Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
21:40
13/11/19

O cliente sempre ten a razón

O cliente sempre ten a razón

Moita xente non sabe moi ben que é iso da fiscalización. Estamos máis familiarizados co termo auditoría, que é como se coñece, no ámbito privado, a revisión das contas anuais.

A palabra «fiscalización» emprégase polos órganos públicos de control cando comproban se a contabilidade se presenta de conformidade co marco de información financeira aplicable (fiscalización financeira); se as actuacións, programas e institucións son xestionados de acordo cos principios de economía, eficiencia e eficacia (fiscalización operativa); e si se cumpre coas leis e disposicións que regulan as diferentes actividades da entidade local (fiscalización de cumprimento). Case nada!

Tampouco é moi coñecido que, desde a entrada en vigor este ano dun Real Decreto aprobado por Montoro, sobre o control interno nas entidades locais, os auditores privados poden colaborar cos interventores municipais facendo auditorías aos nosos concellos. Cobrando, claro! Que para algo hai portas xiratorias!

Así que, desde 2019, uns “expertos” “independentes” poderán verificar a información contable municipal expresando, nos seus informes, cando observen que a cousa está ben, iso de que «a contabilidade reflicte a imaxe fiel da entidade». Os “expertos” máis “independentes”, que os hai, si detectan anomalías informarán dicindo que «excepto por esas incidencias, a contabilidade reflexa a imaxe fiel do concello». E, por último, os auditores máis ousados que se atopen con problemas ou incorreccións significativas, denegarán opinión resaltando que «a contabilidade non reflicte a realidade da situación do concello». Ou, expresado en termos que todos entendemos mellor: «este concello non hai por onde collelo». 

Neste último caso recalco o de «auditores ousados», porque xa se sabe que nesas auditorías, como en calquera outra actividade privada, o cliente (neste caso o alcalde), sempre ten a razón ou, o que é o mesmo, quen paga manda.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

 

Comentarios