Martes. 23.04.2024
El tiempo
09:00
29/09/11

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I)

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I)

En plena celebración do 125 aniversario da inauguración IES Fernando Blanco, coñecemos un pouco máis a vida do filántropo que lle dá nome. Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, ademais de ir coñecendo os Tesouros que garda a Fundación, comezamos cunha serie de 4 artigos sobre a vida e obra de Fernando Blanco de Lema.

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I)

“En diez y ocho de octubre de mil sietecientos nobenta y seis, Don Francisco Xavier Dominguez Medinilla, Cura Vicario de la Villa de Ze y San Esteban de Lires, su anexo, bauptizé solemnemente, y puse los Santos Óleos a un Niño, hijo lexitimo de Don Juan Blanco de Lema y Doña Josefa Gonzalez, vezinos de la dicha Villa, nieto por su padre de Ambrosio Blanco y Benita de Lema, y por su madre de Don Manuel Suarez y Doña Maria Antonia Gonzalez. Pusele de nombre Fernando Manuel. Fue su padrino Don Fernando Blanco, Clerigo Diacono que entendio lo que ha contraido; y lo firmo. Francisco Xavier Dominguez Medinilla (firmado)”. (Libro 3º de Bautizados da parroquia de Santa María da Xunqueira de Cee).

Fernando Manuel Blanco de Lema y Suárez Prieto naceu en Cee o 18 de outubro do ano 1796. Tiña catro irmáns (María Antonia, Juan Antonio, Andrea Agustina e José Ramón), e os seus pais foron Juan Antonio Blanco de Lema e Josefa González Meréns y Suárez. Os seus avós paternos eran Ambrosio Blanco do Campo e Benita de Lema Freyre Andrade; e os maternos Manuel Suárez de Quintela e María Antonia González de Meréns. Os apelidos Blanco de Lema tómaos do seu pai, mentras que o apelido Suárez tómao do seu avó materno, e o apelido Prieto dos seus devanceiros Roque e Pedro Prieto (bisavó e tataravó respectivamente).

Os seus primeiros anos de vida non foron sinxelos. O 31 de marzo de 1796, cando aínda non cumprira os dous anos de idade, morreu o seu pai, e isto, lóxicamente, marcaría a súa vida. Nunha época na que traballaban arreo tanto os homes como as mulleres, os que xeralmente cobraban un soldo eran os varóns, e o pasamento do seu proxenitor, de profesión sangrador (ciruxán), deixaba nunha clara situación de desamparo á súa nai, a cal pasaría verdadeiras dificultades para sacar adiante ós cinco cativos.

Figura clave na educación e sostemento económico da familia durante os primeiros anos de vida de Fernando Blanco de Lema foi o seu primo e padriño Fernando Blanco Giance, cura párroco de San Xoán de Mazaricos, o cal, cando aínda era diácono, apadriñara ó pequeno Fernando Manuel. Fernando Blanco Giance era natural de Cee, sendo fillo de Bartolomé Blanco de Lema (irmán de Juan Antonio Blanco de Lema, pai de Fernando Blanco) e de Jacinta Andrea Giance y Porrúa.

Os tristes episodios da Guerra da Independencia troxeron de novo a desgracia á vida do que logo sería o gran mecenas da vila da Xunqueira. O 12 de abril de 1809 as tropas napoleónicas matan en Ponte Olveira a varias persoas que se concentrarn alí para tratar de facerlles fronte. Entre os mortos estaba Fernando Blanco Giance, cura rector de San Xoán de Mazaricos e primo e padriño do noso protagonista.

O 13 de abril as tropas francesas chegan a Cee, e a raiz do incendio da igrexa de Santa María da Xunqueira, víronse afectadas varias casas situadas nas proximidades do templo parroquial, sendo unha delas a casa natal de Fernando Blanco de Lema (a cal estaba situada en parte do solar que ocupou a antiga Escola das Nenas, e que hoxe ocupa o Museo da Fundación).

Si desesperada era a situación antes, moito máis o era agora. A súa nai Josefa deixara de contar en pouco tempo con dúas persoas claves para sacar adiante ós seus fillos, (o seu home e o seu sobriño), e para colmo de males quedara sen casa, tendo diante dos seus ollos un panorama pouco alentador tralo paso das tropas francesas.

Ante esta situación permitiu que dous dos seus fillos varóns fosen para Ferrol, onde residían uns parentes. Éstes, desexando dar emprego ós mozos, envíanos a América, un para Cuba (Fernando Blanco), e outro para Arxentina.

A emigración non era descoñecida na súa familia. O seu tío Alberto Blanco morrera en Coimbra, sendo sepultado na igrexa parroquial de dita cidade. O seu curmán Bartolomé Blanco de Lema emigrou a Nueva York, onde faleceu en 1874. Tamén un cuñado seu, Gerónimo Caamaño, piloto de costa, casado coa súa irmán María Antonia, feleceu, con todos os demáis tripulantes dun barco, na praia de Gandía.

A Cuba chega con tan só trece anos, empezando a traballar nun comercio de ultramarinos. Co paso dos anos decidiu adicarse ós negocios relacionados coa ferraxería, negocios que lle reportaron importantes ganancias, realizando diversas operacións mercantís que o situaron no camiño da riqueza.

A empresa e as sociedades mercantís nas que figuraba pouco despois demostran o moito que acrecentou a súa fortuna. Era accionista dos Bancos Español da Habana, Alianza, Santa Catalina, dos Ferrocarrís da illa de Cuba, e socio de varias casas comerciais.

“Su vida fue sencilla: no figuró en política ni brilló en la sociedad elegante; era conocido solamente en la Banca y en el comercio de La Habana; acreditado como hombree honrado, de carácter afable y costumbres modestas”. (Memoria do curso 1905-06).

De seguro que no medio da loita pola existencia notaría máis dunha vez a falta de instrucción que levou do seu pobo natal, e por propia experiencia comprendería o moito que valen os coñecementos para vencer as dificultades do que trata de emprender calquera negocio industrial ou mercantil. Tamén, seguramente, que cando se atopaba nunha posición desafogada, os seus ollos verían como sobre moitos emigrantes galegos se cometían todo tipo de abusos debido, en gran parte, á falta de formación coa que chegaban ós países a onde emigraban. E así se explica perfectamente como dende que se viu en situación privilexiada, pensou en adicar o seu capital á fundación dun centro de ensino en Cee, para que os seus paisanos, ó seguir as súas pisadas, non atopasen no camiño os obstáculos cos que el tropezou.

A súa morte aconteceu o 5 de abril de 1875, cando contaba con 78 anos de idade, e tres día antes otorgou o seu testamento, no cal, ademais de varios legados, deixou a maior parte do seu capital para a creación e sostemento dun colexio de primeira e segunda ensinanza, colexio no que “la enseñanza que se dará gratuita hasta donde alcanzaran los productos del caudal que resultase después de su fallecimiento”. (Cláusula 15º do testamento de Fernando Blanco de Lema).

Quixo Fernando Blanco darlle ós nenos e nenas das xeracións vindeiras as oportunidades das que él, e outros tantos coma él, careceron nas súas infancias, porque era completamente consciente de que a educación e a cultura eran dous dos pilares básicos para poder prosperar e ter éxito ó longo da dura viaxe da vida.

O seu testamento, sen dúbida, cambiaría o transcurso da historia da vila de Cee.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Novas relacionadas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Tesouros da Fundación

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios