Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:32
07/02/20

Os contratos do sector público local

Os contratos do sector público local

A contratación é unha das áreas da actividade municipal de maior repercusión económica. Esta realidade, por si soa, constitúe motivo suficiente para que exista unha específica e pormenorizada regulación que evite prácticas irregulares.

Por iso, unha xestión transparente nesta materia, comporta moito máis que un mero cumprimento formal. Porque a transparencia reduce a posibilidade de fraude ou corrupción e incrementa a confianza dos licitadores, favorecendo a competencia necesaria para conseguir a mellor relación calidade-prezo en obras, servizos e bens necesarios para un adecuado funcionamento da actividade municipal.

Por estas razóns, e antes de que conclúa este mes de febreiro, os nosos concellos deben enviar unha relación certificada dos contratos realizados no exercicio anterior (neste caso, 2019), ao Consello de Contas. Deste xeito, garántese que unha mostra representativa deses contratos serán comprobados, sen prexuízo de que se investigue a actividade contractual dun concello determinado, cando existan evidencias que recomenden facelo, porque se trata dun área sensible de risco, que sempre convén auditar.

O pouco disimulo co que se actúa esquivando a libre concorrencia, valorando ofertas de forma interesada, fraccionando o obxecto do contrato ou, sinxelamente, outorgando contratos a dedo, son prácticas demasiado habituais que se poñen de manifesto nos informes de fiscalización que realiza o Consello de Contas.

Os que levamos moito tempo –preto de trinta anos– facendo auditorías aos concellos galegos nese organismo, verificamos situacións insólitas na contratación pública. As anécdotas darían para varios libros e as infraccións detectadas e as consecuencias para os responsables, tamén.

Ese traballo, o da verificación da contratación pública municipal, era desempeñado, fundamentalmente, por Esther. Hoxe decidiu deixarnos. In Memoriam.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios