Venres. 29.03.2024
El tiempo
09:28
30/04/12

Man de Camelle

Man de Camelle
Nunca se me borrará aquela primeira imaxe de Man. Recordo que fun cunha amiga, eramos pequenas e aquel home pareceranos un “tipo raro” onde os houbese. Case nu, demasiado fraco, non falaba case nada,… algo nunca visto para nós. Cen pesetas e un debuxo era todo o que precisabas para entrar no seu mundo. A min quedoume grabada na retina o que máis tarde descubrín que era unha vida simple e natural. Sen consumismo, sen luxos, tan só co necesario; en resumo, un puro conservador da natureza. Por iso hoxe creo que é un bo día para recordalo como un dos maiores naturalistas da Costa da Morte. Manfred Gnädinger naceu un 27 de xaneiro de 1936 en Radolfzell, Alemaña. Pouco se sabe do seu pasado. Dis que tiña estudos en arte, dis que dera clases en Suiza, dis que... O que si é certo é que gardaba libros de Van Gogh, de Picasso, de Salvador Dalí e máis de 5.000 cadernos cos debuxos daqueles que visitamos o seu museo. Ademais de 120.000 euros no banco obtidos da recadación dos visitantes e que foron pasar as mans do Estado. O día da festa do Espíritu Santo de Camelle do ano 1961, Man apareceu na vila vestido con traxe e garabata. Viña para quedarse. Durante unha tempada viviu na casa duns veciños, pero logo decidiu ir vivir a unha caseta situada no porto. Alí quedou e alí foi construíndo pouco a pouco a súa obra formada por un conxunto de esculturas e pinturas feitas cos materiais naturais e con outros residuos expulsados polo mar. Non creo que haxa un rexistro do número de persoas que viron o seu singular museo, pero atreveríame a dicir que nalgúns momentos foi o lugar máis visitado da Costa da Morte, quitándolle o posto ao faro de Fisterra. Alí quedou e alí morreu. Din que morreu de pena. O 28 de decembro de 2002, pouco máis dun mes despois de que o Prestige tinguira de negro a Costa da Morte e a súa obra, Man faleceu. Estabamos ante a maior catástrofe natural de Galicia. Dez anos despois, as súas pertenzas están almacenas nalgún punto da casa do concello de Camarillas. Nada máis e nada menos que 45 caixas cheas de interesantes materiais gardados por el. O seu museo continúa abandonado e sen ninguén que o coide. Aínda así, continúa recibindo centos de visitas. Esperemos que a súa Fundación sexa capaz de recuperar todo o seu amplo legado. Gracias Man!

Novas relacionadas

Artigos de Lorena Martínez Canosa: A Costa en Verde

Fonte

Comentarios