Martes. 23.04.2024
El tiempo
12:08
23/04/12

Sempre con Arxentina!

Sempre con Arxentina!

A barra da esquina ándalle dando voltas ao tema da expropiación de REPSOL na veciña República Arxentina. Pensan os raparigos que é moi importante para o futuro enerxético do Uruguai ver ben o asunto porque marcará o camiño a seguir. É moi posible que se establezan novas regras para evitar a fondenda do afane de empresas que enchen os petos dos seus accionistas sen investir un mango no país dono do recurso.

  • POCHO: Mirá, o que máis me quenta é que o goberno español póñase como tolo a defender unha empresa privada que opera nun país estranxeiro. Unha empresa que ten entre os seus accionistas a Fondos de Investimento que non son españois. Con malos modais atacan ao goberno arxentino pero non vexo eu que se fagan tan machos contra os ocupantes ingleses que teñen alí en Xibraltar unha colonia.
  • PERICO: A min paréceme ben que defendan o seu. Outro tema é que o fagan con moderación e sen mexar fóra do tarro. Supoño que o convenio permite reclamar nos tribunais de xustiza calquera lesión aos lexítimos intereses. As expresións saídas de ton dos ministros españois non favorecen en nada a crear un clima de acougo e entendemento. Se algo é evidente é que Arxentina non está atacando a España. O que pasa é que lles interesa confundir o público co privado para ter entretidos aos cidadáns mentres a crise leva á clase media á merda.
  • DON JOSÉ: Bo, raparigos, aí quería chegar. O fondo da ensalada ou a "verdade da milanesa" como di o meu bo amigo porteño Carlos Penelas é que estamos diante dun conflito entre unha empresa estranxeira e un estado soberano. No seu momento, un malandra ---é cousa xulgada--- apellidado Menem realizou unha serie de privatizacións que empobreceron ao país. Agora vén un goberno que decide que unha parte do patrimonio enerxético volva á órbita estatal. Non vexo eu razón para cargar contra a presidenta Fernández coma se recuperar algo propio fose delito.
  • FRACO: A min despístame un pouco o comportamento errático dos peronistas. O "turco" [fillo de emigrantes sirios] vende e a "gayega" [neta dun emigrante galego] compra. Acá algo non me pecha, che. Creo que é un erro porque os poderosos "mercados" van foder aos nosos irmáns arxentinos. Dunha ou outra forma vanlle a pasar factura.
  • DON JOSÉ: Ti estás entrando en cuestións ideolóxicas que é onde lle van a dar paus á presidenta arxentina. Agora dirán e escribirán que os peronistas non son de fiar e que son amigos de Chávez [o diaño] e todos eles uns medio comunistas. É certo que na historia arxentina houbo gobernos peronistas que pouco máis eran que unha manga de mafiosos que buscaban o lucro persoal sen importarlle deixar ao país en bólas. Pero agora é diferente. Na beira de en fronte temos un goberno democrático que foi amplamente apoiado pola cidadanía e que quere empuxar con determinación para que o país progrese.
  • POCHO: É certo don José que hai dúas varas de medir. Acábaseme de ocorrer un exemplo que creo é ilustrativo de que un metro acá é diferente dun metro alá. Vexamos o aspecto da vestimenta e os comentarios da prensa internacional que lle chupa as medias aos que considera grandes e putea aos mozos. Se a directora Lagarde ponse unha roupa pola mañá e outra pola tarde é por pura elegancia. Pero se o fai a presidenta Fernández é por derrochona e despilfarradora. É así, a cousa.
  • PERICO: Estou de acordo en que os que moven os fíos defenden os seus intereses con todo tipo de falsos argumentos. Fanche ver unha linda cor branca en lugar dun escuro negro. Ocultan o que lles prexudica e destapan o que lles beneficia. É lóxico, o seu motor móveo a ambición de gañar máis e máis guita. O que me preocupa é o determinar se Arxentina sairá prexudicada ao dar este patriótico paso para recuperar a súa riqueza.
  • DON JOSÉ: Sen dúbida que haberá problemas pero a presidenta é unha persoa culta e responsable que non se engurra diante das adversidades. Polo simple feito de ser muller recibe unha cantidade de críticas que non recibiría sendo home. Queren facernos crer que é unha persoa frívola que non se decata de nada e que a manipulan á súa antollo os guachos da Cámpora. Pero deron en óso duro de roer. Os chusmas malintencionados esquécense que dona Cristina é unha digna herdeira do espírito loitador do avó da montaña do norte lucense. Os que coñecen as terras galaicas da Fonsagrada afirman que os de alí son nobres e máis fortes que calquera dos miles de vellos carballos que rodean as aldeas.
  • FRACO: Sigo pensando que non é unha boa medida a de comprar o 51% da petroleira española. Acepto que sexa patriótica pero se non axuda ao desenvolvimiento, entón, é desaconsellable. Nós, os uruguaios, necesitamos que Arxentina goce de boa saúde. Somos os grandes beneficiados se eles manteñen un escenario económico estable. Paréceme que había outros sectores produtivos nos que actuar sen meterse en problemas. No agro hai moito marxe aínda para aumentar a produción e a exportación; de soia e millo, por exemplo.
  • DON JOSÉ: Tes razón en recordar que non só de petróleo vive o home pero neste momento a guita rápida faise coa comercialización de combustibles fósiles. Espero que a vinganza dos especuladores financeiros internacionais non sexa moi forte e tampouco, duradeira. Aos que teñen o camión cheo de billetes non lles interesan os litixios longos e se o diñeiro non produce en Arxentina vanse rajando ao lugar que haxa beneficios. Son optimista. As cousas sairán ben e o noso Uruguai irá para arriba grazas ao amparo de dous países nos que a batuta lévana mulleres. É inédito e histórico e non ten volta de folla. Cada día convénzome máis de que novamente o futuro está no sur rioplatense. As voltas da vida, botijas.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios