Sábado. 20.04.2024
El tiempo
08:45
20/03/12

Unha gran crise europea (1709-1711) con repercusións tamén na Costa

Unha gran crise europea (1709-1711) con repercusións tamén na Costa

Ó longo da historia teñénse dado circunstancias que fixeron que determinados acontecementos se repetisen cada certo tempo, especialmente en séculos pasados. Este carácter cíclico dalgúns aspectos da historia dos nosos antepasados ten un dos seus maiores expoñentes nas crises de subsistencia, que con maior ou menor intensidade afectaron á poboación ata ben entrado o século XIX. Outro bo exemplo deste carácter cíclico sería o das diferentes epidemias que tamén se encargarían de elevar a mortandade en diferentes momentos, acadando nalgúns casos carácter universal, como no caso da peste negra de mediados do século XIV, da gripe europea de 1708-1709 ou da gripe española de 1918.

  

A crise de 1709-1711 foi extensiva non só a España senon a case totalidade dos países europeos. Así, atopámola citada en traballos de demografía belgas, alemáns, italianos e incluso se fai referencia a ela como crise de gran virulencia en estudos sobre a poboación francesa. As primeiras novas son de finais de 1708 e chegan de Italia facendo mención a unha epidemia de gripe que vai a ter como características principais a rapidez en canto a súa propagación, a súa aparición simultánea en varios países europeos e os seus efectos, intensos pero de curta duración. O coñecido como «duro inverno europeo» de 1709, caracterizado pola choiva e sobre todo por un intensísimo frío, tivo gravísimas repercusións na producción agraria e na gandeiría co seu correspondente reflexo no elevado número de difuntos rexistrados nos arquivos das distintas parroquias europeas.

Esta gripe europea non se prolongaría moito no tempo pero a volta á normalidade sí que tardaría moito máis debido a varios factores. O rigoroso inverno e as consecuentes malas colleitas, a emigración de campesiños ós núcleos urbáns buscando unha mellor asistencia médica e, fundamentalmente, a guerra, traerían como protagonistas dúas novas pragas: a propagación do tifus exantemático e a peste.

España terá que facer frente a esta situación con numerosos problemas pola falta de grans derivada das malas colleitas de 1705-1706 e 1708 e polos episodios bélicos da guerra de Sucesión. O médico asturiano Gaspar Casal fai referencia a esta crise nestes termos: “y vi que la generalísima epidemia que, casi en todo el Reyno de España, hizo notable estrago desde el año de 1709 hasta el de 1711”… Para a historiografía actual, esta crise pode ser considerada como unha das grandes crises agrarias que tería como consecuencias máis inmediatas a miseria das clases campesiñas e unha gran mortandade na meirande parte do territorio peninsular. Do que non hai dúbida é de que a crise que padece España a partir de 1709 provocou unha importante convulsión demográfica e social, totalmente equiparable á do resto de países europeos. Unha parte importante da mesma ven derivada do tifus exantemático, compañeiro inseparable da guerra (lembramos de novo a Guerra de Sucesión Española) e da fame. De todas formas non hai que descartar que algún dos focos epidémicos foran causados polo virus gripal, sobre todo tendo en conta as especiais condicións climáticas deste período.

Galicia, non se libraría da virulencia desta crise e das súas consecuencias, máis lesivas posiblemente debido ás características do seu solo e ó seu illamento xeográfico. Así pois, a súa situación agravábase en anos de crises agrarias, tendo que comprar cereal en momentos nos que a carestía do mesmo tiña propiciado a subida de prezos. A esto hai que engadirlle as dificultades viarias para o transporte, polo que a poboación sufría doblemente o encarecemento dos produtos básicos.

No mercado dos cereais, fundamentalmente do trigo, participaban numerosos axentes, tanto polo lado da oferta como polo da demanda. A estrutura deste comercio rexistraba agudos cambios estacionais e interanuais. Os pequenos produtores agrarios, arrendatarios na súa maior parte, soían comercializar boa parte ou a totalidade dos seus excedentes antes de realiza-la sementeira do outono. Os labradores acomodados, os grandes propietarios rentistas, as institucións eclesiásticas e as oligarquías locais procuraban concentrar as súas ventas no primeiro semestre do ano, sobre todo no cuatrimestre anterior á recollida do gran, é dicir, nos chamados meses mayores, especialmente no mes de maio. Por outro lado, o número de oferentes e de demandantes rexistraba intensas oscilacións interanuais. En anos de colleita escasa, moitos pequenos produtores convertíanse en demandantes netos de cereais panificables e, polo tanto, o número de vendedores reducíase e o  grao de concentración da oferta aumentaba sensiblemente. Estudios feitos en diferentes zonas de Castela conclúen que en anos de crise, despois do mes de outubro, os poderosos e revendedores acaparaban o 90% das ventas de gran.

A perda de colleitas dos anos 1709-10 garda directa relación co exceso de choiva. Abundan os exemplos a esta circunstancia por diferentes partes do territorio peninsular: “el tiempo tan vario que corre así por la salud como por los frutos” ou “la continuación de las lluvias sumamente dañosas para las mieses de suerte que se pierde mucho grano en las mismas eras”. As terras fisterrás non foron alleas a esta crise e así, a primeira consecuencia é a fortisima subida do pouco cereal existente, que se cotiza no mes de maio de 1709 a 360 maravedís, cando só dous anos antes se cotizara a 120 mrs. Este exemplo é do trigo, pero o mesmo se pode dicir do centeo (o universal pan do labrador), que pasa de 72 mrs a 272 mrs. ou do millo, que sube dos 85 mrs a 306 mrs.

En relación con esta crise, en particular, e coas  crises, en xeral (de subsistencia, mortandade ou económicas) estarían os movementos migratorios nos que podemos diferenciar dous tipos: os que teñen un carácter cíclico e os permanentes. Dentro dos primeiros teríamos por exemplo a emigración golondrina, é dicir, aquela que se fai todos os anos nos mesmos meses. Exemplos desta sería a emigración á Castela nos séculos XVII, XVIII e XIX co fin de participar nas segas do trigo e centeo ou no século XX a emigración a Francia á vendima ou a Andalucía a recollida das olivas. Pola súa parte, a emigración permanente tivo o seu mellor exemplo na masiva emigración española a América, especialmente desde a segunda metade do século XIX. Aínda que a idea dos emigrantes era, nun principio, a do retorno, nunha boa parte dos casos estes acabarían quedando no continente americano.

 
  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

 


Novas relacionadas

Especial Guerra da Independencia

As terras fisterrás no século XVIII

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios