Venres. 29.03.2024
El tiempo
10:07
13/10/11

Capela da Fundación

Capela da Fundación

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Capela da Fundación

  • Autor da fotografía: Photo Art (A Coruña)
  • Cronoloxía: 1887 (Fotografía realizada en 1917)

A capela do Instituto da Fundación

O 19 de agosto de 1887, case un ano máis tarde do inicio da actividade docente, abreu ó culto a capela do Colexio.

A capela conta cun altar, de mármore branco, presidido por unha fermosa escultura de San Fernando III O Santo, o cal, nunha man porta a espada (denominada Lobera) desenvainada, e na outra unha bola do mundo (orbe), símbolo de autoridade e poder, da que colgan tres chaves (as cales simbolizan a reconquista das cidades de Sevilla, Córdoba e Xaén). Completa o conxunto do altar un Sagrario, en mármore branco con incrustacións, e dúas estatuíñas de Xesús e María nenos, colocadas a ámbolos lados da figura central de San Fernando.

Na capela tamén se atopa o mausoleo, de mármore branco, no que repousan, dende o ano 1889, as cinzas de Fernando Blanco de Lema, que finara en Cuba 14 anos antes (1875).

No ano 1888 embelécese a capela coa pintura da bóveda, que realiza Eugenio Villar, da Escola de Artes e Industrias de Santiago, e cunha Gloria, que rodeaba a imaxe de San Fernando, realizada polo pintor madrileño Luís Muriel, especialista en escenografías teatrais e discípulo de Carlos de Haes. Por desgracia estas fermosas pinturas non se conservan na actualidade, aínda que permanecen na memoria dos que tiveron a sorte de poder contemplalas.

Ademáis das pinturas murais antes mencionadas, os responsables da Fundación encargaron un total de 8 lenzos de temática relixiosa para completar a decoración da capela. Seis deles son obra de Francisco Díaz Carreño, que os pintou entre os anos 1889 e 1891. Trátanse de “San Luís Gonzaga”, “A Virxe do Rosario co Neno”, “San Xosé co Neno”, “A aparición da Virxe de Lourdes”, “Cristo crucificado” (copia do de Diego Velázquez) e “Inmaculada Concepción (copia da de Bartolomé Esteban Murillo).

Os dous lenzos restantes da capela son obra de Ramón Mosquera Ruíz-Vidal, pintor nacido en Madrid, aínda que con raíces galegas, e que desempeñou o cargo de profesor de debuxo e pintura da Fundación entre os cursos de 1892-1893 e 1907-1908. Mosquera pintou en 1895 os lenzos do Sagrado Corazón de Xesús e de María.

É interesante recalcar tamén que no curso 1892-1893 o papa León XIII outorgou a concesión para ter reservado, no Sagrario da capela, o Santísimo Sacramento do Altar, e para poder expoñelo á veneración dos fieis cinco veces ó ano.

Como colofón final, no mes de xuño de 1905, a capela recibe unha nova xoia “sentimental”: a lápida de mármore do panteón no que Fernando Blanco estivera soterrado durante case 8 anos na capital caribeña.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios