Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Javi Turnes
11:49
09/10/17

A propósito do Que-pasa-na-Costa

A propósito do Que-pasa-na-Costa
banner 10anosQPC

Habería tanto que dicir…. En fin, comecemos in medias res.

Gilles Deleuze, para quen unha das posibilidades máis propias do ser humán era a de inventar conceptos, inventou un concepto ben interesante: o concepto de “axenciamento” (agencement). Aínda que levaría moito tempo definilo con rotundidade e rigor filosófico (algo que non importa agora en absoluto), poderiamos dicir que un axenciamento é unha multiplicidade que establece unións, relacións entre elementos heteroxéneos.

Os estudosos de Deleuze din que o importante dos axenciamentos non son as filiacións senón as alianzas. Que o importante non son as herencias e as descendencias -é dicir, os vínculos existentes nun lugar xa establecidados dende sempre- senón os contaxios, as epidemias, o vento.

Dito doutro xeito, que dende esta lóxica do axenciamento, defínennos máis -e isto é máis importante agora que en moito tempo- os axenciamentos dos que formamos  parte que o xénero, a especie ou a nación da que formamos parte. Deleuze pon exemplos disto: HOME-CABALO-ESTRIBO. O único que un fai é axenciar signos e corpos como pezas heteroxéneas dunha mesma máquina: MAR-NENA-CUNCHA.

Trátase como de formas de vida ou formas de encaixar o que nos traen as horas, os días. Darlle forma á continxencia onde acontece o desexo. Formas de relación nas que o importante non é a verdade ou a falsidade, senón o grao de intensidade que xorde dese encontro, dese axenciamento:  o incremento variable da potencia de comprender, de facer e de empatizar que xorde dese encontro.

Isto non para de suceder todo o tempo.

Máis aínda, un axenciamento é coma un medio de propiciar que ocorran cousas, fugas, saídas de campo -do previsible, do predecible- incluíndo todo tipo de alianzas. É como unha irmandade entre criaturas. E todas elas son interdependentes porque ningunha se basta a sí mesma. Tal comunidade terrestre, tales rituais de encontro inclúen que pase calquera cousa. Incluso un diario dixital incluso un libro ou unha viaxe. En definitiva, que as cousas nunca acontecen soas, fóra de contexto, senón que sempre hai unha complicidade entre elementos, enunciados, emocións, etc.

É moi importante reparar en que cando dicimos: “que-pasa-na-costa”, non só estamos enunciando un nome, a excentricidade duns rapaces que viñeron a un territorio hipersignificado para propoñer unha interpretación diferente, amorosa. Senón que estamos falando dun “axenciamento”. Do heroísmo que iso acarrea.

“Que-pasa-na-costa” está establecendo unha posibilidade nun territorio, unha potencia de complicidades: un suxeito -que- unha potencia -pasa- un lugar -na costa-”. Iso non tén equivalencia. Sobre todo, aquí, na Costa da Morte.

Isto é algo moi bravo. Sobre todo se nos detemos a pensar que dura no tempo, que prevalece, que medra coma unha árbore. Isto, ao mesmo tempo, coma un monstro de dúas cabezas, é unha alegría. Unha posibilidade, unha liberación. Un abrirse a que algo suceda dunha vez, etc.

Atravésame unha sensación que me di que debo resistirme a unha lectura máis emotiva destes últimos dez anos. A unha escritura máis íntima. Porque non sería fiable, porque lle restaría grandeza ao importante aquí que é Que-pasa-na-Costa.

Este axenciamento forma parte inseparable da miña biografía e dos meus afáns e dos meus propios axenciamentos case dende que cheguei a este territorio. Coetáneo da chegada aquí deses que tiveron a coraxe de arriscar este tipo de axenciamento neste lugar hostil (si, hostil a pesar das mistificacións institucionais ou turísticas ou intelectuais incluso)

Tantos soños, empeños, proxectos, éxitos, fracasos…. Un espazo para pensar e escribir… En fin, a certeza de que o recoñecemento neste lugar tivo que vir dos nómades coma mín e non dos daquí. En fin, todas esas ambivalencias e complicidades todas xuntas na alegría dun día de semana no que aquí na costa “non pasa nada”. O que pasa cando non pasa nada, e facer diso unha horta, un xardín. Tantas cousas….

Na Costa pasa moito (máis) dende que existe “Que-pasa-na-costa”. Dende que existe esta máquina de interpretar signos-da-costa. Iso é inquebrantable, incuestionable e, a pesar de poder parecer oportunista, faime inmensamente feliz o sentirme un dos múltiples elementos deste axenciamento.

Gracias rapaces; Ubi, Calaza, Dani, Marga, Mos, David….

Valientes.

Gracias.

Todo o meu amor e o meu respecto.

  • Javi Turnes.
 

#10anosQPC

10 entrevistas para #10anosQPC

10 artigos par #10anosQPC

Novas relacionadas

Artigos de Javier Turnes en “A Escarpadura”

Fonte

Comentarios