Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:59
13/09/18

Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade

Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade

A inexistencia de datos publicados, impide coñecer a magnitude actual dos cartos que teñen os nosos concellos nas diferentes entidades bancarias. Pero podemos afirmar que se trata dunha contía relevante. Moi significativa. En conxunto, varios millóns de euros. A información dispoñible a 31 de decembro de 2015 (19.661.888,85 euros) e 2016 (24.183.701,69 euros), corrobora esta aseveración.

Por conseguinte, e á espera de que se faga pública a cifra correspondente a 2017 (estímase que se coñecerá en novembro deste ano), o que se pode indicar é que o seu volume será similar ao de exercicios precedentes.

En calquera caso, na táboa preséntase esa cifra total e os importes individuais por municipio, onde os Concellos de Zas (2.879.420,00 euros), Coristanco (3.288.022,20 euros) e Carballo (7.891.792,31 euros) dispoñen dos saldos máis relevantes en 2016; e Vimianzo (64.541,99 euros) e Laxe (81.711,26 euros) son os peores clasificados, con apreciable diferencia.

Fondos Liquidos Tesoureria nos Concellos da Costa da Morte

Certamente, os nosos concellos atesouran moita liquidez en contas bancarias ordinarias: contas operativas de ingresos e gastos. Pero esta circunstancia non se pode considerar un problema. Porque non o é. Sen embargo, estaremos de acordo en que esta situación orixina custes de oportunidade, xa que o tipo de xuro é inferior ao de outras alternativas.

Con todo, a colocación de excedentes de tesourería debe maximizar rendementos, baixo condicións de liquidez e seguridade. Por razón da primeira restrición (liquidez), deberían excluírse as operacións a prazo fixo, porque limitan a dispoñibilidade inmediata dos fondos depositados. Pola segunda (seguridade), quedaría excluída a colocación do diñeiro en valores de renda variable, ante o risco derivado da perda de parte do principal.

Unha boa alternativa –que sempre expoño aos interventores e tesoureiros da Administración Local de Galicia, no curso de «xestión de tesourería municipal» que veño impartindo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) –, é a denominada «conta de depósitos de fondos» con vencemento, remuneración e disposición previamente negociada coas entidades financeiras. Unha opción que non se está utilizando polos nosos concellos pero que, pouco a pouco, vai gañando máis adeptos, como se verifica nos Estados de Tesourería das nosas Corporacións Locais.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios