Xoves. 25.04.2024
El tiempo
09:45
13/07/12

Hemisferios de Magdeburgo

Hemisferios de Magdeburgo

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, continnuamos amosando e dixitalizando parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Hemisferios de Magdeburgo

Hemisferios de Magdeburgo da Fundación Fernando Blanco de Lema  de Cee
  • Cronoloxía: 1890 – 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Gabinete de Física / Mecánica de gases (pneumática)

Hemisferios de Magdeburgo

Este aparello está formado por dous hemisferios ocos, de cobre, que teñen os seus bordes forrados cun anel de coiro impregnado de sebo para permitir un perfecto axuste que conserve o baleiro no seu interior.

Un dos hemisferios ten unha chave de paso que pode aparafusarse a unha máquina pneumática ou a unha base circular de sustentación. O outro hemisferio leva un anel que vale de asa e para tirar del.

Utilízanse para comprobar que a presión atmosférica actúa en tódolos sentidos. Cando existe aire entre os hemisferios poden separase sen dificultade, xa que a presión exercida polo aire situado no interior dos hemisferios equilibra a exercida exteriormente sobre eles pola atmósfera.

Cando se extrae o aire do seu interior adhírense con tanta forza que resulta casi imposible separalos. Cóntase que Otto von Guericke, inventor do aparato, empregou hemisferios de 24 pulgadas de diámetro e foron necesarios 12 cabalos para separalos.

O nome de Magdeburgo débese a que esta foi a cidade na que Otto von Guericke realizou a experiencia por primeira vez.

Otto von Guericke

Otto von Guericke foi un físico alemán que estudiu dereito nas universidades de Leipzig e Jena, e matemáticas na universidade de Leiden. Dende 1646 traballou como xuíz na cidade de Magdeburgo, pero a súa verdadeira paixón foi a física.

En 1654 realizou unha espectacular demostración da inmensa forza que a presión atmosférica podía exercer (hemisferios de Magdeburgo). Mostrou que cando dous hemisferios de 50 cm. de diámetro, perfectamente axustados, eran unidos de forma que formasen unha esfera, e se facía o baleiro no seu interior, non había forza humana capaz de separalos.

Comprobou tamén que o son non pode propagarse no baleiro, e fixo numerosas investigacións sobre electrostática. Tamén en astronomía foi un dos primeiros en afirmar que pode predecirse o retorno dos cometas.

No 1672 publicou a súa obra “Experimenta nova, ut vocatur Magdeburgica, de vacuo spatio”, onde describre o seu célebre experimento cos hemisferios de Magdeburgo.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios