaxes roubadas para facelas así máis coñecidas, pois isto sería un bo antídoto contra os cacos. Na Bretaña francesa hai moitas igrexas rurais abertas determinadas horas do día para o turismo, e nelas véndense guías e postais coas fotos dos seus rústicos santiños. O que hai que facer é adaptarse ós tempo que corren e colocar dunha vez sistemas de alarma nos templos e santuarios, pois en cada un hai un pequeno museo.

A dirección xeral de Patrimonio Artístico da Xunta de Galicia tamén terá que tomar cartas no asunto, pero como sexa coa calma que se toman para protexer, por poñermos un exemplo, o chamado o Cruceiro dos Santos (Bamiro), xoia gótica en pedra do séc. XV ou XVI, imos aviados, pois hai xa uns aniños que vimos reclamando esa protección sen obtermos resposta.

Artigos de Lema Suárez en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios