Xoves. 28.03.2024
El tiempo
08:45
22/11/11

As orixes das terras de Nemancos (XI). A Xurisdicción de Corcubión: organización e xestión do territorio

As orixes das terras de Nemancos (XI). A Xurisdicción de Corcubión: organización e xestión do territorio

Nun compendio do século XVIII, un criado da casa de Altamira dá conta dos bens e rendas da casa. O sistema expositivo é sintomático dun modelo organizativo: a disección das xurisdiccións que compoñen o estado de Altamira. Este esquema organizativo -non así a súa traducción territorial- é moi antigo e anterior ó desembarco dos Moscoso no arciprestado de Nemancos. De feito, cando aparecen no horizonte simplemente empregarán unha formula ensaiada ó longo de séculos.

Unha xurisdicción non é máis ca un territorio, perfectamente delimitado, sobre o cal un individuo ou unha corporación (por exemplo, o abade e mailo convento dun mosteiro) exercen unha ampla autoridade. Este «poder de mando» tradúcese de moitas maneiras todas elas encamiñadas a regula-la vida da comunidade que habita neste territorio. Garanti-Ia paz e a xustiza para propiciar unha óptima producción de recursos é unha das máximas preocupacións do señor da terra. Para iso designará varios axentes ós que Iles encomendará distintas tarefas relacionadas co goberno da xurisdicción. Os homes que moran na xurisdicción convértense en vasalos do titular desta en virtude do seu nacemento nesta terra ou do aviciñamento nela.

Os moradores do arciprestado de Nemancos foron sabedores sempre dos límites da xurisdicción na que estaban encadrados aínda que eses límites oscilaran co paso do tempo. Coincidían as máis das veces con accidentes naturais como o leito dun río, un penedo, o mar, unha mámoa, unha cruz, un camiño, ... fitos que formaban parte da súa experiencia visual cotiá (os marcos básicos que organizaban a súa vida eran a parroquia e a xurisdicción).

Cos documentos dispoñibles é imposible trazar unha evolución exhaustiva destes límites, nin sequera nos é dado establece- la data de nacemento da xurisdicción de Corcubión. Tódo los indicios apuntan a que á chegada dos Moscoso modificouse a xeografía xurisdiccional desta área. A situación do centro rector, Corcubión, aparece de feito parello á instalación dos Moscoso nesta zona. Entre as freguesías sometidas á xurisdicción de Roi Soga non figura expresamente Corcubión o cal é sintomático: un núcleo dende o cal se xestiona a xurisdicción non podía ser obviado. Aparece en cambio San Andrés de Canle, parroquia na que está situada Corcubión o cal apunta na mesma dirección. A igrexa parroquial atopábase en Canle, nun monte que domina o porto. Tamén existía unha igrexa en Corcubión que se transformará en parroquial baixo a advocación de San Marcos hacia 1430.

Este cambio abunda na hipótese de que foron Rui Sánchez de Moscoso e o seu fillo, Rodrigo de Moscoso, maila a súa nora, Xoana de Castro, os que estableceron a capitalidade xurisdiccional en Corcubión. As razóns que tiveron para outorgarlle tal estatuto semellan ser dúas basicamente: tirar un aproveitamento económico do tráfico marítimo e a defensa da xurisdicción. Os Moscoso vían ben que o perigo viña polo mar e non tanto por terra como se demostrou coa incursión das xentes do arcebispo don Rodrigo de Luna en 1457.

A extensión da xurisdicción de Corcubión oscilou sensiblemente ó longo do tempo; proba evidente diso é que a relación dos bens de Roi Soga no arciprestado de Nemancos non coincide exactamente coa xeografía do partido en 1724. Moi probablemente se puideramos cotexar esta relación coa lista detallada de bens que serviron de aval ó dote de dona Xoana de Castro constatariamos igualmente esta falta de coincidencia. É algo comprensible dado que os límites dunha xurisdicción obedecen a vicisitudes polas que vai atravesando o seu titular. A continuación daremos conta dalgúns fitos significativos a este respecto. Na relación de Roi Soga figuran algunhas freguesías que estaban suxeitas á xurisdicción de diversos mosteiros como San Cristovo de Nemiña ou San Antón de Baiñas, freguesías que co tempo foron reconducidas ás mans dos seus titulares. En 1438 Rui Sánchez de Moscoso e Rui Fernández de Caamaño acordan o casamento da filla deste con Fernán López de Lamas, criado daquel. Rui Sánchez comprométese a desembargar ó Caamaño as freguesías de Santa Baia de Brens, San Pedro de Redonda, San Andrés de Canle e San Adrián de Toba con tódalas herdades que alí Ile pertenceran de forma que as ajades e levedes e pesuyades daqui endeante según e por la forma que as tiña e husaba e pesuya Maria Rodrigues, avoa de vos o dito Ruy Fernández. Este acordo desembocou nun preito en 1497 entre Lope Sánchez de Moscoso –bisneto de Rui Sánchez- e García de Caamaño polas devanditas freguesías e tamén polo porto de Corcubión. Este preito resolveuse por medio de xuíces arbitros que dictaminaron a favor do conde de Altamira vista a posesión inmemorial que tiña destes bens e a falsidade dalgunhas escrituras presentadas por García de Caamaño. As freguesías de Santa Comba de Carnota, San Xoán de Serres, San Martiño de Lariño e o couto de Adraño foron anexadas e segregadas da xurisdicción de Corcubión en varias ocasións en circunstancias que sería longo expoñer.

A cuestión dos límites vai máis alá do puramente anecdótico; como xa dixemos, a vida da comunidade que habita o territorio encadrado por estes límites vai ser regulado conforme os designios do titular da xurisdicción. Este directamente ou a través dos seus axentes dictará ordenanzas relativas principalmente ós prezos das cousas (como o viño ou a carne), ás medidas (debido á heteroxeneidade destas e para unificar criterios dentro da xurisdicción; tamén para evitar abusos) e as batidas dos lobos. A represión da infracción destas ordenananzas, da normativa legal, dos usos e costumes é potestade do señor e dos seus axentes. No século XVI a tarefa de xulgar estaría desempeñada por un meiriño; de aí que a xurisdicción de Corcubión apareza designada tamén como xulgado ou merindade de Nemancos. Os xuízos pendentes na xurisdicción celebrábanse en Corcubión, moi probablemente no pazo señorial. É moi importante que os procesos se celebren en lugar coñecido -sempre o mesmo- e con publicidade pois nestes dous elementos reside parte da eficacia da acción do xuíz dado o valor «divulgativo» e exemplarizante que estes cobraban. Sen lugar a dúbidas, esta divulgación «do que está permitido e o que non» e a exemplaridade acentuábanse na execución das penas, especialmente nas que os corpos dos reos eran sometidos a azoutas, tormento, amputacións ou á pena capital: a perda da vida. Toda esta escenografía do castigo desenvolveuse sempre no mesmo lugar: o Campo do Rollo, topónimo que ainda pervive. A única persoa autorizada na xurisdicción para dar fe pública das escrituras era o notario ou escribán de Corcubión, oficio provisto tamén polos Moscoso. Na defensa militar da comunidade intervirian os propios veciños da terra quen terian que acudir ó chamado do señor.

Este organigrama administrativo señorial precisaba de recursos para ser sostido. Ademais o señor viu nel unha fonte de ingresos moi importante. As penas xudiciais constituían un capítulo destacado xa que eran sobretodo de índole pecuniaria. Nesta época o cárcere non estaba pensado para albergar durante moito tempo os reos; era unha medida preventiva e disuasoria que se tomaba con certas persoas, sempre por espacios curtos de tempo. As exaccións sobre os vasalos non recaían homoxeneamente sobre a súa totalidade senón dependendo dos usos e costumes da terra e do foro de cada un deles así pagaban. Ante o señor non eran iguais as viúvas, os pobres, os escudeiros, os veciños da vila de Corcubión ou os das freguesías dos arredores. Non dispoñemos de datos que ilustren esta desemellanza no século XV ou con anterioridade pero a xulgar polo que pasaba na totalidade das xurisdiccións dependentes dos Moscoso e doutros señores isto foi así.

Os axentes encargados da recadación destas rendas son os mordomos. Na xurisdicción de Corcubión tamén se ocuparían das rendas derivadas da propiedade ou usufructo de herdades pertencentes ós Moscoso. O seu nomeamento corresponde en 1724 ó xuíz que poñía un por freguesía aínda que o seu número tivo que ser moi fluctuante xa que na época (s. XV e XVI) estilábase o arrendamento das rendas. Este procedemento introduce unha compoñente de variabilidade no número de mordomos xa que sería pouco práctico establecer un número fixo. Sobre os ombreiros dos mordomos recaían outras funcións como o embargo xudicial, a intervención en accións civís menores…

Montes, muíños, pesqueiras, fornos para fabricar tella, bens mostrencos, etc constituían un capítulo importante dentro da fiscalidade señorial. O seu aproveitamento é monopolio do señor; só a súa autorización ou a dos seus axentes posibilita ós particulares o seu usufructo. Nun libro de foros de 1562 da xurisdicción de Corcubión ponse de relevo como a construcción de muíños e de fornos para fabricar tella e o aproveitamento dos montes está supeditado a unha concesión do señor que afora o seu usufructo. Os montes - na xerga da época- rómpense e cultívanse regularmente; en 1724 aínda pervivía esta práctica pois menciónase que o conde de Altamira tiña dereito a percibi-Ia novena parte dos froitos obtidos por este procedemento dos montes de Carnota e de San Martiño de Olveira e a sexta parte nos montes restantes da xurisdicción.

O señor da xurisdicción tende a concentra-las súas propiedades territoriais ou o usufructo de bens dos cales el non é o titular nela pero nada impide que os teña en xurisdiccións alleas; do mesmo xeito, titulares doutras xurisdiccións gozan de bens na súa. De ordinario estas terras aforábanse; no contrato estipulábanse as condicións nas que eran cedidas en usufructo. Unha destas condicións era o pagamento dunha renda, normalmente de carácter anual, en metálico ou en especie. Nos foros de 1562 contémplase en case todos eles que os foratarios aboen a renda o día de San Martiño e que a depositen ó seu cargo no pazo do conde de Altamira en Corcubión. En casos excepcionais contémplase a alternativa de depositala en Muros ou Santiago (como por ex. a manteiga). Corcubión, como centro rector da xurisdicción, drenaba tódalas rendas que pertencían ó señor e o tráfico comercial marítimo pois indubidablemente era un porto privilexiado fronte ás outras calas da xurisdicción (sembrar o preito que mantiveron don Rodrigo de Luna, arcebispo de Santiago cos Moscoso sobre carga, descarga e salgadoría de sardiñas e outros pescados nos portos de Corcubión, Laxe e Camariñas en 1456. Laxe e Camariñas pertencían a xurisdicción de Vimianzo).

Aquí residía o señor cando se deixaba ver pola xurisdicción e tamén os seus axentes máis cualificados: o meiriño (ou xuíz) e o notario. Escudeiros, homes que desempeñaban os máis variados oficios e clérigos constituirían o elemento humano predominante en Corcubión fronte ó seu contorno basicamente campesiño. Boa proba diso son os outorgantes dos contratos de foros xa mencionados. É esta estructura socio-económica a que moldea o urbanismo de Corcubión facendo que se diferencie netamente do territorio rural que lIe está subordinado. Os fitos arquitectónicos máis sobresaíntes da vila e os que Ile imprimían carácter eran o pazo dos Moscoso, as residencias dalgúns burgueses e escudeiros e o hospital para peregrinos. Non consta a existencia de muralla, aínda que é posible que contara cunha cerca dado o exposto da súa situación como se demostrou no ataque das xentes do arcebispo don Rodrigo de Luna en 1457.

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

 


Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios