Venres. 19.04.2024
El tiempo
11:24
24/10/11

Como auga de outubro

Como auga de outubro

Por fin chegou, pero parece que apareceu enfada esta auga tan necesaria que nestes finais de outubro a esperábamos como se estiveramos en pleno mes de maio. Levamos máis de seis meses sen choivas, algo atípico para Galicia. E faino desta forma, poñéndonos en alerta laranxa, que segundo apunta Meteogalicia é a situación na que “existe un risco meteorolóxico importante (fenómenos meteorolóxicos non habituais)”. As precipitacións destes días poderían acadar ata os 30 litros por metro cadrado nunha hora, segundo apunta a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Os edafólogos, científicos que estudan o solo, denominan a esta situación “seca meteorolóxica” que se define comparando a precipitación dun lugar nun momento concreto coa precipitación media dese lugar para un período de tempo moi largo. É dicir, que Galicia tivo un verán e un mes de outubro nos que choveu menos do normal.

Estes expertos do solo sinalan que a seca meteorolóxica ten como consecuencia que o chan se deseque e iso, case sempre, ten un efecto directo sobre a produción dos cultivos. Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, sinala que ante unha situación de seca meteorolóxica “os prados reséntense e teñen perdas de produción entre o trinta e o cincuenta por cento, e o millo, que na súa madureza, con raíces fondas, podería resistir ben a escaseza de auga, pillado pola seca en plena fase de crecemento, no acerta a medrar máis alá dun palmo”. Polo tanto, esta seca meteorolóxica dou lugar a “seca agronómica”.

Esta época de seca provocou que os incendios arrasaran unha boa parte de Ourense e aquí, na Costa da Morte, os efectos notárono principalmente os gandeiros que viron reducidas as súas colleitas de millo e herba xa que as terras, debido a que son solos lixeiros e de pouca fondura, teñen pouca resistencia á seca meteorolóxica.

Esta seca meteorolóxica tamén pode ter efectos na produción das prezadas hortalizas do inverno (nabizas, repolo, grelos…) tan presentes nas leiras da Costa da Morte e que son uns ingredientes básicos da alimentación galega.

Agora a nosa reflexión debe ser se esta seca é un efecto máis da incerta previsión das choivas ou un aviso do cambio climático.

Novas relacionadas

Outros artigos de Lorena Martínez Canosa sobre A Costa en Verde

Outras novas medioambientais

Fonte

Comentarios