Xoves. 28.03.2024
El tiempo
09:30
08/02/12

Máquina de escribir Underwood nº5

Máquina de escribir Underwood nº5

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Máquina de escribir Underwood nº5

  • Fabricante: Underwood Typewriter Company (New York)
  • Distribuidor en España: Guillermo Truniger S.A
  • Cronoloxía: Principios do século XX.
  • Clasificación: Obxectos educativos / Sección: Mecanografía
  • Características e historia

    A Underwood nº 5 está considerada a máquina de escribir de maior éxito da historia e a primeira máquina de escribir realmente moderna. O seu impacto prolongouse dende 1901, cando comezou a fabricarse, ata que deixa de confeccionarse na década de 1930. En total chegaron a fabricarse máis de 2 millóns de Underwood nº 5. Usada por xornalistas, administrativos e demáis oficinistas, a máquina Underwood demostrou ser moi práctica en varios sentidos, a pesar de que moitas das súas características de deseño non resultasen especialmente innovadoras. Ó contrario que moitas máquinas de escribir que imprimían a partir de tipos individuais, a Underwood adoptou o formato de barra de tipos, o cal demostrou acomodarse mellor a escrituras máis veloces. Máis importante foi o feito que permitía ver o que se escribía grazas ó seu mecanismo de “golpe frontal”, posto que as máquinas de “golpe inferior” imprimían na parte baixa da planta ou superficie de impresión, e había que levantar o carro para ver que se escribira. As Underwood optaron polo teclado QWERTY ou Universal posto que era o máis coñecido, aínda que existían outros sistemas dispoñibles. A nº 5 dispoñía de 84 caracteres distribuídos en 4 filas de teclas, e unha soa tecla para cambiar a maiúsculas, o que facilitaba a mecanografía ó tacto e una rapidez maior. Quizais a Underwood nunca vira a luz de non ser pola disputa entre Thomas Underwood e a empresa Remington. En 1895 Thomas Underwood, fabricante de cintas para máquinas de escribir e papel carbón, propuxo á Remington Company renovar o contrato de suministrador de cintas, pero a empresa informoulle de que rexeitaba os seus servizos porque pretendía producir as cintas ela mesma. Tras este rexeitamento e profundamente doído, Underwood mercou os dereitos dunha máquina nova ideada polo inmigrante alemán Frank X. Wagner, lanzándose á fabricación de máquinas de escribir cun éxito inusitado. Finalmente, a comezos da década de 1960, Olivetti comprou a empresa Underwood. O Colexio-Instituto combinou sabiamente dende as súas orixes a educación humanística e científica coa aprendizaxe de materias prácticas necesarias para o desenvolvemento económico da comarca (contabilidade, comercio, lexislación mercantil, mecánica industrial, idiomas, etc). Dentro deste tipo de ensinanzas aplicadas habería que destacar a mecanografía, que se imparte por primeira vez en Galicia na Fundación Fernando Blanco, concretamente no curso de 1902-03, cando se merca unha máquina da marca New Century Caligraph.

    • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

    Tesouros da Fundación

    Novas relacionadas

    Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

    Outros artigos de Darío Areas

    Máis información

    Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

    Fonte

Comentarios