Xoves. 28.03.2024
El tiempo
22:10
26/02/12

Público

Nos últimos meses non somos quen de mudar o loito ante o anuncio unha e outra vez do peche de medios de comunicación comprometidos dun xeito máis ou menos estreito coa crítica ao poder e á dereita política que hoxe en día asolaga todo. Son xa cinzas voces estatais como CNN+ ou ADN e outras galegas e galeguistas como Xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra ou Vieiros. É duro dicilo pero foron construíndo o seu propio cadaleito ante o circo de subvencións do goberno de turno e demáis grupos de poder. Esta semana nos deixaba a edición en papel do diario Público. Teño gañas de compartir neste espazo a miña experiencia persoal con dita cabeceira. Eran os inicios dos meus estudos universitarios cando Público via a luz. Sen ter aínda idea de que era o que acompañaba ao nome deste diario, o xornal provocara en min certas inquedanzas. Era como un sopro de aire fresco ante un 4x1 que eran os xornais nacionais por aquelas datas. As manchetas eran diferentes pero as percepcións eran todas semellantes. Madrugón de setembro para achegarme ao quiosco a analizar a nova voz. E non me defraudou en liñas xerais ata a súa morte. Naqueles primeiros días comecei a sentirme protexido e identificado cun xornal que me trataba de ti e deixaba o señorío para as altas esferas. Un diario que criticaba todos os escurantismos e hipocresías que se traían man a man igrexa e o conservadurismo político, pero sen perder de vista a crítica ao poder, fose de quen fose. As comparanzas son odiosas. Eu coido que Público nunca foi El País adaptado á tradicional mocidade revolucionaria. Síntome insultado cando se cuestiona o nivel de cultura ou educación dun lector polo que estea a ler. A variedade de ideas é a que xera o enriquecemento da sociedade, e o de mirar cara un só lado e correr un tupido velo sobre o outro non vai comigo. Agora logo do enterro, lembro con especial gratitude as portadas iniciais que ás veces deixaban de lado a actualidade meramente política para centrarse en asuntos de carácter social, tecnolóxico ou de lecer, eidos que tamén afectan ao ser humano. O paso do tempo fixo que me sentise cómodo achegándome a Público. Incluso cheguei a ter por costume agardar á madrugada para coñecer a portada do día seguinte. Pero agora todo se esfumou. Cecais non todo era de cor de rosa, e por riba das ideas dun xornal había unha empresa, como moitas outras que coa ameaza da crise foron dicindo adeus. Con unha xestión boa ou mala, e unha dependencia das subvencións por riba do apoio que xere a sociedade, non é suficiente. A fachada pode ser moi bonita pero como non haxa unha estructura firme, tarde o temprano vén todo abaixo. Foron os anos nos que máis a gusto me sentín lendo prensa en Internet ou achegándome ao quiosco. Teño esperanza de que algún día alguén lle faga fronte a esta negra sombra mediática que sobrevoa dende hai uns meses as nosas cabezas. Longa vida a outra perspectiva sobre os que mexan por nós.

Comentarios