Xoves. 28.03.2024
El tiempo
10:15
24/09/11

Guerra submarina en Fisterra

Guerra submarina en Fisterra

O fisterre peninsular é paso obrigado para calquera barco mercante que se dirixa para América do sur, África, Mediterráneo e Indico e viceversa.
Polo cal estas augas son transitadas a diario por infinidade de buques que se dirixen ou veñen de lugares moi dispares.

Os estrategos das dúas grandes guerras do pasado século, usaron as nosas costas para a súa particular contenda. Nas costas galegas sempre salientou algún submarino (U-boat) da armada Alemá, que operaron sempre ás súas anchas diante da impotencia e a veces indiferenza do feble goberno de España durante a primeira guerra mundial, e co beneplácito máis ou menos encuberto do goberno fascista do Xeneral Franco, na segunda.
Decenas de buques foron afundidos polas tripulacións deses submarinos nas dúas contendas. A veces, buques de bandeiras non belixerantes, pero que eran sospeitosos de transportar algunha mercancía para o inimigo.

A “técnica” que seguían os comandantes dos submarinos ao detectar algún buque inimigo ou sospeitosos de selo, era emerxer preto del e cominar ao capitán do buque a amosar o manifesto de carga. Se o resultado da inspección non era do agrado do militar ao cargo do mergullable; ordenaba o abandono da tripulación do mercante en botes, para a seguidamente proceder a instalar no pantoque do navío cargas explosivas para envialo ao fondo.

Durante a primeira guerra mundial os buques con bandeiras de países non contendentes pintaban enormes insignias nacionais nos seus costados para non ser confundidos en medio da cerrazón ou entre a escuridade da noite, polos submarinos alemáns. En 1915 e durante os anos que durou a contenda a prensa nacional recolle infinidade episodios protagonizados na nosa costa a cargo dos “U-boat”.

Estes son algúns dos afundimentos causados por submarinos nas proximidades das nosas costas, durante a primeira guerra: O día 5 de Setembro de 1915 un vapor pesqueiro español, localiza dous botes cos náufragos do buque Douro, que facía a ruta de Lisboa a Liverpool cun cargamento de cortiza.
Achégase tamén aos náufragos un mercante de bandeira Norueguesa que decide recoller aos náufragos do Douro pois dirixíase ao Reino Unido. Cal seria a sorpresa de náufragos e rescatadores ao ver emerxer a pouca distancia súa a negra silueta do submarino alemán.
O mergullable obriga á tripulación do mercante Noruegués a abandonar o buque para logo afundilo a canonazos.
Os atónitos mariñeiros españois contemplaban a escena sen dar crédito ao que vían.
Ao final recolleron ás dúas tripulacións levándoos sans e salvos para o porto de Vigo.

O Vapor “Santanderino” foi torpedeado en Abril de 1916 cando se dirixía a Vigo para recoller pasaxe con destino a Cuba.

O 16 de novembro de 1916 os veciños Camariñas espertáronse coa sorpresa de ver arribar ao seu porto varios botes salvavidas coas tripulacións de varias mercantes torpedeados esa noite enfronte das súas costas.
148 náufragos desembarcaron na vila das palilleiras ese día.

Os buques afundidos esa noite foron:
- O “Columbia” de bandeira Estadounidense, que foi afundido fronte a Fisterra.
- O “Balto” Noruegués, foi afundido á altura de Cabo Vilán.
- O tamén Noruegués “Forcadela” Á altura de Cabo Touriñán.
- O Británico “Scatonia” que levaba carga de troncos, foi torpedeado na boca da ría camariñana.

O submarino realizou semellante “proeza” en tan só unha noite foi o U-49.

Dous días despois, o mesmo submarino afundía fronte ás nosas costas ao vapor Británico “Clau Buchanan”, a súa tripulación foi recollida por outro mercante que os levou ao seu destino.

O 19 de novembro fondeou na abra de Fisterra o mercante Danés “Gerda” escoltado polo U-49.

O Gerda traía abordo á tripulación do “Chassie Maerch” , que fora afundido polas tripulación do mergullable unhas poucas millas ao oeste de Cabo Fisterra. Logo de desembarcar á tripulación do “Chassie Maerch” e a parte da súa propia, o Gerda foi obrigado polo submarino alemán a afastarse tres millas da costa, para logo ser afundido.
Aínda non terminan aquí as peripecias do “temible” U-49.
Poucos días despois o submarino afundía ao mercante de matricula Noruega “Fallo” a 10 millas do Cabo da Nave.
O 22 de decembro foi afundido o británico “Constante”, tamén a poucas millas da nosa costa.

Noutra entrega xa falarei Da Segunda Guerra Mundial e das ducias de navios afundidos polos submarinos Nazis.

Novs relacionadas

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Artigos relacionados

Comentarios