Venres. 29.03.2024
El tiempo
11:17
06/10/11

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) - Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) - Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador

En plena celebración do 125 aniversario da inauguración IES Fernando Blanco, coñecemos un pouco máis a vida do filántropo que lle dá nome. Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, ademais de ir coñecendo os Tesouros que garda a Fundación, comezamos cunha serie de 4 artigos sobre a vida e obra de Fernando Blanco de Lema.

Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador

O testamento de Fernando Blanco de Lema sinalaba, na súa cláusula 15ª, que a ubicación do Colexio debía estar no solar da casa na que nacera, un rectángulo de sete varas de fronte por doce varas de fondo.

A vara era unha unidade antiga de lonxitude española que equivalía a tres pes. Dado que a lonxitude do pe oscilaba nos distintos territorios de España, colleremos como referencia a máis empregada, a vara castelá ou vara de Burgos, de aproximadamente 83,5 cm. O resultado era claro: o solar da casa natal do fundador medía escasamente 5,85 metros de fronte por 10 metros de fondo, a todas luces insuficiente para albergar o Instituto que se pretendía edificar.

A vila de Cee cambiou moito dende aquel tempo, e compre lembrar que tralo solar da casa natal estaba a ría, e por un dos lados lindaba co antigo cemiterio parroquial; polo tanto, se se pretendían mercar terreos para aumentar o solar inicial, non quedaba máis remedio que facelo hacia únicamente un dos lados. Os veciños colindantes pediron cifras astronómicas polas súas propiedades. Tanto Rafael de Rafael dende o xornal La Voz de Cuba, como Vicente Vázquez Queipo, nunha carta dirixida ó alcalde de Cee, Pedro Rial Mariño, fan fincapé nesta cuestión no ano 1880: “Sus dueños, dominados por la codicia, creyeron sin duda poder aprovechar la oportunidad, y pidieron por ellas precios disparatados” ; “Todo ese pueblo sabe que el testador, con muy poca previsión, ordenó un imposible, á saber, que el colegio se erigiese en el reducido solar de su casa…. Tratose se sondear a los propietarios de ellas (fincas e propiedades colindantes), y pidieron una enormidad”.

Ante a imposibilidade de levantar o edificio sobre o solar da súa casa natal, óptase por buscar outro lugar da vila para acometer dito fin. Despois de varias xestións infructuosas, os señores Zavala e Armesto, comisionados polos fideicomisarios, viñeron a Cee e lograron mercar o terreno axeitado para a edificación, tarefa que non resultou nada sinxela posto que houbo que aunar a vontade de vinteún propietarios ós que pertencían as parcelas necesarias.

O terreo elixido estaba situado ó pe do monte da Armada, nun lugar denominado “Agra de Cee”. O prezo total que se pagou polas parcelas marcadas foi de 93.800 reales de vellón. Máis tarde compraríase unha finca colindante, destinada ás prácticas de agricultura, pola cal pagouse 4.942 reales de vellón.

A finca coñecida como “Campo de Vallecas”, de 2.240 m2, adquriuse no ano 1936.

Mentras tanto, o solar da casa natal de Fernando Blanco de Lema incrementouse con dous terreos, e decidiuse adicalo á construcción dunha escola para párvulos de 4 a 7 anos, e para nenas de 7 a 14 anos. Este edificio é o coñecido como a Escola das Nenas, e na actualidade alberga o Museo da Fundación.

O certo é que a xestión da compra dos terreos, xunto coa laboriosa tarefa da liquidación dos fondos deixados polo filántropo, fixeron que se demorase máis de cinco anos o inicio das obras de construcción do ansiado Colexio-Instituto. Esta demora suscitou unha viva polémica xornalística, iniciada por Waldo Álvarez Insua, director de “El Eco de Galicia”, xornal galego editado na Habana, o cal iniciou unha dura campaña contra un dos albaceas de Fernando Blanco, Juan Álvarez Baldonedo, acusándoo de certo oscurantismo na liquidación dos bens resultantes do testamento, así como de certa deixadez á hora de cumprir o soño do mecenas, é dicir, a construcción do Colexio- Instituto. Tras varios cruces de declaracións e acusacións, das que se fixeron eco os xornais de Cuba, Galicia, Madrid, Bos Aires e Montevideo, a diatriba rematou co fallo da Sala do Criminal da Audiencia da Habana na querella promovida por Juan Álvarez Baldonedo contra Waldo Álvarez Ínsua, e na que se condeaba a este último por un delito “de injuria grave, hecho por escrito y con publicidad, á dicho D. Waldo Álvarez Ínsua á la pena de tres años, seis meses y veintiún días de destierro, durante el cual queda privado de entrar en los puntos que disten veinticinco kilómetros de esta ciudad de La Habana; á la multa de seiscientas veinticinco pesetas, y caso de incumplimiento por no tener bienes con que pagarla, á continuar con el destierro ordenado, computándose para cada un día la cantidad de doce y media pesetas, y al pago de la mitad de las costas de ambas instancias”.

Con este fallo da Sala do Criminal da Audiencia da Habana, o señor Baldonedo, satisfeito o seu amor propio e a honra coa sentencia favorable, presentou na mesma Sala un escrito, asinado por él, no que manifestaba, que unha vez que obtivo fallo favorable na querella, pedía á Sala dese por remitida a pena que se impuxera a Waldo Álvarez Insua, acordándose así pola mesma Sala.

A construcción do Instituto

O arquitecto seleccionado para levar adiante a construcción do Colexio-Instituto da Fundación foi José María Aguilar y Vela, arquitecto madrileño, coautor, entre outras obras, da sede do Banco de España.

O primeiro proxecto deseñado por José María Aguilar para a edificación do Colexio-Instituto foi desestimado por demasiado custoso e extremadamenta grandioso. Realizou un segundo proxecto, o cal foi aprobado, e as obras deron comezo o 2 de agosto de 1880.

A excavación dos cimentos iniciouse o 25 do mesmo mes, e o 15 de xaneiro do ano seguinte (1881) empezáronse a colocar as primeiras lousas de erección.

O 20 de xaneiro de 1881 colocouse a primeira pedra do que sería o futuro Colexio-Instituto da Fundación Fernando Blanco. Con motivo deste acontecemento depositándose no primeiro sillar do ángulo SO, nunha caixa de chumbo, unha copia da acta da sesión municipal celebrada polo Concello da vila en convocatoria extraordinaria para esta ocasión, introducíronse tamén na caixa unha moeda de ouro de 25 pesetas, unha de plata de 5 pesetas, unha de plata de 1 peseta e unha de cobre de 10 céntimos.

Continuaron a bo ritmo as obras, rematándose os zocalos exteriores e interiores o 26 de abril de 1881, e quedando cuberta a porta principal o 25 de novembro do mesmo ano.

O 1 de agosto de 1882 quedaron rematadas as dependencias destinadas a escolas, talleres e capela, colocándose tamén ese día a cruz de pedra da fachada da capela.

O 28 de agosto colocouse a última pedra do torreón sur; o do norte rematábase poucos meses despóis, o 24 de outubro.

O 6 de maio de 1884 prodúcese o remate das obras, colocándose a última pedra do torreón central de prominente edificio que dominaba a vila, pero o edificio non puido inaugurarse ata o 2 de outubro de 1886 debido a numerosas obras que houbo que abordar no interior do mesmo.

Ese día, o 2 de outubro de 1886, Dionisio Barreda, Catedrático de Física da Universidade de Valladolid e primeiro Director do Colexio-Instituto e Escolas da Fundación, pronunciaba o discurso orixinal. A partires deste momento comezaba para Cee unha nova etapa na súa historia, etapa na que a Fundación Fernando Blanco xogaría un papel determinante.

O importe total das obras ascendeu á cantidade de 185.921,77 pesos, sendo importante suliñar que antes da inauguración do centro adicouse a nada desdeñable cifra de 4.659,55 pesos á adquisición de material pedagóxico e de ornato.

Como curiosidade destacaremos algunha das partidas de gastos que aparecen nos documentos contables que se gardan no arquivo da Fundación:

Ó arquitecto pagáronselle 130.000 reales en varias entregas, e a xornais dos obreros adicáronse 2.416.885,98 reales.

“Por abono de un plano de la villa de Cee y su bahía para fijar la situación de la casa matriz del Sr. Blanco y poder determinar el terreno del edificio: 4.000 reales de vellón.
- Importe de las vigas T: 28.272,80 reales de vellón.
- Por retretes e inodoros: 6.056 reales de vellón.
- Reloj de la torre: 15.652 reales de vellón.
- Por colocar tres pararrayos: 5784 reales de vellón.
- Por dos bombas matafuegos: 2.816 reales de vellón”.
.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Tesouros da Fundación

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios