Venres. 29.03.2024
El tiempo
09:32
03/09/12

Cans

De tódalas cousas que alguén pode chamar a un veciño na nosa bisbarra “can” esta considerado por moitos coma o maior insulto posible.

Nunha terra de dificultades, de profundas complicacións, onde as labouras no campo ou no mar eran, ata hai ben pouco, parte fundamental das tarefas profesionais, chamar a outro vago, can, ou afirmar en público que non facía fronte as súas obrigas era entendido como unha afrenta de tal calibre que en moitos casos acababa mal ou moi mal, chegando as mans.

Que pasou? Que foi o que sucedeu para que nos deixáramos tanto?

Somos un pobo de indixentes morais perpetuos. Carecemos da mínima pinga de autocrítica, de auto-exisencia persoal ou popular. O que se esforza, o que loita ou prefire o traballo duro, (físico e mental, ollo) a que llo dean regalado é acusado de estúpido e de “miña xoia”. Un pobre idiota que “traballa de máis”. E, insisto, non falo do plano físico únicamente.

Por razóns seguramente enraizadas na psique histórica da bisbarra, xeracións de homes e mulleres teñen confundido “traballo duro” con “traballar ben” ou con produtividade. Ninguén foi nunca mellor traballador por facer máis. Ao contrario, os mellores ratios de produtividade se obteñen da eficiencia e da selección de esforzos, máis que da forza bruta, tan de moda no rural. Para cargar vale calquera, o asunto é saber cargar.

É aí onde se esconde a maior das nosas eivas, a que nos atrasa e nos denigra a todos. Non queremos pensar. Non nos gusta esforzar a cabeza. "Que pensen outros” teño escoitado, e non en poucas ocasións. Somos cans ata para iso. A maioría, e ollo co que vou dicir, son tan miserablee e tan minúscula a sua mentalidade neste aspecto que prefire elixir unha opción política ou outra en función do esforzo intelectual que esta esixa. Ser de esquerdas é moi sacrificado. Tanto ter que decidir, tanto ter que pensar. “Que pretenden, que lea?. Se teño que tomar eu as decisións, para que votei por eles?”. Isto ultimo son frases extraídas da realidade, do día a día da bisbarra. Hai xente así entre nos, e son lexión.

Somos unha banda de cans, unha manada de iletrados, na definición clásica que o cacique, o señorito da urbe daba o paleto de aldea daqueles tempos. Destes tempos. Nunca quixemos ir mais aló porque esixía exercitar o cerebro e iso, amigos… iso si que é ben duro. Por iso non o fai todo o mundo.

Cando demando datos fiables que nos sirvan para avaliar o nivel real da fenda entre nos, a Costa da Morte coma unión nun territorio de persoas e sensibilidades, e o resto de Galicia, un dos que máis reveladores me parece sería o referido ao numero de libros que un veciño calquera de entre 25 e 55 anos le ao ano. Un dato para min definitorio, non só do que sabemos senón do que demandamos saber do mundo e das súas cousas.

Voume aventurar. Eu digo 2. Dous libros por ano e persoa. De media. E non falo de temáticas nin estilos, dáme igual. Falo de ler, de ter fame. Falo de sufrir por non saber, por non entender, por non compartir coñecementos, dubidas, sabedoría. Non vexo esa “sede”, non sinto esa demanda porque non existe. Somos tan prácticos, tan pouco epicúreos, que nos vale que mande o que mais fácil nolo poña. Ese que di que non lle facemos falla nin nos nin a democracia. Para que?, de que sirve ter que decidir, ter que pensar? “Xa nos ocupamos nos, non se preocupe”, dicían.

Banda de iletrados, nos chamaban. Nunca fomos nada mellor que iso. Somos o que sempre quixemos. Unha masa infecta de burras de carga, emigrantes potenciais, man de obra barata que se denigra por un cacho de pan. Mellor iso que ter que pensar, que ter que decidir. Banda de paletos. “Non sabedes nin ler”.

“Para que preciso saber ler si o que teño é fame?” preguntaba un aldeán da serra cubana ao Che naqueles anos de revolución cando este lle falaba de cultura, de aprender a ler para non ser enganado polo capital. “De que me servirá saber ler cando non teña pan para os meus fillos?” dicíalle.

“Para nada compañero”, contestaba Ernesto “Leer es de revolucionarios”.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios