Venres. 19.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:00
10/12/13

Gasto de persoal

Gasto de persoal

Un amigo, que está facendo unha labor xornalística encomiable, admitía o difícil que resulta valorar si un concello gasta pouco ou moito en persoal. E non lle falta razón.

Porque, do mesmo xeito que existen variables que expresan con nitidez a solvencia das finanzas municipais, os expertos non se poñen dacordo en parametrizar e consensuar unha regra de ouro que especifique o correcto volume deste tipo de gastos.

Sen embargo, determinar a súa importancia cuantitativa respecto do orzamento total é, certamente, sinxelo. Dividindo a cifra rexistrada no capítulo I Gastos de persoal, da liquidación do orzamento, entre as obrigacións recoñecidas totais, obtense o peso relativo desa magnitude.

Con este indicador, as comparacións porcentuais son homoxéneas. Así, en termos de media aritmética, o conxunto de concellos de Galicia sitúa este tipo de gastos no 32% do seu orzamento total. O dato para a provincia de A Coruña é do 31%; e o promedio dos municipios que configuran QPC está no 34,6%.

Taboa de Gasto de Persoal nos Concellos da Costa da Morte

O Concello de Zas destina, tan só, un 24,7% do seu orzamento ao pago de retribucións. Dumbría, Cabana, Carballo e Vimianzo tamén se atopan por debaixo da media da provincia (31%), da de Galicia (32%), e do conxunto dos nosos municipios (34,6%).

No extremo diametralmente oposto atópase Muros, cun significativo 42,8% de gasto destinado ao pago de cargos electos, asesores, persoal laboral (fixo e temporal) e funcionarios. Laxe e Muxía tamén superan o 40%.

Porcentaxe do Gasto en persoal nos Concellos da Costa da Morte

Os expertos consideran que no gasto de persoal influe, entre outros aspectos, a dimensión do territorio (extensión, posición xeográfica e distribución por parroquias), as características demográficas (número de habitantes, pirámide poboacional e saldo vexetativo e migratorio), e que tamén depende da estrutura productiva de cada localidade.

Ademais, sinalan que está condicionado, obviamente, polo número de efectivos, pero tamén polas nóminas de políticos con dedicacións exclusivas e parciais desorbitadas, asignacións por asistencias a plenos e xuntas de goberno locais desproporcionadas, dietas por viaxes de carácter político de difícil xustificación e salarios de asesores que duplican ás retribucións dos funcionarios, e aos que se lles permite, incluso, suplantar as súas atribucións.

Con todo, aí están os datos, para que poidan servir de comparación, reflexión e debate.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios