Xoves. 28.03.2024
El tiempo
18:00
18/01/12

Fraga. A Costa é miña

Fraga. A Costa é miña
Existen persoas e persoeiros. Manuel Fraga foi as dúas cousas. A diferenza entre o positivo e o negativo está, como sempre, no punto de vista. Da súa relación coa nosa bisbarra se sacan hoxe múltiples lecturas. Para algúns Fraga foi o mellor que nunca sucedeu a unha bisbarra esquecida e insultada por gobernos de toda caste. Son lembradas as súas chegadas a bisbarra en loor de multitudes, a berros de “Presidente” cando non rodeado da habitual masa de enfervorizados correlixionarios. Para outros, Fraga pasará a historia como o mandatario responsable do goberno no momento da maior catástrofe no litoral da bisbarra, a marea negra do “Prestige”. Uns feitos que o “pillaron” de caza en terras de Castela na fin de semana na que o desastre se cerne sobre Muxía. Pero Fraga é moito mais. Para os que o coñecemos, Fraga era un reto para xornalistas. Incisivo, vivo, versátil, formado nunha cultura do liberalismo anglosaxón agora tan en voga, sabia que quería e como o quería. Político doutro tempo, a un pasado ditatorial unía unha capacidade de traballo descomunal. Fraga foi mais que un político. Lector impenitente, un servidor recorda unha conversa con motivo dunha visita a Fisterra co tamén desaparecido Valentín Castreje sobre libros e Marrocos, onde o que foi alcalde de Fisterra traballou como fareiro. Igualmente reseñable neste senso o costume de chegar a tódolos actos nos que participaba con cinco minutos de adianto, poñendo nun brete a máis dun medio de comunicación. Fraga quedará na historia como o Presidente da Xunta que máis veces prometeu e menos efectuou na bisbarra no tocante a obras de gran calado. Aquí estivo co tamén desaparecido Xose Cuíña para prometer o Porto de Brens en ata dúas ocasións, sen executalo en ningunha, e para adiantar a chegada da autopista que logo remataría en terras Carballesas. Pero Fraga tamén foi responsable da refundación dun PP que agora goberna a múltiples niveis dende unha tesitura pseudo-democrática, abandonando por momentos un pasado que non era outro que o do seu fundador, filofranquista e pre-democratico. Fraga será, no tocante a bisbarra, o presidente das Festas dos Maiores (estivo en varias, en Cee por exemplo) das propostas e os plans anunciados e sen execución real, das ausencias pero tamén, para moitos, das presenzas e as actuacións. Alguén capaz de exercer durante case dúas décadas a presidencia da Xunta acudindo a Costa da Morte en tantas ocasións coma o actual presidente que leva menos de tres anos no cargo. O home das xornadas maratonianas, o amigo persoal do cura de Carnota ou aquel que, chegado a inauguración dun recen restaurado edificio do semáforo saudou a Alcaldes, Conselleiros e os presentes aludindo o cargo e sen facer distincións. A todos nos dou a man. Mesmo ós que non estábamos alí para recibila… Ata aquí o personaxe. Sobre a persoa só direi que eu nunca me vin na circunstancia de ter que defender unha sentencia de morte e ignoro se sería capaz de facelo. El o fixo, na figura de Enrique Grimau, político comunista acusado de múltiples crímes e contra o que, sendo Ministro de Información e Turismo con Franco, orquestou unha campaña de descrédito persoal que xustificase unha condena a morte militar por supostos crimes de guerra. As razóns, a repercusión persoal que sobre el tivo aquela época (se a tivo) pertencen o seu foro persoal. Del, para a comarca, só trascenderán as verbas que confesaba a un veterano político local do PP. “En esto no hemos estado a la altura. No, os hemos fallado”. Verbas ditas un 6 de Decembro de 2002 en Muxía. Ditador, demócrata, fascista, liberal, entrañable, autoritario. Supoño que máis de 60 anos en política deben deixar sempre bagaxes tan pouco heteroxéneas. Para a Costa non foi bo… ou polo menos, foi igual de malo que os demais. Descanse en paz.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Verdades anteriores

Comentarios