Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
12:12
12/07/15

A voltas coa débeda

A voltas coa débeda

Fai uns días publicamos a evolución da débeda dos nosos municipios (período 2011 – 2014). E felicitábamos aos concellos de Dumbría, Muxía, Zas e Mazaricos por carecer de préstamos a longo prazo.

Hoxe, ademais de proporcionar o importe detallado das débedas con bancos ao inicio de 2015, queremos ofrecer información da carga financeira derivada dese endebedamento. É dicir, os intereses e as cotas de amortización que cada concello ten que soportar polas débedas bancarias. Ademais, para completar a análise, indicamos a porcentaxe que representa a carga financeira sobre os tributos de cada municipio. Ou, dito doutra forma, o tanto por cento que se detrae dos impostos e taxas para pagar préstamos.

O único concello que aínda non aprobou orzamento para 2015 é o de Fisterra. En consecuencia, a información utilizada é a de 2014 (presuposto prorrogado).

Debedas municipais 2015 Concellos Costa da Morte

Os datos corroboran o elevado volume de débeda en termos absolutos de Ponteceso (2.665.585,55 €), Muros (2.098.330,79 €) e Carnota (1.981.275,84 €). Concellos que todos os anos teñen que facer un esforzo importante pagando os seguintes custes de financiamento: Ponteceso (488.769,78 €), Muros (266.557,84 €) e Carnota (200.500,00 €). Por tanto, Ponteceso destina o 19,39% dos tributos propios a satisfacer a débeda; Muros o 10,06% e Carnota emprega o 14,86% dos impostos e taxas ao pago do endebedamento financeiro.

Sen prexuízo do anterior, observamos tamén as dificultades que representa para os concellos de Laxe (36,46%), Coristanco (29,20%) e Fisterra (20,46%) a elevada carga financeira consignada nos presupostos respecto dos tributos orzamentados. Que contrasta, por exemplo, co dato de Carballo (5,20%), que é o 4º municipio máis endebedado, pero que pode financiar a débeda, sen grandes apuros, con recursos propios. Como tamén sucede con Malpica (3,77%), Corcubión (4,03%), Cabana (4,22%) ou Santa Comba (4,79%).

A consideración conxunta dos datos, tal vez axude a comprender mellor a verdadeira dimensión do endebedamento municipal. En calquera caso, son dos que opinan que sempre é mellor ter débeda cos bancos que cos provedores. Pero, iso xa o comentaremos noutra ocasión.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Novas relacionadas

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios