Martes. 23.04.2024
El tiempo
21:19
24/04/12

Pirómetro de Cadrante

Pirómetro de Cadrante

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Pirómetro de Cadrante

  • Inventor: Petrus van Musschenbroek (1692 - 1761)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Calor e traballo

Descrición e funcionamento

Empregábase para demostrar a dilatación lineal dos metais e para comprobar o diferente coeficiente de dilatación dos mesmos. Trátase dun instrumento moi típico dos Gabinetes de Física nos centros de ensino durante o século XIX.
O aparello componse dunha base rectangular de madeira sobre a que vai montado un depósito cilíndrico cunha mecha no seu interior. Este queimador pode xirar mediante unha manivela e ábrese lonxitudinalmente.

.Dous soportes metálicos verticais permiten axustar, enriba do queimador, a variña metálica sobre a que se estudia a dilatación. Esta variña matálica vai fixa nun dos soportes por un tornillo de presión, mentras que o outro extremo da variña está libre e en contacto co brazo menor dunha panca móbil sobre un cadrante graduado. A panca marca o cero cando se inicia a dilatación pero, a medida que a variña quéntase, a agulla vai subindo na escada, facendo visible a dilatación.
O aparello só dispón agora dunha variña metálica de ferro, aínda que orixinalmente debía de contar con outras de cobre, bronce, etc.

O inventor

Petrus van Musschenbroek foi un físico holandés nacido en Leyden no ano 1692.
A súa obra, composta de numerosos manuais e outras tantas investigacións nos campos do magnetismo, electricidade e calorimetría, representan de forma cabal o paradigma do físico experimental ilustrado.

Estudiou na Universidade de Leiden, recibindo o doutorado en menciña no 1715. Catro anos más tarde, en 1719, doutórase en filosofía, aceptando posteriormente o posto de profesor de matemáticas e filosofía na Universidade de Duisburg (Alemania). En 1723 abandona este cargo para trasladarse á Universidade de Utrecht, onde se encargou do posto de profesor de matemáticas, permanecendo aquí ata 1740, época na que acadaría gran fama como físico experimentador. Finalmente entrou na Universidade de Leiden, ocupándose da asignatura de matemáticas e de filosofía e, a partires da morte de SGravesande, da de física experimental, posto que ocupou ata o seu pasamento en 1761.

Ademáis do pirómetro de cadrante, Musschenbroek realizou varios experimentos sobre a electricidade. Así, en 1746, nun deses experimentos, propúxose investigar si a auga pechada nun recipiente podía conservar cargas eléctricas. Durante esta experiencia, un dos seus asistentes colleu o recipiente e recibiu unha forte descarga eléctrica. Deste xeito descubreu a famosa botella de Leiden, a cal consistía nunha botella de vidro, parcialmente chea de auga, e tapada cunha cortiza atravesada no seu centro por un cable cun dos seus extremos sumerxido na auga. Cando se conectaba o cable a unha fonte de enerxía estática, a botella cargábase, e podía descargarse conectando o seu borne central a un punto potencial cero (terra).

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios