Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Darío Areas
14:43
03/07/12

Balanza Hidrostática

Balanza Hidrostática

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, continnuamos amosando e dixitalizando parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Balanza Hisdrostática

Balanza Hidrostática da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Gabinete de Física / Mecánica de líquidos (hidrostática)

Balanza hidróstatica

Consiste nunha balanza común que leva pratiños de brazo longo.
Orixinalmente debía montar tamén pratos de brazo curto, cun gancho na parte inferior de cada un deles.
A cruz pódese subir ou baixar a vontade mediante un tornillo frontal inferior.

Construída en metal, ten base en forma de trepia, con pés regulables en altura. Orixinalmente contaba tamén cun cilindro metálico macizo, o cal tiña un volume exactamente igual á capacidade do cilindro metálico oco, os dous cun soporte de sustentación.

Emprégase para comprobalo Principio de Arquímides.
Procédese colgando do gancho inferior dun dos pratos o cilindro oco, e da base deste o cilindro macizo. No outro prato cólganse as pesas necesarias para o equilibrio. Se de seguido enchemos de auga o cilindro foco desfaise o equilibrio, pero se ao mesmo tempo se baixa a cruz de forma que o cilindro macizo se mergulle por completo nunha vasilla de auga situada debaixo, restablécese o equilibrio.
Demóstrase o Principio de Arquímides, xa que a capacidade do cilindro oco é exactamente igual ao volume do cilindro macizo, e o empuxe que sobre este actúa queda equilibrado co peso do líquido contido no vaso.

Arquímedes

Arquímedes (287 – 212 a. C) foi un matemático e inventor grego, o cal escribiu importantes obras sobre a xeometría plana e do espazo, a aritmética e a mecánica.

Naceu en Siracusa e educouse en Alexandría. No campo das matemáticas puras adiantouse a moitos dos descubrimentos da ciencia moderna, como o cálculo integral, cos seus estudos de áreas e volumes de figuras solidas curvadas e de áreas de figuras planas. Demostrou tamén que o volume dunha esfera é dous tercios do volume do cilindro que a circunscribe.
En mecánica, Arquímedes definiu a lei da palanca, e recoñécese como o inventor da polea composta. Tamén descubriu maquinaria de guerra, como poden ser as catapultas ou os famosos espellos ustorios cos que lograba incendiar as embarcación enemigas.

Pero Arquímides é coñecido sobre todo polo descubremento da lei hidrostática, a cal se demostra coa balanza protagonista deste artigo: “todo corpo sumerxido nun fluído experimenta unha perda de peso igual ao peso do volume do fluído que desaloxa”.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios