Xoves. 28.03.2024
El tiempo
11:00
08/10/11

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco

Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco

En plena celebración do 125 aniversario da inauguración IES Fernando Blanco, coñecemos un pouco máis a vida do filántropo que lle dá nome. Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, ademais de ir coñecendo os Tesouros que garda a Fundación, comezamos cunha serie de 4 artigos sobre a vida e obra de Fernando Blanco de Lema.

125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco

No curso 1886-87 comeza a labor docente do centro. Determínase que durante este primeiro curso inauguraranse só, na Segunda Ensinanza, os dous primeiros anos. Asimesmo, na Primeira Ensinanza inaugúrase a Escola de Nenos e a de Adultos. Ábrese tamén a carreira de náutica e os estudios de aplicación e adorno.

Non se pudo facer extensiva a apertura á Escola de Nenas, rematada dende o ano 1883. Unha serie de denuncias desaconsellaban que, mentras se seguise usando o vello cemiterio parroquial, situado a carón da mesma, non era recomendable o seu uso. O seu estreno produciuse no ano seguinte (1887), cando xa entra en funcionamento o novo cemiterio de Cee, situado na estrada que leva a Brens.

Como datos anecdóticos caben resaltar neste primeiro ano docente os seguintes:

  • Na Segunda Ensinanza matricúlanse 21 alumnos.
  • Na carreira de náutica matricúlanse 5 alumnos.
  • En aplicación e adorno, nas distintas asignaturas, matricúlanse un total de 52 alumnos, dos cales 22 pertencen as clases de debuxo.
  • Na Primeira Ensinanza (Escola de Nenos) matricúlanse 128, e na Escola de Adultos, 107.

O cadro de persoal facultativo neste primeiro exercicio académico, no cal Dinioso Barreda era o Director, estaba formado por Manuel Fernández Llamazares, José García Rúa, José María Domenech Bañón, Manuel Porrúa Rodríguez, Joaquín Rodríguez Muñoz e Luís Villaverde Lorenzo. Os dous últimos ocupaban o posto de mestre e auxiliar de mestre na Escola de Nenos, mentras que os demáis eran os encargados da Segunda Ensinanza, das asignaturas de aplicación e adorno e da carreira de náutica.
Contaba tamén a Fundación con 12 empregados máis nos postos de administrador, bedel, xefe de limpeza, mozos, capelán, carpinteiro, etc.
No seguinte curso, no 1887-88, as ensinanzas impartidas son as mesmas que no anterior, incrementadas coa apertura da Escola de Nenas, a dominical de adultas, unha clase alterna de caligrafía, o preparatorio da carreira de comercio, e ademáis faise extensiva a clase de debuxo as mulleres.
No curso 1888-89, o terceiro dende a apertura do Colexio-Instituto, incorpórase o terceiro curso da Segunda Ensinanza, unha clase diaria de música e impártese o primeiro curso de comercio.
Nos cursos 1889-90 e 1890-91 completouse a Segunda Ensinanza coas asignaturas correspondentes ó 4º e 5º curso respectivamente.
Ningún cambio significativo hai que resaltar ata o curso de 1893-94, no que para dar cumprimento á Real Orde de 1 de setembro de 1893, créase a cátedra de Ximnástica Hixiénica (de carácter obrigatorio para os alumnos do primeiro ano de Bacharelato); e no 1894, no que para dar cumprimento á Real Orde do 16 de setembro (reforma Groizart), establécense dous periodos de estudos da Segunda Ensinanza: o de estudos xerais (catro anos), e o de estudos preparatorios para Ciencias Morais ou para Ciencias Físico-Químicas (dous anos).
No curso 1895-96 fíxose a adaptación dos estudos ás esixencias do Real Decreto de 12 de xullo e Reais Ordes de 17 de xullo e 5 de agosto de 1895, cos que se voltaba ós estudos de cinco cursos (Plano de 1880), engadindo agora as asignaturas de debuxo e ximnasia, aínda que ambas serán voluntarias, terán un carácter práctico e non estarán sometidas a proba de curso. Destaca asimesmo a imposición da asignatura de Relixión Católica (a cal só sera obrigatoria para os que profesen a católico-apostólico-romana), e un exame de ingreso para os que pretenden acceder ós estudos de Segunda Ensinanza.

Precisamente foi o curso de 1895-96 un dos máis complicados para o Instituto da Fundación, e por extensión para o ensino de Cee e da comarca. Con motivo da guerra de Cuba víronse mermados os ingresos da Fundación, e os albaceas acordaron, en abril de 1896, a supresión da Segunda Ensinanza e da carreira de Comercio (tamén se clausurou a farmacia, a cal abrira no curso de 1887-88, e que xa nunca máis voltaría a funcionar). A pesares do varapao que supuxo a guerra para os intereses da Fundación “los Excmos. Sres. Albaceas, siempre atentos al engrandecimiento de la Fundación y á los beneficios que á esta villa reporta, acordaron, aún teniendo en cuenta el reducido capital de que anualmente disponen, sostener las Escuelas de Instrucción Primaria, las de Adultos, las asignaturas de Aplicación al Comercio, Historia Universal, de España, y las clases de Adorno”. (Memoria do curso de 1895-96).

Será no curso 1898-99, rematada a guerra, cando se restablezan os estudos de Comercio, e haberá que esperar ó curso 1904-05 para que se volvan a retomar as ensinanzas de Bacharelato ante a insistencia e solicitude dos pais de familia e autoridades de todo o partido.
Dende o restablecemento da Segunda Ensinanza seguen con normalidade as actividades docentes, adáptandose as distintas reformas educativas que se sucedían.
Cabe sinalar que no 1923, por Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública, de 26 de setembro, a Fundación clasifícase como institución benéfico docente como resultado do expediente promovido polo patróns, os cales “no quisieron privar al Colegio de las ventajas que pueda reportar la clasificación oficial de esta institución que, puesta bajo la tutela del Estado, disfrutará de los beneficios que la Ley otorga a las demás”. (Memoria do curso 1923-24 e B.O.E de 2 de novembro de 1923).

Continúa a docencia durante os anos da guerra civil coas dificultades propias do momento e con continuos cambios no profesorado, cambios esixidos pola chamada a filas dalgúns deles. A guerra civil agudizou os problemas económicos da Fundación. As súas posesións e ingresos minguaran xa de forma alarmante, e quedaron reducidos ós intereses producidos por algúns pequenos investimentos. A pesares de todo continuaron as ensinanzas de Bacharelato dependentes da Fundación ata o ano 1959.

Mentras tanto, no 1953, os patróns da Fundación acordan ofrecer parte das instalacións do edificio para que a implantación “de un Instituto Laboral que proporcione las enseñanzas de esta clase, haciéndolas en todo momento compatibles con la labor docente de Primaria y Secundaria que la Fundación Fernando Blanco determina”. Con data 11 de xuño de 1954 concédese dita autorización.

Ata 1959 impartíronse simultaneamente no Colexio as ensinanzas de Bacharelato (dependentes da Fundación), e as do Instituto Laboral (que dependía do Estado). Os conflictos surxidos entre persoal da Fundación e do Instituto Laboral obrigan ó Ministerio de Educación e Ciencia á destitución dos últimos albaceas e ó nomeamento, con data 30 de decembro de 1959, dun Padroado Provisional que se encargará do goberno da Fundación, e que estará constituído polo Alcalde, Cura-Párroco e Xuíz de Paz do Concello de Cee.
Esta drástica determinación do M.E.C. significaba o final da actividade docente da Fundación, pero, ó mesmo tempo, asegurábase que o edificio continuaría adicado ó ensino (aínda quie en mans do Estado).

O 14 de maio de 1961, o Padroado Provisional cede en usufructo o edificio do Instituto, con todas as súas pertenzas, ó Padroado de Ensinanza Media e Profesional, organismo dependente do Ministerio de Educación, a condición de que se adique ó ensino e por un periodo renovable de 30 anos.

Ata o ano 1967 impártense ensinanzas de Bacharelato Laboral Elemental na especialidade Industrial-Mineira. Neste ano, e con motivo da unificación do Bacharelato, convírtese o Centro en Instituto Técnico Mixto, e inícianse as xestións para poder impartir ensinanzas de Bacharelato Laboral Superior, xestións que dan resultado positivo.

Finalmente, e por Orde Ministerial do 30 de agosto de 1974, establécense no edificio as Ensinanzas de Formación Profesional de Primeiro e Segundo Grao, coas ramas de electricidade, madeira e mecánica, e as especialidades de instalador-montador en cada unha delas. Hoxe en día o edificio está cedido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, podendo cursar nél unha grande variedade de estudos que comprenden dende a E.S.O ata a Educación de Adultos, pasando por tres modalidades de Bacharelato, cinco ciclos formativos de Formación Profesional Específica, tres Programas de Garantía Social, o Programa Cuale, e tamén hai sección da Escola Oficial de Idiomas.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Tesouros da Fundación

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios