Martes. 16.04.2024
El tiempo
11:15
20/08/12

Estafáronnos coa paisaxe?

Estafáronnos coa paisaxe?
Captura da páxina maravillasnaturaisgalicia.com mentres seguía en funcionamento

Hai case un ano xurdiu na rede maravillasnaturaisgalicia.com, unha fermosa iniciativa para dar a coñecer as marabillas naturais de Galiza, e sobre todo, para dar aos internautas a elixir a que entre elas fora da súa preferencia. Inmediatamente atraiu moita atención nas redes sociais polo novidoso do proxecto, tan novidoso que nunca aclararon suficientemente o concepto.

Poñámonos en antecedentes. Hai exactamente un ano, comeza a circular polas redes sociais mensaxes animando a visitar a páxina www.maravillasnaturaisgalicia.com, organizado por unha entidade chamada "Obra Social Maravillas Naturais de Galicia", da cal nada máis sabemos que un eslógan recorrente no que animaba a axudalos a donar 40 vivendas a cadansúa familia necesitada de Galiza e norte de Portugal. Natureza e solidariedade, unha fórmula socialmente infalíbel que supostamente xa contaba co respaldo dos medios galegos e portugueses CRTVG, RTP, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Galicia Hoxe e Jornal de Notícias, e contando ademais co patrocinio (económico, supoño) da UNESCO, El Corte Inglés, Estrella Galicia e Delta Cafés, "entre outros".

Ao remate do verán, entre as 72 propostas de espazos naturais galegos, dúas recibiron un apoio moi notábel: O Courel e o LIC (Lugar de Interese Comunitario) Carnota-Monte Pindo, que superaron folgadamente a primeira criba de marzo que só deixaría 30 propostas. Segundo as "bases" (por dicir algo) do opaco concurso, en setembro fallaríase a final nunha "Gala de premios" a celebrar no PALEXCO coruñés e á que ían asistir "diversos representantes do mundo da cultura, a política e a arte".

Á data do remate do concurso, o LIC Carnota-Monte Pindo atopábase no primeiro lugar con bastante vantaxe. Porén, os internautas descubren con sorpresa que a votación segue aberta, ou cando menos a posibilidade de seguir emitindo votos. Isto desatou as lóxicas subsceptibilidades nos participantes, algún dos cales esixiu explicacións aos responsábeis do proxecto, que no seu día foron contestadas (vía Facebook) dicindo escuetamente que o concurso se extendería dous meses máis, sen outra xustificación. O máis aberrante é que superado ese prazo, e novamente co espazo carnotán situado como gañador, a votación seguía hábil, e esta vez sen máis resposta.

Evidentemente en setembro non se celebrou gala ningunha, os responsábeis municipais aseguran non ter recibido ningún comunicado ao respecto e os medios de comunicación non dedicaron nin unha liña á cobertura do evento que supostamente respaldaban. Pero o máis chocante é que da propia organización non se soubo máis nada. Co paso do tempo, a páxina de Facebook deixou de atenderse, e a páxina web oficial, que seguiu recibindo centos de votos estéreis durante meses, hoxe só substenta unha tea branca coa premonitoria mensaxe "Esta páxina web non está dispoñíbel".

Mais isto non é todo, aínda falta o colmo dos colmos. Unha procura básica nos buscadores reléganos a unha noticia antiga no Galicia Hoxe sobre o lanzamento do proxecto. Pois ben, o primeiro comentario á nova é tan duro que merece ser publicado tal cal:

"Por favor a ver si alguien me puede informar de si para este concurso salio gente a recaudar por los negocios gallegos, pues yo entregue dinero prometiendome que mis negocios saldrian en dicha pagina web como apoiante y no los veo por ningun sitio solo salen 2 negocios portugueses. Yo como soy tonta pues siempre me creo estas cosas y despues me llevo el chasco en fin el proyecto me parece precioso pero ya pongo en duda de que se lleve a cabo viendo lo que me sucediò a mi. si me contestaras os lo agradeceria pues me siento mal gracias anticipadas. Naír.

Neste extremo, a broma de mal gusto convértese en indicio de estafa.

  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Máis artigos en O Prouxiarado

Fonte

Comentarios