Venres. 19.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
07:00
01/12/14

Facturas no caixón

Facturas no caixón
Fai anos, a existencia de facturas consideradas ilegais, por carecer de consignación orzamentaria, constituía un procedemento vergonzoso que se ocultaba, con rubor, mentres non se conseguira o suficiente crédito para recoñecelas. Sempre, baixo o temor de que unha auditoría destapase o fraude ou que a oposición se decatara do engano. Porque, como é lóxico, esta práctica irregular xera as conseguintes responsabilidades. Sen embargo, a pesar de que este mecanismo ilícito atenta contra os principios que fundamentan a execución orzamentaria, moitos dos nosos concellos o están utilizando, agora, de forma recorrente. Así, durante o exercicio 2013, excepto os municipios de Carnota, Dumbría, Muros e Zas, os restantes catorce concellos que configuran QPC aprobaron expedientes de recoñecementos extraxudiciais de crédito, para validar este fraude. Esconder facturas irregulares “no caixón” está de moda, porque se está utilizando unha figura xurídica de carácter excepcional, non habitual, sen disimulo. Pero, esta práctica de aprobar recoñecementos extraxudiciais de crédito, supón unha quebra do propio concepto de presuposto e dos principios orzamentarios de anualidade e de especialidade cualitativa e cuantitativa, ademais de vulnerar a lóxica máis simple, que só se xustifica como medida da aplicación en vía administrativa dun principio do ámbito privado, o de enriquecemento sen causa, que xurde cando se encarga ilegalmente un ben ou a prestación dun servicio a un provedor e, unha vez que o concello se apropia dese ben ou servizo, aínda que non fixera correctamente as cousas, para non beneficiarse inxustamente, está obrigado a satisfacer o importe da débeda. Non obstante, loxicamente, este comportamento pode xerar responsabilidades pola produción de actos administrativos nulos de pleno dereito. Pero, da a sensación de que non importa, porque nunca pasa nada. E así nos vai.
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios