Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:31
21/05/18

A tesourería municipal

A tesourería municipal

A tesourería municipal está de actualidade. Non só a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) oferta un curso titulado Xestión de tesourería municipal, dirixido aos Funcionarios con habilitación de carácter nacional que estean prestando servizos na Administración local ou noutras Administracións públicas de Galicia, senón que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela considerou de interese que no Máster de Dirección e xestión contable e financeira se impartira un seminario sobre a Fiscalización externa da tesourería dos concellos. Así mesmo, no II Congreso de Red Locais, tamén se presentará a conferencia titulada Tesourería municipal e o seu control externo.

Nestes tres foros (EGAP, Económicas e Red Locais), non me canso de insistir na evolución positiva que experimentou este posto de traballo nos últimos tempos, e que obedece, entre outros motivos, a estas 5 cuestións:

1. Aos cambios tecnolóxicos que, indiscutiblemente, provocaron modificacións substanciais na forma de traballar de todos nós.

2. Ás novas oportunidades que proporcionan os mercados de capitais.

3. Á necesidade de planificar os fluxos monetarios para dar cumprimento ás necesidades de financiamento e optimizar a colocación de excedentes.

4. Ao proceso de descentralización do gasto público tanto do Estado como das Comunidades Autónomas cara á esfera municipal, que provocou incrementos substanciais no volume de recursos manexado polos concellos.

5 E, sobre todo, á necesidade de que nas Corporacións Locais existan técnicos formados en xestión de liquidez, que non se limiten ao control da caixa municipal, senón que se realice unha función pública máis acorde con aspectos propiamente financeiros das entidades locais.

En definitiva, e a modo de resumo, podemos afirmar que a situación actual da tesourería dos nosos concellos non ten nada que ver coa de fai uns cantos anos, onde este posto se denominaba de outra maneira (depositario, ata 1987), tiña unhas funcións relacionadas basicamente cos cobros e pagos (caixeiro) e, nos municipios máis pequenos en termos de poboación e orzamento, incluso se permitía que puidera ser desempeñado por un membro da corporación. Si, por un concelleiro! (ata outubro de 2015).

Recentemente (fai agora dous meses), coa entrada en vigor do Real Decreto 128/2018, de 16 de marzo, que regula o réxime xurídico dos tesoureiros, o lexislador foi quen de adecuar este posto de traballo ás actuais esixencias das facendas municipais. Non é sen tempo!

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios