Venres. 29.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
08:45
09/06/17

A necesaria reforma tributaria local

A necesaria reforma tributaria local
Non se pode estar máis de acordo cos que defenden melloras inmediatas na tributación municipal. Porque se trata dunha cuestión imprescindible e urxente. A simplificación de procedementos administrativos e a incorporación das novas tecnoloxías son aspectos substanciais que facilitan a tramitación e o cumprimento das obrigas tributarias. E xa toca que se poñan en marcha. Como tamén é hora de revisar todos os tributos municipais, así como efectuar unha análise rigorosa do sistema de beneficios fiscais, da función de interese xeral que os xustifica, da súa eficacia para a consecución dos obxectivos propostos e da súa eficiencia para, con base en criterios fundamentalmente económicos, decidir o mantemento, modificación ou supresión dos mesmos. No que atinxe especificamente aos tributos potestativos, isto é, aos impostos que poden impoñer os concellos de forma voluntaria: Imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO) e Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (PLUSVALÍAS), tamén é preciso actuar de inmediato. Así, no primeiro caso, deberase modificar o ICIO introducindo melloras técnicas e, sobre todo, intensificando a comprobación sobre as edificacións concluídas, para practicar a liquidación definitiva en base ao custo real e efectivo da obra. A outra reforma inaprazable afecta ao imposto de PLUSVALÍAS, onde o vixente deseño grava incluso aos supostos nos que, polo efecto da crise e a depreciación dos inmobles, se están xerando verdadeiras minusvalías.  En fin. Estas son algunhas das medidas que se demandan tamén desde a Comisión de análise de Facendas locais, da Federación Galega de Municipios e Provincias, coas que non podemos estar máis de acordo. Domingo Guerra. Economía Municipal.
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios