Venres. 18.10.2019
El tiempo
07:07
14/06/12

Unha muller no temón do Centro Galego de Bos Aires

Unha muller no temón do Centro Galego de Bos Aires

Dona Diáspora está moi preocupada polo futuro do Centro Galego de Bos Aires. A nosa importante entidade está pasando por unha fonda crise que prexudica sobre todo aos asociados que fan uso dos servizos médicos. Nunca nos seus 105 anos de vida estivo tan asulagada nun sarillo de problemas económicos que están a deixar eivada ou discapacitada senón atopamos unha solución urxente. Cada día que pasa perdemos un pouco da antiga e merecida fama de décadas de boa asistencia sanitaria. Hai quen di que detrás da actual desfeita hai intereses ocultos por queimar ao Centro Galego para que caia gratis nas mans dunha empresa privada que xa tería negociado ---quere dicir, coimeado--- a certos líderes sindicais que son os que controlan as chamadas “obras sociais”.

Dona Diáspora non cre que poidan existir emigrantes ou fillos da emigración que estean contra da continuidade do Centro Galego para levarse uns pesos emporcallados pola traizón aos heroicos avós que suaron para erguer na esquina de Belgrano e Pasco unha das máis importantes realizacións dos galegos no mundo. Certamente que haberá diferentes conclusións e opinións sobre as razóns da actual crise pero ninguén actuará de mercenario ao servizo dunha mafia que soamente vai detrás dos cartos. A pinga microscópica de sentimentalismo galego que levan no seu sangue os netos da emigración evitará calquera acción ou movimento encamiñado ao desmantelamento dos rexos adobes postos polos albaneis que chegaron do norte.

Dona Diáspora agradece o labor de don Carlos Alberto. O fillo de Covelo e Ordes colleu o temón para quitar a dorna do peirao pero non foi quen de recoller a cadea. O seu ánimo non foi suficiente para mover unha nave ancorada na frustración e o pesimismo. O presidente Vello Pombo gañou unhas eleccións pero non puido gañar o corazón dos que as perderon. Sen o apoio das agrupacións menos votadas foi quedando case só ao mesmo tempo que algúns empregados o atacaban con calumnias, mentiras e ofensas. Desde a Xunta de Galicia ían adiando a sinatura dun acordo de salvamento e as autoridades arxentinas facían o que podían para manter a fonte de traballo mediante os recursos dun fondo público de garantía salarial. A súa demisión, hónrao. Apártase ao considerar que quedou freado cando debería estar pisando o acelerador.

Dona Diáspora é optimista. Despois de máis dun século cheo de triunfos colectivos da emigración galega, confía en ver novamente ao Centro Galego coa súa economía sandada. No temón da entidade temos agora a Marta Elena Donsión. O feito é novidoso xa que desde 1907 todos os presidentes foron homes. Unha muller ao mando é positivo xa que no seo das nosas familias emigrantes son as mulleres as que levan a administración. En calquera momento de fraqueza ---que certamente haberá--- dona Marta recibirá o agarimo de don Ángel que desde aló enriba a animará como esposo e membro da agrupación “Unión Gallega”. A nova presidenta é consciente de que está de paso. Non esquece que chegou ao cargo por mor das demisións de varios directivos e tampouco que no mes de agosto haberá eleccións para a renovación da metade dos membros da actual directiva.

Dona Diáspora permítese ---a súa vellez dálle certa liberdade--- facerlle unha suxestión a dona Marta. Se a acepta poderá concretarse o vindeiro 25 de xullo. Trátase de comezar a xestionar a visita da presidenta Fernández de Kirchner [neta do emigrante lucense Pascasio Fernández Gómez] ao Centro Galego para coñecer as instalacións e asinar no Libro de Honor. A visita terá o seu aspecto máis emotivo cando a mandataria arxentina vexa no libro a sinatura de María Duarte de Perón [27-II-1950] ao tempo que recorda que o seu avó Pascasio foi un emigrante máis nunha terra de oportunidades. A anfitrioa manifestará en nome da institución o agradecemento pola axuda recibida desde o goberno nacional: a)do INAES un préstamo de 7 millóns de pesos a baixo interese e a longo prazo de devolución; b) do programa REPRO do ministerio de Traballo a cantidade mensual de 1200 pesos por empregado [subsidio para a recuperación produtiva].
Adiante dona Marta!

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Novas relacionadas

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

comentarios