Xoves. 21.03.2019
El tiempo
Domingo Guerra
07:44
11/05/15

Non somos “mexebos”

Non somos “mexebos”
Este mes de maio cumprimos dous anos aflorando datos irrefutables, que acreditan aprobación de orzamentos e rendición de contas fóra de prazo, remanentes de tesourería negativos ou, por exemplo, niveis de endebedamento e gastos de persoal excesivos. Por tanto, dispoñemos de información específica dos nosos concellos, para votar con máis rigor. Así e todo, sabemos que durante o período electoral os mesmos responsables deses malos resultados intentarán terxiversar a realidade, como si a obxectividade dos datos fose algo manipulable, como si o transcurso do tempo non puxera a cada quen no seu lugar. En fin, como si fóramos “mexebos”, que é como lle chamamos en Muros aos que teñen pouca intelixencia, vamos, aos parvos. Por outro lado, a esencia do debate electoral, en concellos avanzados, fundaméntase na análise racional dos problemas que padece o municipio, coa finalidade de atopar solucións. Para iso, formúlanse propostas e confróntanse ideas, loxicamente, desde postulados diferentes. Non ten sentido a inxuria nin a demagoxia. E hoxe en día, menos que nunca. Porque, as distintas opcións saben que os votantes estamos cada vez mellor formados e somos máis críticos. E non toleramos que nos insulten chamándonos mexebos na cara, cando se promete que se fará de todo con menos impostos, ou cando se afirma que a transparencia presidirá a xestión dos recursos públicos. Porque, non existe unha fórmula máxica que permita conxugar orzamentos expansivos con menos imposición; nin se pode apelar ao principio de transparencia como si ese comportamento non fose consubstancial á democracia e ao sentido común. O vixente descrédito da política –ademais de pola intensidade da corrupción–, é a primeira derivada deste tipo de actuacións. Con todo, e sabendo que existen fundadas razóns para o escepticismo, confiemos na capacidade e sensatez dos candidatos a alcalde e a concelleiros. E oxalá acertemos coa nosa elección.
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

comentarios