Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Chema Rei
17:20
24/06/15

Isidro, un “Home-Ghol”

Isidro, un “Home-Ghol”
S.D. Fisterra: partido da Copa da Costa disputado no Ara Solis contra o Cee o 14-6-1992; despois da liga dos gloriosos 61 goles, con Manín no banco no lugar de Juan Ramón Lobelos (que estivera na liga). “Vai o ghol, aghora vai o ghol; aghora, aghora vai o ghol!” cantaban Os Diplomáticos de Monte Alto aló polos anos noventa. Algo así debían cantar por esa época os seareiros da Liga da Costa cada vez que o balón lle chegaba a un dianteiro fisterrán de 1’75 metros que respondía ao nome de Isidro. Nas páxinas do noso libro 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) dedicamos un apartado especial ás estatísticas: cadros de campións (e tamén farois vermellos) das competicións ligueiras e da Copa da Costa, os equipos un a un por orde de fundación, as clasificacións por partidos disputados tanto da Liga coma da Copa, etc. Tamén lle facemos oco neste resumo estatístico ao gol, fin último deste noso deporte, e así aparecen os cadros dos equipos máis goleadores e dos máis goleados, e os das maiores goleadas rexistradas nestes 50 anos. Pero no discorrer do libro ofrecemos a clasificación dos goleadores das ligas costeiras, sobre todo grazas ao patrocinio de empresas como “Seguros Afiga” de Coristanco ou a baiesa “Gelucho Romar” en colaboración coa delegación carballesa de La Voz de Galicia. Nos primeiros anos da década de 1990 foron varios os xogadores que se distinguiron entre os goleadores costeiros, caso do muxián Weri, os irmáns pindexos Augusto e Domingo, o ceense Suso Insua, o mazaricán Moreno, o muradán Pego e algún que outro novo que xa asomaba a cabeza: o berdillés Óscar, o cabanés Mino, etc., etc. Pero de entre todos eles, quen destacou nesta década foi Isidro. Isidro Manuel Trillo Trillo é un fisterrán nacido en outubro de 1968 que debutou co primeiro equipo da S.D. Fisterra na temporada 1984-85, nada menos que na Rexional Preferente. Se os datos hemerográficos que manexamos non están errados, o seu primeiro partido foi en Burela, o 17 de decembro de 1984, e logo virían outros dez nesta tempada. As súas condicións non pasaron desapercibidas e foi fichado pola S.D. Vista Alegre de Santiago para xogar no seu equipo xuvenil. Tan só disputou seis partidos, porque a Isidro venceuno a morriña e volveu para Fisterra xusto cando era convocado co primeiro equipo que militaba na 3ª División. A pesar de que o viñeron buscar á casa non o deron movido de Fisterra. Seguiu a súa traxectoria na S.D. Fisterra da Preferente, ata que na temporada 88-89 ficha polo U.C. Cee, que competía na mesma categoría. Non puido triunfar no club ceense dirixido polo tamén fisterrán José López Canosa, pois as lesións apenas deixaron que xogase. Volveu para o Fisterra xa na 1ª Rexional costeira, e os seus bos partidos víanse truncados por continuas lesións, que se cebaban con el e tivo que poñerlle remedio acudindo a un curandeiro. A súa explosión definitiva chegaría na temporada 1991-92. Este ano reformáranse as competicións e a Liga da Costa deixaba de estar encadrada na 1ª Rexional, para formárense dous grupos (Norte e Sur) na 2ª Rexional. O grupo sureño tiña dous grandes favoritos, o Cee e o Fisterra, e así o confirmaron durante a temporada, resolvéndose o título nos enfrontamentos entre eles. O Fisterra fixera unha primeira volta impresionante, e as súas goleadas non pasaron desapercibidas pola prensa. Logo da xornada 16ª, o xornalista Luís Ventoso (La Voz de Galicia, 3-2-92) dedicáballe unha reportaxe dunha páxina ao Fisterra por ser o equipo máis goleador de Galicia: 86 goles en 16 encontros. Pero isto non aseguraba o título, que se xogaría no Ara Solis a semana seguinte co eterno rival: “se perdemos co Se, tódalas gholeadas son de balde”, resumía a situación un directivo fisterrán. A reportaxe titulada “Una orgía de goles en el fin del mundo” incluía, non podía ser menos, un apartado para o goleador do equipo, Isidro, que levaba daquela 41 goles. Con 23 anos relataba a súa carreira, ata daquela lastrada polas lesións, pero este era o seu ano. Acabou Isidro a temporada coa impresionante cifra de 61 goles, en tan só 22 partidos, pois estivo ausente en catro dos 26 que compoñían a liga; e tan só catro goles foron de penalti, permitíndose errar algún que outro. O Fisterra perdeu co Cee e perdeu a liga, o que non minguou a importancia dos rexistros deste dianteiro, que non obstante, estaba máis contento porque esta temporada por fin o respectaran as lesións que pola marca goleadora, como lle declarou a JM Ferreiro na Voz (29-4-92).  C.D. Baio: partido de Copa da Costa disputado no campo das Raíces de Cee o 9-5-1993, ao pouco de fichar polo club baiés. O seu talento goleador non foi flor dun día. Na tempada seguinte, a 1992-93, a piques estivo de alcanzar o seu propio récord, chegando ata os 52 goles, nun Fisterra que agora si se facía co título ligueiro. Este ano xa non xogaría a Copa cos fisterráns, pois fichaba polo C.D. Baio. No club baiés disputou a seguinte temporada, xa nunha 2ª Rexional unificada, e o irregular rendemento dos baieses –foron subcampións a pesar de seren os grandes favoritos- tamén se viu reflectido en Isidro, que “tan só” marcou 20 goles. Ficha para a temporada 1994-95 polo Xallas C.F., equipo dirixido por Manín no que se xuntou con Pituso, Miculita ou Noé, entre outras figuras que tiña a escadra xalleira. A pesar de volver militar no gran favorito, volve ser subcampión, pero a súa actuación é sobresaínte, con 34 goles nos 24 partidos disputados. Na tradición católica rézaselle ao San Isidro para ter boas colleitas, e Manín sabía que para ter boa colleita de goles ninguén mellor que o Isidro fisterrán. Iniciaron aquí unha relación de fidelidade que os levou esa mesma temporada a xogar a Copa co Ponteceso S.D.. Seguirán na vindeira temporada, pero os malos resultados do equipo fan que as augas baixen revoltas, Manín é despedido e a tempada é un desastre para os pontecesáns. Isidro vai seguir da man de Manín e fichan polo Muros S.D. que militaba na 3ª Rexional. Dúas temporadas van estar no equipo de Miraflores, co ascenso na primeira delas á 2ª Rexional e a súa consolidación na 1997-98. S.D. Muros: unha convocatoria para un partido do Muros. U.D. Corcubión: unha convocatoria do equipo corcubionés que gañou a liga da 3ª Rexional na temporada 1999-2000. Aquí Isidro decide deixar a un lado o fútbol e dedicarse ao fútbol sala, pero axiña volve á nosa liga, de novo da man de Manín, que o leva para o U.D. Corcubión que vai gañar a liga da 3ª Rexional 1999-2000. Repiten no conxunto corcubionés na seguinte campaña, pero os arrastres fan que o equipo descenda de novo. A boa temporada do dianteiro fisterrán fan que o equipo da súa vila o reclame para intentar gañar a Liga da Costa. E o bo traballo de Isidro (17 goles) fai que o Fisterra se proclame campión e ascenda á 1ª Rexional. Nesta categoría vai poñer punto e final á súa carreira como xogador afeccionado, no seu Fisterra, no equipo que o vira medrar, pechando o círculo que comezara case vinte anos antes. Merece pasar á historia do noso fútbol Isidro por ser o goleador por antonomasia da década dos noventa, posuídor das dúas marcas goleadoras da historia da Liga da Costa, con cifras que dificilmente ninguén poderá alcanzar; e con máis de trescentos goles na súa carreira. Cando Luís Ventoso, na reportaxe antes citada, lle preguntou como se definiría, Isidro non tivo dúbidas: “eu son un home-ghol”.
  • Xosé Mª Rei Lema / Xosé Mª Lema Suárez, Autores de 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014).

Novas relacionadas

Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

Fonte

  • Reportaxe publicado no Sermos Galiza.

Comentarios